Noticias
O PP de Caldas pídelle ao Goberno local que faga todo o posible para evitar a marcha de Lúa Piñeiro
- Os populares solicítanlle ao Goberno local que habilite os medios necesarios para o patrocinio da deportista caldense
- “O noso grupo municipal vai prestar todo o seu apoio ao goberno local para que leve adiante esta proposta de patrocinio da carreira deportiva de Lúa Piñeiro porque o merece ela e porque os nosos veciños estarán de seguro orgullosos de que así sexa, entroutras cousas porque esta vila non se pode permitir a súa marcha”, manifestou o voceiro do Grupo Municipal e deputado autonómico, Jesús Goldar.
Caldas de Reis, 10 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Caldas de Reis vai promover unha iniciativa durante o transcurso do vindeiro pleno ordinario en relación co patrocinio da carreira de Lúa Piñeiro, deportista caldense de alta competición na modalidade de Tae Kwon Do. Así o manifestou o concelleiro do Grupo Municipal do PP, Jesús Goldar, para quen “esta vila non se pode permitir que Lúa Piñeiro se vexa na obriga de cambiar de residencia por non teres aquí patrocinios suficientes para continuar a súa brillante carreira deportiva”.
A xuízo do voceiro popular “esta deportista caldense de máximo prestixio, que proxecta por onde vai a imaxe do nosa vila, ten que ser protexida e impulsada polo Concello de Caldas de Reis porque é unha destacada competidora que está a obter importantísimos premios de carácter nacional e internacional, sendo unha excepcional embaixadora da nosa localidade”.
Por todo isto, en palabras de Goldar, “a institución máis importante de Caldas de Reis, que é o seu Concello, ten que evitar que Lúa Piñeiro se vexa na obriga de marchar a Madrid, Vigo ou Vilagarcía, gobernos que xa lle ofreceron o seu patrocinio a cambio de que mude a súa residencia”.
O PP de Caldas denuncia novamente a absoluta deixadez do goberno local cos vertidos directos ao río Umia
- O PP de Caldas de Reis esixe de novo ao Goberno local que poña fin ao vertido directo ao río Umia que leva meses sen control no paseo da Tafona e esixirá que sexa o alcalde quen pague do seu peto as sancións que se poidan impoñer pola súa neglixencia
- “De novo este grupo municipal ten a obriga de denunciar publicamente un novo vertido directo ao Río Umia no Paseo da Tafona que este goberno local non é de solventar pese a levar meses sen control”, dixo hoxe o voceiro do Grupo Municipal e deputado autonómico, Jesús Goldar.
Caldas de Reis, 9 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Caldas de Reis ven de denunciar no día de hoxe un novo vertido directo ao Río Umia, no casco urbano da localidade, que “leva semanas descontrolado e sen que polo goberno local se faga absolutamente nada para impedilo”, en palabras do voceiro municipal e deputado autonómico Jesús Goldar.
“De novo este grupo municipal ten a obriga de denunciar publicamente un novo vertido directo ao Río Umia no Paseo da Tafona que este goberno local non é de solventar”, manifestou o portavoz caldense que engadiu do mesmo xeito que “o goberno local socialista non se entera de nada; este vertido leva semanas no mesmo sitio sen que por parte do goberno local se tomen as medidas acaídas para que remate dunha vez”.
A xuízo do voceiro caldense “logo este alcalde e o seu goberno poñen o grito no ceo cando Augas de Galicia abre expedientes sancionadores ao concello por vertidos que non se paran e nós preguntámonos con que pouca vergoña se pode dicir iso e ao mesmo tempo non facer nada para previlos e, cando se producen, tampouco se fai nada para eliminalos”, concluíu Goldar Güimil.
O PP de Salceda de Caselas denuncia a actuación do goberno local ante o incumprimento da seguridade vial
- Abertas as rúas centrais despois das obras non se colocaron ningún tipo de sinalización, o que está a provocar graves problemas circulatorios
Salceda de Caselas, 9 de septiembre de 2010.- O Partido Popular de Salceda de Caselas amosa a súa preocupación ante o caos circulatorio creado no centro da vila por mor da falta de sinalización nas rúas centrais, Avenida de Galicia, Joaquín Fernández Sestelo e Victoriano Pérez, unha vez abertas ao tráfico tralas obras correspondentes ao proxecto de humanización.
