Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Ana Pastor pídelles aos votantes moderados que concentren o voto no PP para evitar a opción dos populistas

    • A candidata do PP ao Congreso pídelle a Pedro Sánchez que explique con honestidade que ten pensado facer cos votos que obteña.
    • Ana Pastor defende que “a estabilidade e o futuro de España dependen de políticas constatadas que avanzan na boa dirección, fronte aos que pensan en Venezuela e Grecia”.
    • O presidente provincial, Alfonso Rueda, explicou que o voto a Ciudadanos na provincia é un voto perdido que irá para Podemos.

     

    Pontevedra, 21 de xuño de 2016.- A candidata do PP de Pontevedra, Ana Pastor, sinala que para evitar unha segunda investidura que non leva a ningunha parte o Partido Popular ten que conseguir o apoio de todos aqueles votantes moderados do PSOE e Ciudadanos para evitar o a coalición do bloqueo institucional formada polos populistas.

    Foi durante o mitin que os populares celebraron hoxe en Poio, ao que tamén asistiron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda e o voceiro do PP local, Ángel Moldes. A candidata dixo que continúan insistindo nunha mensaxe moi clara, porque só hai dúas opcións, a do PP e da estabilidade, ou a do bloque que se basea no populismo e extremismo. Neste sentido, tamén explicou que os votos de Ciudadanos servíronlle en decembro aos señores de Podemos para sacar un escano.

    En canto aos socialistas, Ana Pastor considera que “o candidato socialista debería explicar con honestidade a todas as persoas que o votaron en decembro que vai facer cos votos se volven a escoller a papeleta socialista, a papeleta de viaxe a ningunha parte”. 

    A candidata ao Congreso, Ana Pastor, destacou que “somos o partido e o Goberno máis fiable, porque somos os únicos que nos presentamos co aval da nosa xestión”, e incidiu en que o Ministerio de Fomento estivo volcado con Galicia e coa provincia nos últimos catro anos. “Fixemos unha aposta irrenunciable polos investimentos produtivos, que son os que maior retorno social e económico ten, en termos de vertebración, de cohesión e xeración de emprego”. Así, comparou que “onde antes había promesas, hoxe hai realidades tanxibles, como o eixo atlántico, que xa é un feito, ou o Ave a Galicia, que o vai ser en 2018”.

    Ademais, tamén recordou que “a pesar do mantra que algúns nos colocan, dicindo que houbo cambios no sistema sanitario, temos que dicir que temos un sistema público, gratuíto e universal, que sigue sendo un dos mellores do mundo”, e referiuse a que máis do 90% dos cidadáns amósanse satisfeitos con el.

    A candidata apostou “por seguir profundizando no emprego, para que  haxa máis oportunidades”, e recordou que cando o Partido Popular chegou ao Goberno, en España se destruían 1.500 postos de traballo ao día, mentres que hoxe se crean 1.500. Por iso, defendeu que “a estabilidade e o futuro de España dependen de políticas constatadas que avanzan na boa dirección, fronte aos que pensan en Venezuela e Grecia”.

    Nesta mesma liña, se pronunciou o presidente provincial, Alfonso Rueda, pedindo unha reflexión de como estabamos hai catro anos, e o que pasou nestes seis meses. Defende que o PP “é unha garantía de estabilidade, de certeza, de progreso e de unidade”, e recordou que é o único partido que se presenta co aval da súa xestión, e coa experiencia necesaria para non dar nin un paso atrás na recuperación económica.

    O VOTO A CIUDADANOS, UN VOTO PERDIDO

    Rueda explicou tamén que que “o voto a Ciudadanos na provincia é un voto perdido e, sen darse conta, están concedendo deputados e senadores ás Mareas e Podemos”. Por iso, aposta por “concentrar, como fixeron eles, o voto de todas as persoas moderadas que apostan polo emprego, polo crecemento, pola seguridade, pola tranquilidade, pola certeza... ao partido que ten as únicas posibilidades de gañar e de facer fronte ao populismo”.

    O presidente provincial incidiu en que “aquí as opcións do partido de Rivera por conseguir un escaño son nulas”, polo que entende que “o voto útil dos moderados en Pontevedra é o voto do Partido Popular”. Do contrario, explicou que “os votos que reciba Ciudadanos na provincia o único que vai permitir é facer a Pablo Iglesias presidente”.

    Para Alfonso Rueda, “a xogada de Podemos é clara, primeiro dinamitou a Esquerda Unida e agora o seguinte obxectivo son os socialistas”.

    O líder dos populares puxo en cuestión a fiabilidade dun partido “que din unha cousa en Cataluña e outra en Madrid; que defenden unha idea nun barrio obreiro e a contraria nun barrio acomodado, e que falan dunha forma aos parados e doutra moi diferente aos que están traballando”, pero sobre todo dun candidato que ten como referentes “a Tsipras, Maduro e Zapatero”. Isto contrasta, segundo Alfonso Rueda, co que ocorre en Galicia, “onde non din nada, porque nin están nin se lles espera”. Criticou que “do mesmo xeito que os galegos non pintan nada para Podemos, como tampouco o fai a súa sucursal de En Marea”.

    “A Pablo Iglesias moléstalle cando lle dicimos que son comunistas, porque din que agora son socialdemócratas, pero acaso non levan aos comunistas con eles?”, preguntou o presidente popular. “Os comunistas, que desapareceron en todas partes de Europa porque demostraron que eran un desastre, agora aparecen aquí, e din que como nova política”, explicou.