Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Alcaldes do PP rexeitan o reparto actual de fondos e propoñen un modelo máis eficaz e eficiente

    Esta mañá na Deputación de Pontevedra, acompañados por Alfonso Rueda e deputados provinciais

    • Critican que dos 150 millóns de euros que manexa a Deputación, aos concellos só chegan 40.
    • Din que non comparten a mensaxe triunfalista da xestión que se está trasladando.
    • Alfonso Rueda destaca que “non o din só os alcaldes do PP, senón que tamén o sustentan gobernantes doutros partidos”.

     

    Pontevedra, 19 de xullo de 2016.- Os alcaldes do Partido Popular da provincia amosaron esta mañá o seu rexeitamento ao actual modelo de reparto dos fondos na Deputación de Pontevedra, e opuxéronse a ese mensaxe triunfalista da xestión provincial que se está trasladando neste último ano. A este encontro convidaron ao presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, que coincidiu con eles ao sinalar que o modelo que plantexou o goberno bipartito non funciona. “Non é que o digan só os alcaldes do PP, senón que tamén o sustentan gobernantes doutros partidos”, sinalou.

    Nesta liña, incidiu en que a imaxe que pretenderon dar a semana pasada, de harmonía onde todos os concellos da provincia están de acordo en como funcionan as cousas, non é verdade. “É o que demostra a presencia hoxe aquí da metade dos concellos da provincia”, engadiu. Ningún dos alcaldes estaba nesa celebración porque entenden que esa mensaxe que se estaba dando non era axeitada e que as cousas teñen que mellorar.

     “Os alcaldes do Partido Popular saben analizar o que lles convén e o que non, por iso lle din non ao modelo de Carmela Silva e presentan eles a súa propia iniciativa”, comentou. 

    Os alcaldes explicaron que dos 150 millóns de euros que ten de orzamento a Deputación de Pontevedra, aos concellos chegan escasamente 40 millóns. “Nese camiño, ademais de perderse moitos millóns de euros, perdéronse cartos e moitos servizos que prestamos aos nosos veciños”, sinalou o alcalde da Estrada, José López Campos, que falou en representación dos seus compañeiros.

    “A palabra que define esta xestión cremos que é a precipitación, non souberon ver a importancia e a trascendencia que ten este organismo para os concellos”, salientou. Ademais, dixo que para eles, que son municipalistas e defenden o papel da administración local na prestación de servizos públicos, “vemos como os nosos veciños nos critican que a Deputación non estea ao seu lado en proxectos importantes, a nivel deportivo, culturais, social...”.

    Por iso, anunciou que os alcaldes van propoñer que se cree unha comisión, un equipo formado polos 62 alcaldes da provincia, onde cada concello teña un voto e onde poidan ter un modelo máis distributivo e, sobre todo, un modelo máis solidario con aqueles que máis o necesitan.  “Nós non somos sospeitosos de non defender unha institución como a Deputación, ao mellor outros si, outros cuestionan a súa funcionalidade”, engadiu. José López explicou que nos próximos días trasladarán á Deputación e ao resto de alcaldes da provincia, a súa proposta, que pretende converter á institución provincial en “máis eficiente, máis eficaz e, sobre todo, ao servizo dos veciños”.

    REUNIÓN COS DEPUTADOS PROVINCIAIS

    Tras atender aos alcaldes, Alfonso Rueda reuniuse cos deputados provinciais do PP no espazo que teñen asignado na Deputación de Pontevedra. Entre outros temas, falaron das axudas para os concellos pequenos que sufriron danos ocasionados polos temporais. “Entendo que as outras administracións debemos axudarlles, pero a Deputación xa dixo que non pensa darlles nin un só euro”, criticou Rueda. Incidiu en que “as obras hai que facelas, e polo tanto a Xunta vai colaborar, pero entendo que a Deputaicón tamén está para axudar aos pequenos concellos e sobre todo en temas de emerxencia”. O presidente popular dixo que “non conseguimos entender por que dixeron que non, non é un problema nin de legalidade nin de competencias, é querer axudar”.

    Outra das cuestións que analizaron os populares foi o sistema de emerxencias e o cambio de modelo que plantexaron as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo. “Desde entón estamos esperando a ver en que consiste, xa hai moitos meses, pero seguimos sen saber nada”, criticou.

    Alfonso Rueda tamén fixo referencia ao problema institucional da Deputación de Pontevedra, e recordou que a maioría dos concellos do PP continúan sen visitar a día de hoxe, e moitos alcaldes sen ser recibidos, a pesar de solicitalo en varios ocasións, incluídos Cotobade e Cerdedo. Sobre estes concellos, criticou que a presidenta “pensa facer un informe non obxectivo sobre a fusión e de carácter político, como ela mesmo dixo”.