Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Alfonso Rueda: “só a unión de todos os moderados evitará experimentos populistas co emprego, as pensións ou o estado de benestar”

    • “Fronte aos que queren que votedes con sentimentos, nós dicímosvos que votedes co sentido común”.
    • Apela “ao voto dos que apostan polo modelo dos grandes países de Europa, na que os grandes partidos se poñen de acordo para todo, e dos que non queren para España o modelo de Venezuela”.

     

    Cangas, 20 de xuño de 2016.- O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o próximo domingo hai que ir ás urnas conscientes de cales son as dúas opcións que se plantexan, e que “son incompatibles, porque a final do domingo xógase entre PP ou Podemos”. Por iso animou a que “todas as persoas que apostan polo crecemento, pola seguridade, pola tranquilidade, pola certeza... voten ao Partido Popular”, porque entende que “só a unión de todos os moderados evitará experimentos populistas co emprego, coas pensións ou co estado de benestar”.

    O líder provincial dos populares apelou “ao voto dos que non queren experimentos con gaseosa, daqueles que apostan polo modelo dos grandes países de Europa, na que os grandes partidos se poñen de acordo para todo, e dos que non queren para España o modelo de Venezuela”. Por iso diferenciou que “Podemos quere que votedes cos sentimentos, pero nós dicímosvos que votedes co sentido común”.

    Foi durante o mitin que os populares celebraron esta noite en Cangas, e no que Alfonso Rueda estivo acompañado pola candidata número 2 do PP de Pontevedra ao Congreso, Irene Garrido, e o presidente local do partido, Jose Enrique Sotelo. O presidente provincial sinalou que “xa está moi claro cal é o modelo que Pablo Iglesias quere traer para España”, referíndose a que “o seu tridente son Maduro, Tsipras e Zapatero”. Alfonso Rueda criticou que “mentres o PSOE intenta a gochar a Zapatero e a súa nefasta xestión, Pablo Iglesias lle pide consello cando o que debería pedirlle son explicacións”.

    O líder dos populares puxo en cuestión a fiabilidade dun partido “que din unha cousa en Cataluña e outra en Madrid; que defenden unha idea nun barrio obreiro e a contraria nun barrio acomodado, e que falan dunha forma aos parados e doutra moi diferente aos que están traballando”. Isto contrasta, segundo Alfonso Rueda, co que ocorre en Galicia, “onde non din nada, porque nin están nin se lles espera”. Criticou que “do mesmo xeito que os galegos non pintan nada para Podemos, como tampouco o fai a súa sucursal de En Marea”.

    O presidente do PP de Pontevedra criticou que seis meses despois haxa que repetir as eleccións, algo que non pasou nunca en España e que é culpa “dos que perderon, dos que non gañaron as eleccións, que non souberon ter a intelixencia suficiente para deixar que en España houbera un goberno co partido que gañou nas urnas”. Nesta liña, di que “a xogada de Podemos era clara. Primeiro dinamitar a Esquerda Unida e agora ao PSOE, porque o que quería Pablo Iglesias era ser presidente, non vicepresidente”.

    Alfonso Rueda pediu que se reflexione, “para ver como estábamos hai catro anos, e o que pasou nestes seis meses”. Defende que o PP “é unha garantía de estabilidade, de certeza, de progreso e de unidade”, e recordou que é o único partido que se presenta co aval da súa xestión, e coa experiencia necesaria para non dar nin un paso atrás na recuperación económica.