Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP pedirá responsabilidades polos danos ocasionados coa paralización das obras do auditorio de Vilanova

    Os deputados provinciais, acompañados polo alcalde, visitaron a obra do Esteiro e a estrada provincial de Baión

    • Nidia Arévalo critica que “a parálise desta casa é absoluta e total”, e recorda que hai proxectos bloqueados en toda a provincia.
    • “O estado de abandono do auditorio é unha foto clara do goberno de Carmela Silva”, denuncia Gonzalo Durán.
    • As obras de ensanche e de mellora da seguridade vial da estrada provincial de Baión, que dá acceso ao Hospital do Salnés, están paradas desde hai un ano.

     

    Vilanova, 13 de xullo de 2016.- A voceira do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, acompañada polos deputados da comarca do Salnés, Salomé Peña e Luis Aragunde, reunise esta mañá co alcalde e presidente local do partido de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, para interesarse pola paralización de dous proxectos comprometidos polo anterior goberno provincial do PP, e que levan un ano parados, coincidindo coa chegada de Carmela Silva á presidencia da Deputación de Pontevedra, o Auditorio do Esteiro e a mellora da estrada provincial de Baión.

    No que respecta á transformación da casa de cultura do Esteiro en Auditorio, recordaron que a obra tiña que estar xa rematada en agosto do ano pasado. “Este é o reflexo do goberno de Carmela Silva, é un de tantos proxectos parados que hai ao longo de toda a provincia”, denunciou a voceira dos populares. Nesta liña, sinalou que “a parálise desta case é absoluta e total”, e citou como exemplos o Parque de Maquinaria, a falta de limpeza das estradas provinciais ou as obras que están paralizadas en Vilanova, Sanxenxo, Cambados, Ribadumia… “Non hai goberno, o que temos é un apoio clarísimo á cidade de Vigo. Un si a Vigo para todo o que lle pide, pero hai que recordar que a Deputación de Pontevedra é un paraugas aos concellos de menos habitantes e con menos recursos”, manifestou.

    Gonzalo Durán recordou que o novo goberno da Deputación de Pontevedra decidiu parar a obra en novembro, para resolver as alegacións presentadas pola empresa adxudicataria, e sacalo de novo a concurso, en contra da opinión do Concello de Vilanova, xustificando que en xaneiro xa estaría contratada a empresa nova. “Pero a día de hoxe non se sabe nada”, denunciou o Gonzalo Durán, que entende que o que fixeron “non foi solucionar un problema, foi parar unha obra”. 

    Para o alcalde, “os ferros que se están pudrindo e o estado de abandono deste edificio son un exemplo estupendo, unha foto clara do goberno de Carmela Silva, porque calquera obra que caeu en mans deste desgoberno está así”. Por este motivo, tanto Nidia Arévalo como o alcalde de Vilanova anunciaron que van pedir responsabilidades ao goberno provincial polos danos que a paralización desta obra están causando na estrutura do edificio. “Alguén é responsable de tomar unha decisión que está causando estes danos. Antes tiñamos unha casa de cultura que non estaba ben, por iso a modificamos, pero é que agora non temos nada”, engade o alcalde.

    Os populares prevén que vai pasar outro inverno por riba, e os danos internos e o deterioro que ten o edificio vai ter un custe económico importante para os cidadáns da provincia e para os de Vilanova, porque o estado deste edificio é unha ruína.

    ESTRADA DE BAIÓN

    Tras visitar o Auditorio do Esteiro, os deputados do PP visitaron tamén a estrada provincial de Baión, cuxas obras de ensanche e mellora da seguridade vial levan paradas case un ano, pese a deixar o anterior goberno o proxecto adxudicado. Recordaron que esta estrada conta con importante fluxo de circulación,posto que comunica Vilanova e unha parte da comarca co Hospital do Salnés.

    “Leva contratada un ano, e á empresa déuselles a orde de parar a obra”, denunciou Gonzalo Durán, que tamén criticou o estado de abandono e a falta de limpeza desta estrada.

    Nidia Arévalo recordou que as estradas da Deputación de Pontevedra en toda a provincia están “nun estado lamentable”. “Están abandonadas, hai falta de limpeza e de desbroce, coas importantes consecuencias que ten tanto para a seguridade vial, como para o risco de incendios”, denuncia a voceira.