Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Santiago Rodríguez Davila: “Se o alcalde non aumentara a débeda nun 300% hoxe o Concello non tería problemas para pagar as facturas”

    • Os populares levaban anos avisando da nefasta xestión do alcalde”
    • Non é de recibo que fale de bonanza económica cando hai unha débeda que supera os 4 millóns de euros e máis de 1000 facturas sen pagar
    • Os populares presentaron un plan de aforro de ata 110.000 euros que se poderían destinar para amortizar a débeda e pagarlle aos proveedores.

     

    Salceda de Caselas, 19 de xullo de 2016.- O voceiro do PP de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila, lamenta a situación económica do Concello que ten neste momento unha débeda superior aos 4 millóns de euros e 1030 facturas sen pagar do exercicio de 2015.

    Unha situación á que se chegou, segundo o voceiro popular, pola nefasta xestión do alcalde que aumentou a débeda do Concello desde a súa chegada en 2008 ata un 300%.

    Os populares subliñan que non era o PP o que mentía cando desde hai anos viñamos advertindo e avisando da mala situación económica.

    Trala aprobación inicial do orzamento de 2016, co voto en contra da maioría da Corporación Municipal, e que se corresponde co Orzamento de 2014 prorrogado unha vez máis, os populares presentaron unha reclamación por escrito no rexistro do Concello no que explican que o orzamento aprobado non se axusta aos trámites establecidos na lei reguladora ao non dar conta del ao Pleno da Corporación Municipal e por omitir o crédito necesario para o cumprimento de obrigas esixibles ao Concello, como por exemplo a partida de enerxía eléctrica.

    Rodríguez Davila considera que “non é de recibo que o alcalde presuma das contas de 2015 dicindo que o resultado é de bonanza económica cando ten máis de 1000 facturas sen pagar. É unha tomadura de pelo a todos os autónomos e empresarios aos que lles deben cartos”.

    O voceiro popular deixa claro ademais que se hai alguén que non ten nada que ver con esta catástrofe económica é o Partido Popular, pois non votamos a favor dos orzamentos de anos anteriores, nin somos os responsables de inflar os ingresos sen ningún rigor fiscal e económico nin adxudicamos as obras e servizos sen contar cos cartos suficientes para facerlle fronte.

    Neste sentido, os populares consideran que non se pode facer un recoñecemento extraoficial de crédito sen facer axustes no gasto.

    Por este motivo, o voceiro popular presentou unhas determinadas propostas de aforro, entre as que cabe destacar diminuír as partidas destinadas ás dedicacións do alcalde e concelleiros, así como a creación de partidas novas entre as que destacan as axudas a mulleres rurais, deportistas individuais e bolsas para os mellores expedientes académicos.

    Os populares calculan que se o Goberno local tivera en conta estas propostas poderíanse aforrar ata 100.000 euros o que implicaría un aforro estimado en xuros en torno aos 10.000 euros. En total, un aforro total de 110.000 euros que se poderían destinar a pagar facturas e amortizar débeda e que en 2019 permitiría ter as contas en orde sen necesidade de subir impostos aos veciños.

    “Se tivera un mínimo de vontade política e un mínimo de responsabilidade para solucionar o problema de pago a proveedores, sentaríanse a falar co Partido Popular para poder chegar a un acordo, sinala Rodríguez Davila.

    O próximo xoves 21 de xullo os populares van manter unha reunión informativa na sede local do partido con empresarios e autónomos.