Prensa
O PP de Redondela denuncia a situación dos veciños de Chapela que se senten indefensos e abandonados polo Goberno Local
- O Concello non cumpre coas suas obrigacións e os redondeláns teñen que realizar as funcións que lle compete ao Goberno municipal como son a limpeza das praias e a iniciativa de limpar as leiras e montes por risco de lumes
Redondela, 3 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela denuncia a actitude de pasividade do Goberno local ante as inquedanzas e os problemas dos veciños de Chapela. Os populares lamentan que sexan os propios veciños os que teñan que tomar a iniciativa en diversos acometidos como son as tarefas de limpeza da praia de Arealonga ou a recollida de sinaturas co fin de que o Concello poña os medios ao seu alcance polo que respecta á limpeza de leiras particulares e dos montes en xeral.
Dende o PP local sinalan que “o máis lamentable é a pasividade e indiferenza que amosan os responsables municipais cos veciños á hora de dar solucións axeitadas aos numerosos problemas cotiáns que se formulan”. Ante as peticións dunha limpeza a fondo da praia de Arealonga, os veciños atopáronse cunha oposición frontal por parte do responsable municipal de Medio Ambiente, “actuando como se o problema fose algo ficticio, inventando, inexistente ou, o que é peor, que houbese unha man negra política detrás de todo este asunto”.
Polo que respecta á petición de limpeza de leiras e montes na parroquia de Chapela, formulada por escrito e con sinaturas de máis dun cento de veciños, co único obxectivo de evitar os asoladores lumes, o Concello de Redondela limítase a contestar que “para facer viable unha actuación eficiente respecto a este problema, acorde coas actuais posibilidades orzamentarias do Concello, sería preciso unha identificación de aquelas propiedades que ofrecen un especial perigo aportando, de ser posible, un plano de situación que permita a súa localización”.
Os grupo popular redondelán convida aos seus afiliados e simpatizantes ao inicio do novo curso político
- Este sábado sairá un autobús, ás 10.15 horas, dende Chapela pasando ás 10.30 horas polo centro de Redondela con destino ao Castelo de Soutomaior
Redondela, 3 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela informa que porá a disposición de todos os seus afiliados e simpatizantes un autobús, de balde, para asistir á apertura do novo curso político este sábado, día 4 de setembro, no Castelo de Soutomaior. Os interesados deberán chamar ao teléfono 986 40 40 22 para reservar praza. O autobús fará a súa primeira parada no centro de saúde de Chapela, ás 10.15 horas e máis tarde, ás 10.30 horas diante da Farola en Redondela.
Os membros da xestora, encabezados por Javier Bas, acudirán a este acto de inauguración no que tamén estarán presentes os líderes dos populares Rafael Louzán, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy que, outro ano máis, elixen Galicia para a apertura deste novo curso político marcado pola celebración dos vindeiros comicios municipais de maio de 2011.
O PP de Caldas comezará unha rolda de contactos coas diferentes asociacións culturais e veciñais do municipio
- “O noso partido vai escoitar de primeira man as demandas das asociacións e dos veciños de todas as parroquias de Caldas de Reis para podelas canalizar a través do Pleno Municipal e esixirlle ao goberno socialista o seu urxente cumprimento”, dixo Jesús Goldar, voceiro municipal do Partido Popular.
Caldas de Reis, 2 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Caldas de Reis comezará en poucos días unha rolda de contactos e xuntanzas cos diferentes colectivos veciñais da localidade. Así o anunciou hoxe Jesús Goldar, voceiro municipal, quen dixo que “nas próximas semanas enviaranse as peticións de entrevistas aos presidentes e directivos das Asociacións Culturais e Veciñais de Caldas e que se levarán a cabo ao longo dos próximos meses, seguindo unha programación xa establecida pola Xunta Local do noso partido”.
Engadiu o voceiro popular que “o PP está traballando intensamente co fin de coñecer de primeira man cales son as actuais necesidades destes colectivos que tanto fan por dinamizar a vida das súas parroquias e por achegar a cultura e o progreso aos seus veciños, suplindo en moitos casos a absoluta inactividade do goberno socialista local nesta materia e, un paso máis neste traballo, é o de escoitar as súas aportacións e achegarlles tamén solucións e alternativas”.
