Os deputados do PP esixen a dimisión de Carmela Silva pola súa responsabilidade política no enchufe da súa cuñada

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Os deputados do PP esixen a dimisión de Carmela Silva pola súa responsabilidade política no enchufe da súa cuñada

    • “Xa non só valen as súas explicacións, agora ten que tomar decisións políticas, sobre todo despois de escoitar as súas declaracións de onte lavándose as mans, querendo parecer inocente de todo o acontecido cando de inocente non ten nada. É culpable politicamente”, sinala Elena Muñoz.
    • “Insulta á intelixencia de todos cando fala de conspiracións do Partido Popular, cando ao parecer aquí os únicos que conspiran son os seus propios compañeiros do PSOE”.
    • Aclaran que se non hai xuízo por tráfico de influencias é porque xa prescribiu, non porque non existise, e que a sentencia recoñece que a relación de parentesco é fundamental para a contratación desta persoa.

     

    Pontevedra, 14 de febreiro de 2019. Todos os deputados provinciais do Partido Popular compareceron esta mañá en rolda de prensa para pedir á presidenta da Deputación, Carmela Silva, que dimita con efecto inmediato do seu cargo pola súa responsabilidade política no enchufe da súa cuñada. Para os deputados do PP, ante a gravidade destes feitos, “xa non só valen as explicacións da presidenta da Deputación. Agora ten que asumir a súa responsabilidade, ten que tomar decisións políticas, sobre todo despois de escoitar as súas declaracións de onte lavándose as mans, querendo parecer inocente de todo o acontecido cando de inocente non ten nada. É culpable politicamente”.

    “Hai unha sentencia demoledora que constata que no Concello de Vigo houbo prácticas ilegais. Non o di o PP, o di unha sentencia que considera probado que se enchufou ilegalmente á cuñada de Carmela Silva, e que ocorreron cousas tan graves como que se contratara á familiar directa de Carmela Silva, e non a calquera outro vigués nin pontevedrés, para facer un traballo que non facía falta e que, ademais, non fixo pero polo que si se lle pagou puntualmente co diñeiro de todos os vigueses”, denunciou a voceira do grupo popular Elena Muñoz. Recordou, ademais, que como consecuencia deste enchufe “da cuñada dun membro destacado do Goberno municipal de Vigo e presidenta da Deputación, un funcionario público foi condenado a 5 anos e medio de cárcere por delitos moi graves de prevaricación, malversación e falsidade documental”.

    Nesta liña, incidiu Elena Muñoz en que “a actuación de Carmela Silva foi bochornosa, é unha vergoña ter unha responsable política que ante un feito tan grave, en lugar de actuar con humildade, de pedir perdón e de dimitir, que é o único digno que lle queda agora, actúa con chulería e quere lavarse as mans”. Para os deputados do PP, “insulta á intelixencia de todos cando fala de conspiracións do Partido Popular, cando ao parecer aquí os únicos que conspiran son os seus propios compañeiros do PSOE”.

    Ademais, a voceira aclarou que unha cousa son as responsabilidades xudiciais, “que por certo se non hai xuízo por tráfico de influencias non é que non existisen, senón porque como di o propio xuíz, é porque xa prescribiu”, e outra as responsabilidades políticas, “que neste caso recaen directamente sobre Carmela Silva e sobre o concelleiro de Emprego do Concello de Vigo e tamén deputado provincial, Santos Héctor”. Ademais, sinalou, a sentencia recoñece que a contratación desta persoa non foi casual e a relación de parentesco é fundamental.

    Por iso, entenden que “o Goberno da Deputación está manchado gravemente despois desta sentencia. Cando este goberno tomou posesión, fixeron moita publicidade de portas e fiestras abertas, pero o certo é que quen trouxo a podremia a este Goberno e á Deputación é Carmela Silva”, engadiu.

    Os populares tamén reclamaron aos BNG que se pronuncie sobre esta situación. “Onde está o BNG? Alguén escoitou ao BNG pedir dignidade e responsabilidades? Con tal de manterse no goberno da Deputación ampara esta conduta”, lamentou Muñoz.

Add comment


Security code
Refresh