O PP denuncia a hipocrisía de BNG e PSOE: «Despois de anos pedindo que perdan o emprego os traballadores de ENCE e Elnosa en Poio, agora levan unha moción para evitar o peche de Alcoa na Coruña»

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP denuncia a hipocrisía de BNG e PSOE: «Despois de anos pedindo que perdan o emprego os traballadores de ENCE e Elnosa en Poio, agora levan unha moción para evitar o peche de Alcoa na Coruña»

    • Os populares consideran «un insulto e unha tomadura de pelo» que sexa precisamente o partido de Luciano Sobral o que leve ao pleno a defensa dos traballadores de Alcoa na Coruña despois de anos de mocións e manifestacións para pedir a desaparición de centos de empregos de veciños de Poio, coa complicidade do PSOE.
    • Ángel Moldes fai un chamamento aos centos de familias que dependen directa ou indirectamente destas empresas para que cando cheguen as eleccións non esquezan que BNG e PSOE intentaron por todos os medios que os traballadores de Poio quedasen na rúa.
    • Moldes recorda que o PP sempre está do lado dos traballadores, tamén os da Coruña, pero especialmente os de Poio e de todas as familias que dependen da actividade industrial: «O sorprendente é que o goberno de Poio insulte, ataque e queira deixar na rúa aos seus propios veciños e queira deixar sen ingresos ás súas familias».

     

    Poio, 19 de novembro de 2018. O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, denunciou este luns a hipocrisía do goberno de Luciano Sobral, despois de que o BNG presentase unha moción instando a evitar o peche de Alcoa. Para Moldes, que o BNG de Poio presente agora esta iniciativa despois de anos esixindo a desaparición de centos de postos de traballo dependentes de ENCE e Elnosa é un insulto e unha falta de respecto a todos os veciños de Poio que viven directa ou indirectamente destas empresas e as súas familias.

    Moldes tildou de tomadura de pelo o feito de que sexa precisamente o BNG de Poio o que leve ao pleno municipal deste mes unha moción instando á evitar o peche das instalacións da empresa Alcoa na Coruña, explicando no texto a súa preocupación polo “impacto” deste peche na “cidade [coruñesa] e na súa contorna”, cando este partido e o PSOE de Poio levan anos esixindo o peche das empresas Ence e Elnosa, e polo tanto a perda de, como mínimo, tantos postos de traballo directos só que neste caso na contorna de Pontevedra e, en particular, en Poio.

    «Alégranos que o BNG e o PSOE de Poio se dean conta de repente do importantes que son os postos de traballo, pero con esta moción o único que fan é poñer o dedo sobre a súa hipocrisía», explicou Moldes, que subliñou que «despois de presentar mocións e mocións pedindo que veciños de Poio perdan o seu traballo e que as súas familias queden sen ingresos, agora presenten unha pedindo que non peche unha fábrica na Coruña é un insulto a todos os veciños de Poio, que teñen que ver como o seu alcalde e o seu goberno vai contra os seus intereses e pon a obediencia ao seu partido por riba da defensa de Poio».

    Moldes anunciou que o PP apoia o emprego sempre, e por ese motivo os concelleiros populares apoiarán no pleno este texto, como xa fixeron na comisión de Facenda desta semana: «Pedimos a continuidade dos postos de traballo en Alcoa, igual que pedimos a continuidade dos empregos dos veciños de Poio en Ence e Elnosa que Luciano Sobral e o seu goberno queren facer desaparecer».

    A postura do PP de Poio, ademais, coincide coas iniciativas do PP autonómico e nacional, que pediu tanto no Parlamento Galego, como no Congreso, e en todos os ámbitos, o mantemento da actividade na factoría coruñesa: «O PP non se moveu, o PP sempre está co emprego e cos postos de traballo, e o PP de Poio defende os postos de traballo dos veciños de Poio. O que sorprende é que o goberno de Poio insulte, ataque e queira botar á rúa aos traballadores de Poio e queira que as súas familias queden sen ingresos».

    «O PP sempre está do lado dos traballadores e das súas familias», explicou Moldes: «Estamos do lado dos traballadores de Alcoa na Coruña, pero tamén estamos do lado dos traballadores de ENCE que o BNG e o PSOE de Poio queren botar á rúa, estamos do lado dos traballadores de Elnosa que o BNG e o PSOE de Poio non pararon ata que conseguiron o seu peche, estamos do lado dos centos de empregos indirectos que xera en Poio e na súa contorna a actividade da fábrica de Ence, estamos do lado dos milleiros de traballadores industriais, de hospedaxe, hostalaría e servizos que participan cada ano na parada técnica, moitos deles en Poio, e que o BNG e o PSOE queren facer desaparecer».

    Moldes recordou a importancia do complexo industrial de Ence para a economía de centos de familias de Poio, non só os moitos poienses con emprego directo na empresa, senón todos os empregos indirectos das industrias auxiliares, do sector portuario, e, ademais a actividade económica cotiá, o impacto económico da parada técnica anual, na que «moitos hoteis de Poio están ao 100% grazas aos 1.500 traballadores que participan na parada e moitos restaurantes, comercios e outras empresas incrementan exponencialmente a súa actividade». Moldes recordou que «Se BNG e PSOE se saísen coa súa e toda esta xente perdese o seu traballo, significaría a ruína de centos de familias, o empobrecemento de todo o concello e mesmo o despoboamento de boa parte de rural de Poio e a desaparición dunha parte enorme do noso tecido asociativo, veciñal e deportivo».

    Ademais, a proba da importancia do emprego de Ence e Elnosa en Poio é que ata hai moi pouco os líderes sindicais de ambas empresas eran, precisamente, veciños de Poio, como unha boa parte dos traballadores desas firmas e das industrias auxiliares: «É unha vergoña ter un goberno municipal que ataca e prexudica o traballo dos seus propios veciños».

    Moldes fixo un chamamento ás familias que directa ou indirectamente viven de Ence ou Elnosa para que dentro duns meses, cando cheguen as eleccións «non esquezan quen loitou para que se quedasen sen traballo, presentando mocións no pleno e participando en manifestacións para botar á rúa aos obreiros de Poio, e despois pediron que non pechase unha empresa en Coruña».

    Para Moldes, non tería explicación que estas familias apoiasen co seu voto aos concelleiros de BGN ou PSOE, despois de anos de insultos, descalificacións e dun esforzo sobrehumano por parte de BNG e PSOE para que desapareza a fonte de ingresos de centos de veciños de Poio.

Add comment


Security code
Refresh