Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP critica que o decálogo provincial de vías é inxusto e insolidario e exclúe a 9 de cada 10 estradas provinciais

    • “Este decálogo está illando á parte interior da provincia”, critica Nidia Arévalo.
    •  “Nótase que a presidenta usa a autopista para desprazarse de Vigo a Pontevedra, porque descoñece totalmente cal é a realidade da provincia”, di Luis Aragunde.
    • O cambio de trazado ou ampliación da plataforma só se realizará en estradas cunha intensidade diaria superior a 3.000 vehículos.
    • Cuestionan a legalidade dun documento que obriga aos concellos a aceptar a titularidade das vías provinciais.

     

    Pontevedra, 06 de xullo de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular denunciou esta mañá que o decálogo de criterios para a actuación nas vías provinciais da Deputación de Pontevedra é inxusto e insolidario, porque deixa fóra ao 90% das estradas provinciais de Pontevedra. A voceira do grupo, Nidia Arévalo, e os deputados Luis Aragunde e Luisa Piñeiro, sinalaron que “este decálogo está discriminando e illando á parte interior da provincia”.

    Os deputados anunciaron que o PP presentará unha moción ao próximo pleno para solicitar que modifiquen, como mínimo, tres dos dez criterios que compoñen o decálogo. Os populares criticaron que “non é de recibo que se impoñan uns límites que inclúen só a unha de cada dez estradas provinciais, non é de recibo que se obrigue aos concellos a asumir entre o 30 e 40% do custe das obras de urbanización de estradas que son provinciais, e moito menos, que aínda por riba se lles obrigue a asumir a súa titularidade despois da obra, como condición indispensable”.

    Nidia Arévalo explicou que segundo este decálogo, o cambio de trazado ou ampliación da plataforma só se realizará en estradas cunha intensidade diaria superior a 3.000 vehículos, polo que das 357 vías provinciais, só estarían incluídas un 10%. “Estamos condenando á zona rural a non ensanchar a plataforma nin variar trazados. O 90% das estradas están excluídas, estradas do rural e do interior. Un despropósito, se nota que son de grandes cidades e que visitan pouco o interior da provincia”, criticaron.

    Os deputados populares recordaron que, precisamente, son estas vías as que maior axuda debería recibir, de acordo coa función principal que deben asumir estas institucións, que é apoiar aos pequenos e medianos concellos. “Nótase que a presidenta usa a autopista para desprazarse de Vigo a Pontevedra, porque descoñece totalmente cal é a realidade da provincia”, sinalou o deputado Luis Aragunde, que tamén reprochou que a actividade da Deputación estase dirixindo cara as dúas grandes cidades en lugar de auxiliar aos pequenos e medianos concellos da provincia.

    Reprocharon, ademais, que levan varios meses esperando un informe que solicitaron ata en dúas ocasións á Deputación de Pontevedra para que lles aclaren se este decálogo é legal ou non, pero aínda non obtiveron resposta, “e xa nos dixeron que non a imos ter, porque a presidenta non quere que se faga ese informe”.

    ATA O 40% DO CUSTE E TRANSFERENCIA MASIVA

    Outra das críticas é que os concellos teñan que asumir entre o 30 ou o 40% do custe da urbanización da estrada, porque din que moitos concellos, principalmente os pequenos e os que menos orzamento teñen, van ter que renunciar a ofrecer a ter estradas provinciais seguras. Como exemplos, sinalaron que un orzamento de 1 millón de euros para urbanizar unha estrada, como a de Luis Rocafort en Sanxenxo, obrigan ao concello a gastar 300.000 euros dos seus fondos, investimentos que deixan de destinar para cubrir outro tipo de servizos municipais.

    “Parece que queren atacar aos concellos gobernados polo Partido Popular, pero a quen están facendo dano e prexudicando é aos veciños da provincia”, criticou Luis Aragunde, que tirou de hemeroteca para recordar que no caso do Grove, “como é concello da mesma cor política, o bipartito comprometeuse a financiar integramente tanto a redacción do proxecto técnico como a urbanización da estrada”.

    Os deputados populares tamén amosaron a súa desconformidade coa “transferencia masiva” de vías provinciais aos concellos, tal e como se recolle no criterio 9 do decálogo. Entenden que é “unha especie de ultimato que lle dan aos concellos, ou aceptas a titularidade da estrada, con todo o que iso conleva, ou non hai investimento”.

    Recordaron que xa antes de que se aprobase en pleno, o grupo do PP propuxo ao bipartito “que buscasen o consenso dos alcaldes da provincia porque é un documento que lles afecta de cheo, pero preferiron elaboralo e aprobalo sen ter en conta as súas opinións e necesidades”.