Dende o PP aseguran que non existe ningunha sinal que indique o “stop” na rúa Brasil para a incorporación á Avenida de Galicia, tampouco outra de dirección prohibida na rúa Fernández Sestelo nin a que indique a prohibición de xirar á esquerda na Avenida de Galicia cara á rúa Brasil. “Estas rúas foron abertas o domingo pola noite e a día de hoxe non existe ningún tipo de sinalización para que os conductores poidan circular de xeito adecuado, polo que se están a provocar graves atrancos e as consecuencias poden chegar a ser máis extremas”, explica o presidente do PP local Santiago Rodríguez Davila. “Estamos, novamente, ante unha falta de organización e coordinación do Goberno local que está a dar pé a un grave problema de seguridade vial”, conclúe.
O PP de Rodeiro pregúntase qué intenta ocultar Vence no estado de contas do concello para negarse a facilitar esta información tantas veces
- Ante as reticencias que o Goberno local ten para facilitar información sobre a situación actual das arcas municipais
- A intención do Partido Popular é coñecer o estado das partidas orzamentarias, “porque non nos fiamos nin do actual equipo de goberno nin da súa actitude derrochadora”, aseguran desde o PP
- López afirma que o PP vai presentar unha queixa ante o Valedor do Pobo
- O PP insta ao BNG a que esixa de inmediato a realización da autoría á que se comprometeron hai un ano, cando se asinou o pacto co PSOE
Rodeiro, 9 de setembro de 2010. – O PP de Rodeiro pregúntase que intenta esconder o alcalde do municipio, o socialista José Vence, ao negarse a facilitar en varias ocasións o estado das partidas orzamentarias. “Unha información pública e que debería estar ao alcance da oposición, para poder exercer con garantías as funcións que lle corresponden”, aseguran desde o PP.
O voceiro dos populares, Luís López, afirma que a intención do Partido Popular é coñecer o estado das partidas orzamentarias, “porque non nos fiamos nin do actual equipo de goberno nin da súa actitude derrochadora, a intención non é saber en que se gasta o diñeiro porque iso xa o sabemos coas actas da Xunta de Goberno local, o único que pretendemos é coñecer a situación actual das arcas municipais”.
A desconfianza dos populares nace ante as reticencias que Vence tivo, xa no 2009, a facilitar as contas do concello. Este feito puxo en preaviso ao PP local, xa que “nesa ocasión intentábase ocultar a débeda que o concello de Rodeiro tiña cos proveedores, e que continúa, por certo, na actualidade”.
O Partido Popular de Salceda de Caselas peregrina á Franqueira
- Os populares organizan unha marcha a pé a este Santuario que sairá ás 02.00 horas do domingo do torreiro da Igrexa de Santa María de Salceda
Salceda de Caselas, 7 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Salceda de Caselas organiza a vindeira fin de semana unha marcha a pé ao Santuario da Franqueira. Todos aqueles que desexen participar nesta peregrinación deberán presentarse ás 02.00 horas da madrugada deste domingo, 12 de setembro, no torreiro da Igrexa de Santa María de Salceda para emprender o camiño todos xuntos cara esta localidade de A Cañiza.
Unha vez chegados á Franqueira o grupo de romeiros asistirá á misa das 09.00 horas. No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas aprazarase para a vindeira fin de semana, ao mesmo día, hora e lugar.
O PP de Redondela insta ao Goberno Local a que acometa as súas responsabilidades e cumpra as normativas vixentes
- Os populares denuncian a actitude de deixadez dos dirixentes municipais que non escoitan nin dan respostas as demandas dos veciños
- O Concello deixa de repoñer colectores do lixo polo seu alto custe e colocan outros que non reúnen as características esixibles de acordo á ordenanza municipal de tratamento de residuos sólido urbanos
Redondela, 7 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela denuncia, unha vez máis, a deixadez do Goberno local á hora de dar resposta ás necesidades, demandas e problemas dos veciños do municipio. Son moitas as peticións básicas non cubertas por uns dirixentes que non asumen as súas verdadeiras competencias.