Este novo obxectivo do Partido Popular de Caldas de Reis, en palabras do concelleiro e voceiro, “pretende que os veciños utilicen aos nosos concelleiros na corporación que están a súa completa disposición e, en definitiva, imos escoitar de primeira man as demandas das asociacións e dos veciños de todas as parroquias de Caldas de Reis para podelas canalizar a través do Pleno Municipal e esixirlle ao goberno socialista o seu urxente cumprimento”.
O PP de Rodeiro esixe a reapertura inmediata da piscina municipal despois de que pechara de maneira anticipada
- “Nunca se pechou antes de acabar o mes de agosto e menos cando as condicións climatolóxicas son favorables”, aseguran os populares.
- O voceiro popular descoñece o motivo do peche, e esíxelle explicacións a Vence.
- Os populares de Rodeiro, solicitan unha vez máis do Goberno local a aprobación inmediata dos presupostos do 2010
- Os empresarios afectados están canalizando a través do PP as súas queixas para que desde o Grupo Popular se esixa unha solución inmediata
Rodeiro, 2 de setembro de 2010. – O PP de Rodeiro esixe ao Goberno local a reapertura inmediata da piscina municipal despois de que o pasado domingo pechara sen previo aviso.
O voceiro da agrupación popular, Luís López, considera “normal” o enfado e malestar dos veciños ante o peche anticipado e sen aviso da piscina do municipio, xa que “nunca cerrou antes de acabar o mes de agosto -o mes máis caloroso do ano-, e menos aínda cando as predicións climatolóxicas son favorables ata finalizar a primeira semana de setembro”.
O voceiro popular descoñece o motivo do peche, e esíxelle explicacións a Vence. Ao mesmo tempo que teme que a causa estea relacionada co aforro en gastos de persoal, “son capaces de pechar antes de tempo para non pagarlle ao socorrista cando non fan miramentos á hora de pagar papatorias”.
Desde o PP de Rodeiro lamentan esta incidencia e consideran que “é un erro cerrar a piscina uns 10 días antes do previsto, xa que supón un prexuízo para todos os veciños que usan habitualmente este servizo”.
Louzán afirma que o PP afronta o novo curso político coa vista posta nas eleccións do 2011, nas que vai propor “alternativas fortes e cun rumbo claro”
- O presidente provincial amosou a súa satisfacción polo feito de que Pontevedra sexa un ano máis o escenario elixido para abrir o curso político do PP
- “O PP vai supoñer a garantía dun goberno único, cun único programa, proporcionando estabilidade durante catro anos en todos os concellos nos que goberne”
- O Castelo de Soutomaior acollerá o vindeiro sábado o inicio de curso político, coa presenza do presidente nacional do partido, Mariano Rajoy, e do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo
Pontevedra, 1 de setembro de 2010.- O PP provincial de Pontevedra inicia o novo curso político coa vista posta nas eleccións municipais de 2011, “traballando con planificación e prudencia co fin de buscar ás mellores persoas que poidan nun momento económico difícil coma o actual, seguir mantendo a ilusión dos cidadáns e ofrecer os mellores servizos”.
Así o puxo de manifesto o presidente provincial do PP, Rafael Louzán, que subliñou que un dos obxectivos do PP en Pontevedra é garantir os mellores activos en cada unha das 62 localidades nas que se presenta, para poder propoñer alternativas fortes e cun rumbo claro, contrarios aos gobernos bipartitos e tripartitos que xa demostraron que supoñen un fracaso para os cidadáns, sen programas que poidan cumprir e que buscan o poder só a costa de que non goberne o PP”.
Nesta liña, asegurou que “o PP vai supoñer a garantía dun goberno único, cun único programa, proporcionando estabilidade durante catro anos en todos os concellos nos que goberne”.
O PP de Vilagarcía considera que as directrices de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, conseguirán para Vilagarcía o que os socialistas perderon en 20 anos de Goberno local
- O Grupo Municipal Popular considera que as alegacións presentadas polo bipartito local sitúan o debate político donde o PP sempre o tivo, situar a Vilagarcía como a grande cidade que é e lamenta que o bipartito se dera de conta 3 anos máis tarde.
- O voceiro popular Tomás Fole considera que “máis vale tarde que nunca”, e alégrase de que o goberno local asuma o slogan dos populares na última campaña municipal: “Vilagarcia oitava cidade”.
- O Partido Popular mostra unha vez máis o seu sentido de partido de futuro goberno para Vilagarcía e mostra toda a colaboración necesaria ao bipartito local para traballar no senso de dar a Vilagarcía o lugar que lle corresponde.
