Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Nidia Arévalo: “Hai unha actitude ditatorial como non houbo nunca e converteron o pleno nunha trincheira”

    Os deputados populares fixeron hoxe balance do primeiro ano de goberno provincial

    • Destaca como proxectos estrela este ano “a obsesión de Carmela Silva co PP e o compost, que é o único que preocupa a Mosquera”.
    • Ángel Moldes critica que “este foi un ano de oportunidades perdidas na Deputación de Pontevedra, e a provincia o está notando”.
    • Acúsanos de estar máis pendentes de diferenciarse do anterior goberno que de ofrecer solucións aos concellos.

     

    Pontevedra, 18 de xullo de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular fixo balance esta mañá do primeiro ano de mandato do bipartito na Deputación de Pontevedra. Os voceiros Nidia Arévalo e Ángel Moldes, acompañados polo resto de deputados do PP, criticaron que estes doce meses foron os máis difíciles que nunca se viviron na historia da democracia nesta institución. “Este non foi un ano de portas abertas, este foi un ano de portas e fiestras pechadas, de ter que entrar aos plenos en fila de un e co carné na man para poder acceder”, salientou Nidia Arévalo, quen denunciou que “hai unha actitude ditatorial como non houbo nunca, onde o pleno en lugar de ser un lugar de debate se converte nunha trincheira”. Por este motivo, convidou á presidenta “que comece este novo ano con máis talante, con gañas de traballar, de dialogar”.

    A voceira do PP lamentou non ter visto estes días a unha presidenta que “fai balance de proxectos, de iniciativas, de cambio de dirección… O que vimos é unha presidenta que actúa con crispación, con mal talante e que se dirixe continuamente ao Partido Popular”. Nesta liña, critica que leva un ano facendo oposición da oposición, e sinalou que os dous grandes proxectos deste goberno bipartito foron, “por un lado o compost, que é o único tema que preocupa ao vicepresidente, independentemente de que as estradas provinciais estean abandonadas ou o parque de maquinarias infrautilizado, e por outro, a obsesión de Carmela Silva por Rafael Louzán e o PP”. Entende Nidia Arévalo que “a inseguridade da presidenta e o complexo que ten este goberno” son os motivos polo que están continuamente mirando para o anterior presidente e para os populares.

    Ademais, criticou que “os piares desta casa se están marchando”, facendo referencia á cultura, ao deporte, o turismo ou o apoio aos pequenos concellos da provincia. “De todo o que se dixo hai un ano se fai completamente o contrario. A Deputación está parada, e está asistindo a un espectáculo de improvisación continuo e constante. Este bipartito aínda non se deu conta de que teñen que gobernar e xa pasou un ano”, valorou a voceira.

    Arévalo defendeu a oposición construtiva, seria e responsable do PP, “estamos defendendo os intereses desta provincia, aos pequenos concellos que son os que precisan realmente apoio desta casa, aos colectivos…”. Destacou que neste ano o PP presentou un total de 42 mocións, realizou máis de 30 reunións comarcais con alcaldes e voceiros e con colectivos e visitou concellos como Vila de Cruces, Cambados, Poio, Covelo, Vilanova, O Porriño, Lalín, A Guarda, Vigo, Cangas…, “acudindo á chamada de alcaldes, concelleiros ou colectivos porque a Deputación deixou de estar ao seu lado como o estivo ata hai un ano”.

    ANO DE OPORTUNIDADES PERDIDAS

    Ángel Moldes destacou que “este foi un ano de oportunidades perdidas na Deputación de Pontevedra, e a provincia o está notando”, e criticou que están máis preocupados en diferenciar este goberno do anterior que en xestionar e ofrecer solucións para os concellos. Convidou ao bipartito a explicar cantas obras licitou directamente a Deputación de Pontevedra nestes doce meses, e criticou que o Plan Concellos “sexa o plan para todo, un engano onde queren meter absolutamente todo”. Tampouco se esqueceu da paralización do Parque de Maquinarias, do conflito cos traballadores, dun decálogo de estradas provinciais que exclúe ao 90% das vías, da eliminación das axudas a colectivos veciñais da provincia ou de todos os proxectos que hoxe están paralizados na provincia, entre outros.

    Tamén criticou a actitude da presidenta, “que importou o peor do PSOE de Vigo ao resto da provincia”. Dixo que “se algo falla á persoa que lidera esta casa é a falta de mesura, a tranquilidade… Cando culpa de todo o que acontece aos demais, ten que reflexionar”. Por iso convídaa a facer autocrítica. “Cando cada pleno, cada comisión, cada rolda de prensa se converte nun conflito, sería importante que a presidenta reflexione sobre que sucede”. Nesta liña recordou que os deputados do PP tamén son concelleiros noutros concellos, nalgúns onde non gobernan, e non hai ningún dos problemas que hai na Deputación de Pontevedra, “pero a ela válelle con culpar ao PP de todo”.

    Ángel Moldes tamén se referiu á relación do PSOE e do BNG neste primeiro ano, “cando te esforzas tanto nas aparencias, nas postas en escena, é porque algo vai mal”. Comparou a este bipartito cun matrimonio que de portas para fóra finxe que é unha relación perfecta e que pola noite durme en camas separadas. “Estes excesos teñen que levarnos a unha reflexión, porque ese esforzo por demostrar que ben estamos e canto nos queremos oculta outra realidade”, sinalou.