Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP de Poio presenta este martes a solicitude de pleno extraordinario para “saber dunha vez onde están os cartos dos PAC”.

    • Os populares presentan a solicitude ”despois de dous plenos sen conseguir que o bipartito explique onde foron os cartos dos Plan de Acción Comunitaria”.
    • No pleno extraordinario –que debe celebrarse antes de rematar xullo- os populares esixirán que se especifiquen os importes e as condicións das axudas aos colectivos que ofrece o Concello en substitución dos PAC –eliminados pola Deputación.
    • Os populares reuníronse con colectivos preocupados pola desaparición destes plans provinciais, que os instaron a pedir explicacións ó goberno local despois de que varios proxectos quedaran no aire.
    • Nos últimos plenos os concelleiros do BNG e do PSOE non deron conta das subvencións municipais que teoricamente substituen os PAC nin aceptaron solicitar á Deputación que reinstaure os devanditos plans.
    • O bipartito comprometeuse en maio a dar explicacións por escrito e, denuncia o PP “mes e medio despois, aínda non aportou ningún tipo de información”.

     

    Poio, 4 de xullo de 2016.- Os integrantes do grupo municipal do PP no Concello de Poio presentan este martes a solicitude dun Pleno Extraordinario no que esixirán que o bipartito informe de “onde están os cartos das axudas dos PAC”, eliminadas pola Deputación de Pontevedra e, segundo afirmou por carta o goberno provincial, asumidas –teoricamente- polos Concellos.

    A solicitude está asinada polos sete concelleiros populares, dous máis dos que esixe a lei para que o alcalde estea obrigado a celebrar este pleno. «Visto que eles pola súa vontade non queren dar explicacións, temos que recorrer á lei para obrigarlles a que informen, xa non a nós, senón ós propios interesados e a todos os veciños de Poio», explicou o voceiro popular, Ángel Moldes.

    Moldes indicou que a decisión de solicitar este pleno xurdiu da constatación de que o goberno municipal non ten ningún interese en proporcionar esta información: «No pleno de maio presentamos unha moción pedindo que o Concello financiase a varanda do paseo de Lourido que antes estaba costeada polo PAC, e instando ó bipartito a informar as asociacións sobre as axudas que, teoricamente, deberían substituir eses Plans».

    «Intentamos por tódolos medios que deran algún tipo de explicación sobre estes fondos, e que ofreceran opcións ás asociacións de Poio para seguir adiante cos seus proxectos», indicou Moldes, «pero a todo nos dixeron que non».

    «No pleno de maio negáronse a contestar as preguntas sobre o destino dos fondos e comprometéronse a dar información por escrito», explicou o voceiro popular: «Mes e medio despois seguimos agardando, e as asociacións de Poio seguen a escuras sobre como continuar proxectos que quedaron no aire, como a propia varanda de Lourido, pero tamén a traída de auga en varios núcleos rurais e outras actuacións moi necesarias para os veciños».

    Os populares levarán un único punto na orde do día: «Que o Concello explique donde están os cartos do PAC», resumiu Moldes: «Que digan o importe das axudas que os substitúen, os requisitos para acceder, os proxectos que poden optar... vamos, a información mínima que debe darse sobre axudas e subvencións, e máis cando veñen a reemprazar uns plans provinciais que tiñan tanto uso por parte dos veciños».

    Moldes lamentou que o bipartito non respondese antes ás peticións de información e obrigase ó grupo popular a tomar esta medida, pero insistiu en que «os veciños de Poio deben saber quen é o responsable de que quedasen paradas iniciativas veciñais tan útiles e necesarias e, sobre todo, como facer para seguir adiante con elas».

    Segundo o voceiro do PP, o pleno extraordinario servirá, como mínimo,  para determinar «quén está a mentir, se o bipartito da Deputación cando di que as axudas as ten que asumir agora o Concello, ou o bipartito do Concello cando di que non sabe onde están os cartos».

    Moldes recordou que os PAC axudaron a financiar proxectos de practicamente todos os colectivos veciñais, culturais ou deportivos de Poio, permitindo o progreso de moitos lugares do Concello e reforzando os movementos cívicos e o asociacionismo, e explicou que grazas á anterior Deputación e á iniciativa das asociacións se levaron adiante proxectos en todas as parroquias.