Vilagarcía, 1 de setembro de 2010.- O Partido Popular de Vilagarcía considera que as alegacións presentadas polo bipartito local ás Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) elaboradas pola Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras sitúan o debate político, por primeira vez en tres anos de mandato, nun asunto de verdadeira importancia para os vilagarciáns, aínda que sexa con 3 anos de retraso, e onde o PP sempre o tivo, en situar a Vilagarcía como unha gran cidade que é. “Por primeira vez, non é unha cortina de fume para agochar a súa non xestión”, e dende o PP esperase que esta vez si exista diálogo e consenso.
Lonxe das críticas dos socialistas ao documento das DOT, dende o PP de Vilagarcía teñen claro que éstas conseguirán para a nosa cidade o que os socialistas non foron quen en 20 anos de Goberno local, é dicir, recuperar o lugar que lle corresonde dentro do territorio galego, non só na súa ordenación, senón na súa imaxe e importancia social, económica cultural, e turística que tiña e esperamos volva a ter.
O PP de Caldas xustifica a súa xestión ante Augas de Galicia e insiste en que o alcalde non trasladou as demandas dos veciños afectados como era a súa obriga
- O grupo municipal do Partido Popular alégrase de que o alcalde estea tan molesto con eles por facer o seu traballo
- “O alcalde alporízase con moita facilidade porque dicimos as verdades que non lle gusta escoitar, pero seguiremos a cumprir coa nosa obriga de fiscalizar a súa mediática xestión, máis preocupada dos anuncios ca por resolver os problemas dos veciños”, manifestou Jesús Goldar, voceiro municipal do Partido Popular.
Caldas de Reis, 27 de agosto de 2010.- O Partido Popular de Caldas de Reis saíu ao paso das declaracións efectuadas polo alcalde da localidade en relación coa xestión que os concelleiros populares fixeron ante o organismo autónomo Augas de Galicia quen procederá nun prazo breve de tempo á limpeza integral do Río Follente, na parroquia de Bemil.
Deste xeito, o voceiro do grupo municipal do PP caldense, dixo que “o Concello trasladou a Augas de Galicia a petición da limpeza do río máis esta comunicación foi unha simple carta de cinco liñas e unhas fotos na que se solicita a actuación xenérica, sen que se lle fixera ningún seguimento máis nin ningunha outra xestión e sen que se dixera nada en absoluto das constantes queixas e prexuízos ocasionados aos veciños, que llo estaban a reclamar ao alcalde dende hai anos, que foi exactamente o que o noso grupo denunciou”. Ademais, engade, “gustaríanos saber se esa mesma comunicación lla enviaron ao anterior goberno da Xunta de Galicia durante os derradeiros anos do bipartito porque a sedimentación e as obstrucións do cauce non son de agora senón de hai xa moito tempo, é dicir, máis de 2 e máis de 3 anos”.
Segundo o portavoz do PP “é cando menos moi curiosa a actitude do alcalde da localidade que semella estar molesto co noso grupo municipal por facer o traballo que nos encomendaron os veciños de Caldas de Reis nas pasadas eleccións e que non é outro que o de fiscalizar a xestión do goberno municipal e presentar alternativas para mellorar a calidade de vida dos caldenses”. Neste sentido o voceiro engadiu que “seguiremos a facer o noso traballo lle guste máis, lle guste menos ou non lle guste nada ao Sr. Rey e, polo que lle aconsellamos que asuma esta situación ou, se non é quen de soportala democraticamente, que busque outros quefaceres”.
O PP de Rodeiro acusa a Vence de consentir “prácticas caciquís”
- Acusa ao edil de Servizos Básicos, Manuel García Deza, de instalar material deportivo do concello nun terreo privado no lugar de Outeiro, parroquia de Guillar.
Rodeiro, 26 de agosto de 2010. – O PP de Rodeiro culpan ao rexedor local, o socialista José Vence, de consentir actuacións caciquís por parte dalgúns concelleiros. Os populares acusan ao edil de Servizos Básicos, Manuel García Deza, de instalar material deportivo do concello nun terreo privado da aldea de Outeiro, na parroquia de Guillar. Concretamente trátase dunha portería, que antes se ubicaba no campo da festa de O Salto.
“Que se saiba ao concello ninguén lle deu un documento de cesión desa finca como espazo deportivo, polo que o terreo é privado”, considera o voceiro dos populares, Luís López.
