Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP denuncia o abandono e a falta de limpeza e desbroce nas vías provinciais da comarca

    • “Están nun estado pésimo, parece que non lles preocupa nin a imaxe que os visitantes poidan levar dos nosos concellos, e moito menos a seguridade dos nosos veciños”, critica Belén Cachafeiro.
    • Explican que na Deputación coñecen ben a situación porque os alcaldes da comarca pediron en varias ocasións que actúen.
    • Na estrada de Soutelo-Pardesoa, que celebra estes días a festa, enviaron onte unha brigada para facer o desbroce a man, polo que o concello tivo que retirar o seu tractor doutros traballos para que a limpeza chegue a tempo.

     

    Forcarei, 7 de xullo de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular denuncia o abandono e a falta de limpeza e desbroce nas estradas provinciais da comarca de Tabeirós e Terras de Monte, e esixe á Deputación de Pontevedra e á presidenta Carmela Silva, que dunha vez por todas tome en serio aos concellos do rural e do interior da provincia.

    “A maleza invade as vías, co perigo que supón para a circulación e, sobre todo, para os peóns”, denuncia a deputada provincial e alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, que acompañada pola tamén deputada Luisa Piñeiro, percorreron esta mañá as estradas provinciais da comarca. “Están nun estado pésimo, parece que non lles preocupa nin a imaxe que os visitantes poidan levar dos nosos concellos, e moito menos a seguridade dos nosos veciños”, critican. Recordan, ademais, que a limpeza e o desbroce xogan un papel clave na loita contra os incendios.

    Esta é a comarca da provincia, xunto co Deza, que ten máis quilómetros de vías provinciais, xa que conta con 36 estradas e un total de 239 quilómetros. “Todas dan pena, nunca estiveron así e estamos xa na segunda semana de xullo”, apunta a deputada, que explica que na institución provincial coñecen ben a situación porque tanto ela como os alcaldes da Estrada e de Cerdedo reclamaron por escrito en varias ocasións unha actuación urxente nas súas vías.

    SOUTELO-PARDESOA

    Belén Cachafeiro salienta o caso da estrada provincial Soutelo-Pardesoa, e recorda que o luns celébrase en Forcarei San Benito de Pardesoa, e que esta semana é novena e moitas persoas van ir camiñando a Pardesoa por unha estrada que “a día de hoxe non reúne as condicións de seguridade”. Destaca que esta estrada “sempre estivo desbrozada para as festas, e ata o PSOE local tivo que saír en prensa para criticar esta deixadez absoluta”, e lembra que “un veciño case atropela a dúas mulleres esta semana porque a visibilidade é nula”.

    Belén Cachafeiro critica que a resposta da institución provincial a esta denuncia foi enviar onte “unha brigada desde o Salnés para desbrozar a man porque din que maquinaria non hai”. Explica que “primeiro viñan por un día, e para limpar o campo da festa, que xa o acondicionaran os operarios municipais. Pero como as críticas foron en aumento, porque o estado desta vía é unha vergonza, hoxe volveron a Forcarei para limpar as cunetas, iso si, outra vez a man e sen tractor”. Incide en que “esta situación é insólita, e demostra que a Deputación non funciona, non atende aos concellos do rural como merecemos”. A solución para garantir que a estrada provincial quede lista esta semana, pasa, segundo explica a deputada, porque o Concello de Forcarei retirase o seu tractor municipal doutras tarefas para colaborar coa brigada provincial e avanzar no desbroce.