Begoña Estévez afirma que o obxectivo do PP “non é descabezar a ningún outro grupo político” porque “para iso xa se bastan eles sós coa súa xestión”

 

  • O Comité de Dirección abordou hoxe as liñas a seguir para a designación de candidatos de cara ás próximas eleccións municipais
  • A secretaria xeral do PP provincial en Pontevedra salientou que a estratexia dos populares para acadar os mellores resultados en 2011 vai ser a de “ofrecer solucións reais e concretas a cada un dos concellos en función das súas necesidades”


Pontevedra, 3 de marzo de 2010. – A secretaria xeral do PP provincial de Pontevedra, Begoña Estévez, salientou hoxe que o obxectivo do PP de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2011 non se vai centrar “en descabezar a ningún outro grupo político, xa que para iso xa se bastan eles sós coa súa xestión”, senón en tratar de ofrecer en todos e cada un dos concellos da provincia os mellores equipos e os mellores programas.

Nunha rolda de prensa previa á segunda reunión do Comité de Dirección do PP provincial, na que se comezaron a perfilar os prazos e as estratexias para a designación dos candidatos de cara ás vindeiras eleccións municipais, Estévez incidiu en que a “idea dos populares como partido é ofrecer solucións reais e concretas para cada un dos concellos en función das súas necesidades”.

Con este obxectivo, membros da directiva provincial do PP, encabezados polo propio presidente do partido, Rafael Louzán, e a secretaria xeral, están realizando desde o mes de xaneiro reunións con todas as xuntas locais dos concellos, co obxectivo de recoller as súas demandas e escoitar a percepción que os militantes e afiliados teñen das necesidades de cada localidade.
 

Segundo asegurou Begoña Estévez “esta é a única maneira de manter vivo o partido” e facilita, ademais, a elaboración de “alternativas de goberno claras para resolver os problemas de cada concello”. A secretaria xeral do PP recalcou que “a nós non nos sobra ninguén nin temos fixación persoal con ningunha cabeza visible doutro partido, porque o que queremos é centrarnos nas propostas que imos facer e nesa liña estamos a traballar”.

CANDIDATURAS
Con respecto ás candidaturas para os próximos comicios municipais, o PP provincial traballa coa idea de combinar a experiencia coa renovación o que, segundo asegurou Estévez, implicará cambios nas cabezas de lista de varios municipios.

Esta foi, precisamente, unha das liñas de traballo do Comité de Dirección celebrado esta tarde, no que se comezaron a perfilar “aqueles concellos onde pode haber un posible cambio de candidatos ou a incorporación dalgunha persoa nova, co obxectivo de marcar o camiño e delimitar que concellos son os máis urxentes e en cales se require dunha actuación máis inmediata”.

HOSPITAL ÚNICO
Por outra banda, a secretaria xeral dos populares aproveitou tamén para expoñer a postura do PP provincial en relación á construción dun novo hospital en Pontevedra, salientando que dispor “dun hospital que estea ben dotado tecnoloxicamente, que conte cos mellores medios técnicos e cos mellores profesionais” resulta vital para Pontevedra e é esta a aposta que na actualidade está a facer a Consellería de Sanidade co proxecto do Hospital de Monte Carrasco.

Para Begoña Estévez, resulta incomprensible “a postura daquel responsable político ou daquel dirixente sindical que estea en contra de mellorar a sanidade”.

A dirixente popular lembrou que os que hoxe promoven a Plataforma pro ampliación de Montecelo son os mesmos que fai uns anos “estaban en protestas continuas manifestando a súa postura contraria á ampliación de Montecelo”. Incomprensiblemente “hoxe alíanse nunha plataforma en contra da modernización da sanidade na nosa provincia, non só na área norte senón tamén na área sur”.

Malia todo, o máis grave desta situación é a campaña de manipulación e engano que están a desenvolver “falándolle de forma demagóxica aos cidadáns, mentíndolles e dicindo que se trata dunha privatización da Sanidade, cando é falso”.
“A sanidade é 100 por cen pública e seguiráo sendo”, recalcou Estévez, e só serán xestionados pola empresa privada os mesmos servizos que na actualidade xa están externalizados.
 

< Anterior   Siguiente >

benvida do presidente da Deputación de Pontevedra

X Congreso Local do PP de A Estrada

12 de xuño de 2010/11,30 h.
Pavillón Multiusos

IX Congreso Local do PP de Vilagarcía de Arousa

12 de xuño de 2010/19,30 h.
Recinto Feiral de Fexdega

VI Congreso Local do PP de Tomiño

19 de xuño de 2010/11,30 h.
Auditorio de Goián

Eventos

« < Septiembre 2010 > »
L M X J V S D
30 31 1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 1 2 3

Enlaces


Partido Popular Pontevedra | Reina Victoria, 9 - 2º, 36001 PONTEVEDRA | Tel: 986840000/986851400 | Fax: 986853193
Aviso legal | Contactar