Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • «Saír a pasear cos pacientes é xogarse a vida»

    • O PP traslada as denuncias polos graves problemas de accesibilidade nos arredores do Instituto de Neuro-recuperación en Andurique,  que prexudican o día a día dos pacientes, os seus  familiares e acompañantes, chegados de toda a provincia e do resto de España.
    • «Os pacientes con mobilidade reducida non poden facer actividades cotiás como dar un paseo, ou tomar un café cun familiar sen arriscar a vida», lamentan os populares, que pedirán unha actuación de inmediato: «Pedimos ao alcalde que escoite a estes veciños».
    • Ángel Moldes recorda que esta é unha mostra máis do abandono que sofre toda a parroquia de San Salvador, xa que «despois de 25 anos aquí non se fixo nada»

     

    Poio, 7 de setembro de 2018.- O presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, acompañou esta mañá a un paciente do centro de neuro-recuperación Quirónsalud “Miguel Domínguez”, situado en Andurique, e a súa coidadora, a petición de familiares de pacientes deste centro, un dos poucos da súa especialidade en España, para denunciar e dar visibilidade aos problemas de accesibilidade e mobilidade que sofren cada día estes pacientes e os seus acompañantes, e outros veciños de San Salvador con necesidades especiais ou mobilidade reducida.

    O paciente, en cadeira de rodas e a súa coidadora, acompañados de Moldes e de medios de comunicación, percorreron os arredores da clínica, como fan, ou intentan facer, moitos das persoas que reciben tratamento neste centro, procedentes de toda Galicia e do resto de España, á saída das súas consultas ou en momentos libres, demostrando que, en palabras de Guadalupe Ramos, coidadora dun destes enfermos: «Sacar a pasear al paciente es jugarse la vida».

    Así, nun percorrido de menos 200 metros ata a cafetería máis cercana na mesma marxe da Avda. de Andurique, os afectados teñen que saír á calzada en varias ocasións ou ir polo arcén a centímetros dos vehículos, ben por falta de beirarrúa, por ser esta demasiado estreita ou non haber un acceso para persoas con mobilidade reducida. Ademais, no cruce coa Travesía Escola, a falta dun acceso e os coches que ocupan as prazas de aparcamento obrigan á cadeira de rodas a saír directamente ao tráfico, co grave risco que isto supón para as persoas con mobilidade reducida e os seus acompañantes.

    En dirección a San Xoán, idénticos problemas de movilidade, con obstáculos e inadecuación das infraestruturas, que ademais se suman ao xa coñecido abandono do Pazo de Besada por parte do goberno de Luciano Sobral, que o Partido Popular denunciou en numerosas ocasións e que neste caso reflicte o desaproveitamento dunha área de lecer que os afectados poderían visitar «se o concello tivese feito algo alí en todos estes anos».

    Despois deste paseo, o voceiro popular explicou aos medios que con este percorrido, a petición de familiares de usuarios desta clínica, os pacientes pretenden visibilizar o día a día destas persoas: «Non poden facer algo cotián, como tomar un café cun familiar ou visitar unha zona de lecer ou de paseo».

    Moldes anunciou que esixirá aos responsables de urbanismo do Bipartito que se cumpran todos os requisitos de accesibilidade, e recordou que este caso é especialmente sangrante posto que con actuacións moi pequenas que os familiares levan anos demandando, poden mellorar enormemente o día a día destas persoas.

    Moldes explicou que, simplemente prohibindo estacionar un vehículo xusto antes da rampa de acceso no cruce coa travesía Escola xa se evitaría que as cadeiras de rodas tivesen que meterse na calzada e cruzarse directamente cos vehículos, e lamentou que esta petición dos familiares dos pacientes da clínica teña caído en ouvidos xordos durante anos: «Hai que escoitar aos veciños, aos usuarios deste centro, as persoas con mobilidade reducida e aos seus familiares e acompañantes».

    Moldes fíxose eco do lamento dunha familiar de paciente do centro, que lle transmitiu nos pasados días que lle gustaría que «os políticos deste concello nos acompañasen un día para saber o que é», e invocou a sensibilidade persoal dos membros do goberno local para que se poñan no lugar destes pacientes e das súas familias para facer as actuacións necesarias para solucionar os graves problemas de accesibilidade que sofren todos os veciños de San Salvador nun núcleo urbano tan importante. As actuacións mellorarían non só a vida destes pacientes e as súas familias, senón dos veciños e visitantes con mobilidade reducida e necesidades especiais xa que, incluso o uso dun carriño de bebé pode ser perigoso nesa zona.

    Para Moldes, esta non é nin sequera unha petición política, xa que a accesibilidade é un dereito fundamental e garantir a liberdade de movimento e o benestar das persoas con mobilidade reducida é unha obriga básica de calquera alcalde.

    Moldes recordou que todos os días, e especialmente as fins de semana, este centro atende afectados por dano cerebral chegados de toda España, e denunciou que «o radio de movemento destes doentes e as súas familias ao final son 5 ou 10 metros», polo que «non se pode agardar un minuto máis» para facer actuacións que os afectados levan anos demandando e que, en moitos casos, consisten simplmente en pintar unha liña amarela.

    Para Moldes, ademais, a falta de accesibilidade e o estado do entorno urbano de Andurique é unha mostra máis que delata o abandono de San Salvador por parte do goberno de Luciano Sobral: «Despois de 25 anos non se fixo nada por mellorar e acondicionar a parroquia máis urbana e máis poboada de Poio».

    A continuación, tomou a palabra a coidadora dun paciente do centro, Guadalupe Ramos, que recordou que leva 7 anos acompañando a pacientes deste hospital e denunciando as condicións de accesibilidade da zona e nese tempo apenas conseguiu unha mínima parte das actuacións que demandan os afectados.

    Ramos pediu aos representantes do goberno municipal que se poñan no lugar dos pacientes, xa que a necesidade das actuacións «son cousas que non vemos ata que nos tocan».

    A asistente terapéutica recordou que en varios dos tramos dos 100 metros nos que acompaña aos pacientes non ten visibilidade e que ten que sacar primeiro ao paciente a estrada ou fora da beirarrúa, nos cruces ou nos lugares máis perigosos, polo que quen máis perigo corre é o máis vulnerable, unha situación como a que sufren os usuarios de carriños de bebé, que «teñen que poñer en perigo ao pequeno antes que un mesmo», o que é «moi triste».

    Ramos rematou pedindo que se saiba o que están a pasar os pacientes, os seus familiares e acompañantes, e que o goberno local, por fin, leve a cabo as actuacións necesarias para garantir a seguridade: «Saír a pasear cos pacientes é xogarse a vida»