Ante solicitudes veciñais como o control de mantemento e limpeza de marquesinas e unha maior presencia policial para evitar actos vandálicos, como o destrozo de mobiliario urbano ou a celebración de carreiras ilegais de coches e motos, as respostas son tan pobres como a última que deu o edil responsable de Medio Ambiente ante a petición do Partido Popular de colocar novos colectores de lixo á entrada do Camiño do Torreiro, diante do IES de Chapela.
A contestación nesta ocasión foi “que se queimaron varias veces os colectores, que repoñelos custa preto de cinco mil euros e que esa foi a razón de que se puxeran outros metálicos”. Uns colectores que son empregados para tirar todo tipo de residuos, polo que non se realiza unha recollida selectiva como impoñen as normas. A maiores, ao non dispor de tapa desprenden fortes cheiros, unha situación desagradable para os que por alí pasan, ademais de incumprir a Ordenanza Reguladora de Xestión e Tratamento de Residuos Sólidos Urbanos no seu artigo número 20 (apartado D), no cal se recolle literalmente pecharase a tapa do colector despois de depositar os residuos; unha norma á que os veciños poden preguntarse de que xeito cumprila para actuar conforme á lei, se non existen esas tapas.
O PP de Redondela denuncia a situación dos veciños de Chapela que se senten indefensos e abandonados polo Goberno Local
- O Concello non cumpre coas suas obrigacións e os redondeláns teñen que realizar as funcións que lle compete ao Goberno municipal como son a limpeza das praias e a iniciativa de limpar as leiras e montes por risco de lumes
Redondela, 3 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela denuncia a actitude de pasividade do Goberno local ante as inquedanzas e os problemas dos veciños de Chapela. Os populares lamentan que sexan os propios veciños os que teñan que tomar a iniciativa en diversos acometidos como son as tarefas de limpeza da praia de Arealonga ou a recollida de sinaturas co fin de que o Concello poña os medios ao seu alcance polo que respecta á limpeza de leiras particulares e dos montes en xeral.
Dende o PP local sinalan que “o máis lamentable é a pasividade e indiferenza que amosan os responsables municipais cos veciños á hora de dar solucións axeitadas aos numerosos problemas cotiáns que se formulan”. Ante as peticións dunha limpeza a fondo da praia de Arealonga, os veciños atopáronse cunha oposición frontal por parte do responsable municipal de Medio Ambiente, “actuando como se o problema fose algo ficticio, inventando, inexistente ou, o que é peor, que houbese unha man negra política detrás de todo este asunto”.
Polo que respecta á petición de limpeza de leiras e montes na parroquia de Chapela, formulada por escrito e con sinaturas de máis dun cento de veciños, co único obxectivo de evitar os asoladores lumes, o Concello de Redondela limítase a contestar que “para facer viable unha actuación eficiente respecto a este problema, acorde coas actuais posibilidades orzamentarias do Concello, sería preciso unha identificación de aquelas propiedades que ofrecen un especial perigo aportando, de ser posible, un plano de situación que permita a súa localización”.
Os grupo popular redondelán convida aos seus afiliados e simpatizantes ao inicio do novo curso político
- Este sábado sairá un autobús, ás 10.15 horas, dende Chapela pasando ás 10.30 horas polo centro de Redondela con destino ao Castelo de Soutomaior
Redondela, 3 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela informa que porá a disposición de todos os seus afiliados e simpatizantes un autobús, de balde, para asistir á apertura do novo curso político este sábado, día 4 de setembro, no Castelo de Soutomaior. Os interesados deberán chamar ao teléfono 986 40 40 22 para reservar praza. O autobús fará a súa primeira parada no centro de saúde de Chapela, ás 10.15 horas e máis tarde, ás 10.30 horas diante da Farola en Redondela.
Os membros da xestora, encabezados por Javier Bas, acudirán a este acto de inauguración no que tamén estarán presentes os líderes dos populares Rafael Louzán, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy que, outro ano máis, elixen Galicia para a apertura deste novo curso político marcado pola celebración dos vindeiros comicios municipais de maio de 2011.