Para os populares trátase dunha “mostra máis, da política caciquil que se está exercendo no concello, consentida polo alcalde, ao facer regalos con material municipal a particulares, seguramente con fin de recaudar votos"
Os populares empregan a ironía para preguntar a Manuel García Deza “se esa medida a pensan levar a cabo con todos os veciños do concello, xa que postos a regalar, todos os nenos de Rodeiro terían o mesmo dereito”.
López considera “intolerable o trato de favor” que o equipo de Goberno dá a algúns veciños “como se pensaran que o concello e todo o material municipal fora da súa propiedade”.
O PP de Caldas xestiona ante Augas de Galicia a limpeza do río Follente en Bemil
- O Partido Popular de Caldas visita cos veciños do lugar o estado actual do río
- Trasladaron ao organismo autónomo Augas de Galicia (...) as demandas dos veciños
Caldas de Reis, 25 de agosto de 2010.- O Partido Popular de Caldas de Reis trasladaron ao organismo autónomo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as demandas dos veciños de Follente, na parroquia de Bemil, para que por parte deste ente se proceda á limpeza integral do Río que leva o mesmo nome que o lugar que atravesa.
Deste xeito, dixo o voceiro do PP de Caldas, “ante a demanda formulada polos veciños do lugar aos concelleiros do noso Grupo Municipal, e debido á pasividade do grupo de goberno socialista da localidade que non foi quen de lle trasladar estas constantes queixas dos veciños a ninguén nin agora nin nunca, púxose en contacto con responsables da Consellería da que depende Augas de Galicia e, de xeito case inmediato, técnicos do organismo visitaron a parroquia para comprobar in situ o estado no que se atopa este afluente do Río Umia, acompañados dun grupo de veciños do lugar e dos concelleiros municipais do Partido Popular”.
Neste mesmo sentido, Goldar Güimil avanzou que “nos próximos días estará lista a valoración feita polos técnicos onde sinalarán as actuacións a acometer no cauce do río e que deberán consistir, fundamentalmente, na retirada dos depósitos acumulados ao longo do seu trazado natural, e tamén na limpeza das ribeiras ata a súa desembocadura”.
O PP de Redondela denuncia o mal estado dos parques infantís do municipio
- Reclama ao equipo de goberno “a mellora e acondicionamento deste espazo infantil, esixíndolle ao concelleiro responsable desta área que visite de vez en cando os parques do concello para poder cumprir debidamente as súas funcións”
Redondela, 24 de agosto 2010. – O PP de Redondela denuncia o “lamentable” estado de conservación, limpeza e salubridade dos parques infantís do municipio, en concreto do Parque Infantil da Xunqueira, tralas queixas que canalizan a través do PP moitos veciños e pais afectados.
O concelleiro popular, Miguel Ángel Álvarez, mencionou que en reiteradas ocasións o Partido Popular de Redondela trasladou este problema ao equipo de goberno a través de mocións, rogos e preguntas co fin de que se tomaran as medidas oportunas pero “o estado de deterioro dos parques complícase máis cada día pola deixadez e a falta de interese do concelleiro responsable”.
Algún concelleiro e membros do PP de Redondela visitaron os parque e comprobaron in situ que “o po en suspensión é case permanente ao estar parte do parque sobre area e terra, o que pode provocar problemas respiratorios a todos os nenos que xogan alí e en especial aos asmáticos”. Ademais disto, advirten da falta de medidas de seguridade, xa que “faltan valados de protección e delimitación na zona de corcho e hai reixas levantadas e obstruídas, bordes de cemento perigosos e un acceso aberto ao río polo que calquera neno puidera caer nun descoido”.
X Congreso Local do PP de A Estrada
12 de xuño de 2010/11,30 h.
Pavillón Multiusos
IX Congreso Local do PP de Vilagarcía de Arousa
12 de xuño de 2010/19,30 h.
Recinto Feiral de Fexdega
VI Congreso Local do PP de Tomiño
19 de xuño de 2010/11,30 h.
Auditorio de Goián
Eventos
| « | < | Septiembre 2010 | > | » |
| L | M | X | J | V | S | D |
| 30 | 31 | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 |
| 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 |
| 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 |
| 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 |
| 27 | 28 | 29 | 30 | 1 | 2 | 3 |
Enlaces
|
|