O PP de Caldas comezará unha rolda de contactos coas diferentes asociacións culturais e veciñais do municipio
- “O noso partido vai escoitar de primeira man as demandas das asociacións e dos veciños de todas as parroquias de Caldas de Reis para podelas canalizar a través do Pleno Municipal e esixirlle ao goberno socialista o seu urxente cumprimento”, dixo Jesús Goldar, voceiro municipal do Partido Popular.
Caldas de Reis, 2 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Caldas de Reis comezará en poucos días unha rolda de contactos e xuntanzas cos diferentes colectivos veciñais da localidade. Así o anunciou hoxe Jesús Goldar, voceiro municipal, quen dixo que “nas próximas semanas enviaranse as peticións de entrevistas aos presidentes e directivos das Asociacións Culturais e Veciñais de Caldas e que se levarán a cabo ao longo dos próximos meses, seguindo unha programación xa establecida pola Xunta Local do noso partido”.
Engadiu o voceiro popular que “o PP está traballando intensamente co fin de coñecer de primeira man cales son as actuais necesidades destes colectivos que tanto fan por dinamizar a vida das súas parroquias e por achegar a cultura e o progreso aos seus veciños, suplindo en moitos casos a absoluta inactividade do goberno socialista local nesta materia e, un paso máis neste traballo, é o de escoitar as súas aportacións e achegarlles tamén solucións e alternativas”.
Este novo obxectivo do Partido Popular de Caldas de Reis, en palabras do concelleiro e voceiro, “pretende que os veciños utilicen aos nosos concelleiros na corporación que están a súa completa disposición e, en definitiva, imos escoitar de primeira man as demandas das asociacións e dos veciños de todas as parroquias de Caldas de Reis para podelas canalizar a través do Pleno Municipal e esixirlle ao goberno socialista o seu urxente cumprimento”.
O PP de Rodeiro esixe a reapertura inmediata da piscina municipal despois de que pechara de maneira anticipada
- “Nunca se pechou antes de acabar o mes de agosto e menos cando as condicións climatolóxicas son favorables”, aseguran os populares.
- O voceiro popular descoñece o motivo do peche, e esíxelle explicacións a Vence.
- Os populares de Rodeiro, solicitan unha vez máis do Goberno local a aprobación inmediata dos presupostos do 2010
- Os empresarios afectados están canalizando a través do PP as súas queixas para que desde o Grupo Popular se esixa unha solución inmediata
Rodeiro, 2 de setembro de 2010. – O PP de Rodeiro esixe ao Goberno local a reapertura inmediata da piscina municipal despois de que o pasado domingo pechara sen previo aviso.
O voceiro da agrupación popular, Luís López, considera “normal” o enfado e malestar dos veciños ante o peche anticipado e sen aviso da piscina do municipio, xa que “nunca cerrou antes de acabar o mes de agosto -o mes máis caloroso do ano-, e menos aínda cando as predicións climatolóxicas son favorables ata finalizar a primeira semana de setembro”.
O voceiro popular descoñece o motivo do peche, e esíxelle explicacións a Vence. Ao mesmo tempo que teme que a causa estea relacionada co aforro en gastos de persoal, “son capaces de pechar antes de tempo para non pagarlle ao socorrista cando non fan miramentos á hora de pagar papatorias”.
Desde o PP de Rodeiro lamentan esta incidencia e consideran que “é un erro cerrar a piscina uns 10 días antes do previsto, xa que supón un prexuízo para todos os veciños que usan habitualmente este servizo”.
X Congreso Local do PP de A Estrada
12 de xuño de 2010/11,30 h.
Pavillón Multiusos
IX Congreso Local do PP de Vilagarcía de Arousa
12 de xuño de 2010/19,30 h.
Recinto Feiral de Fexdega
VI Congreso Local do PP de Tomiño
19 de xuño de 2010/11,30 h.
Auditorio de Goián
Eventos
| « | < | Septiembre 2010 | > | » |
| L | M | X | J | V | S | D |
| 30 | 31 | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 |
| 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 |
| 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 |
| 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 |
| 27 | 28 | 29 | 30 | 1 | 2 | 3 |
Enlaces
|
|




