Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Varios colectivos se dirixen ó PP para que represente a Poio na Mesa de Seguimento do Pacto Ambiental de Ence se o bipartito se nega.

    • O voceiro popular Ángel Moldes entende que quen debe representar a todas as asociacións de Poio é, preferentemente, o Alcalde, polo que agarda a que este se pronuncie.
    • Así e todo, “antes de perder esta oportunidade”, os populares están dispostos, “como grupo maioritario na corporación”, a asistir á mesa en nome das entidades e os veciños de Poio.
    • Para Moldes, sería “imperdonable” perder unha financiación tan importante coma esta pola intolerancia do BNG, máis preocupado pola ideoloxía ou as consignas de fóra que polos intereses dos veciños de Poio.
    • O PP pide que o grupo de goberno explique se recibiu a invitación a participar na comisión e convoque ós colectivos para darlles información e escoitalos, “que é a súa obriga”.

     

    Poio, 20 de xullo de 2016.- O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, revelou hoxe que varias asociacións se dirixiron a este partido para que represente ós veciños na mesa de seguimento do “Programa Marco Social” da empresa Ence, en caso de que o alcalde se negue a asistir á mesma.

    Nesa mesa, á que están invitados os concellos de Poio, Pontevedra e Marín, se decidirá o destino dos 3 millóns de euros que destinará anualmente a pasteira a proxectos sociais, culturais e de desenvolvemento sostible da Ría de Pontevedra.

    Moldes dixo preferir que sexa o alcalde quen represente ó Concello e ós veciños nesta comisión: «é a súa función», e explicou que o PP, “como grupo maioritario na corporación” agardará a que o alcalde dea unha postura clara antes de tomar unha decisión a este repecto, pero recordou a Sobral que os intereses dos veciños de Poio están por riba das ideoloxías do BNG ou das consignas que lle impoñan desde outros Concellos ou da dirección do Partido.

    Moldes recordou que moitas veces, na vida municipal «hai que poñer o que queren e necesitan os nosos veciños antes que o que diga o partido» e que el mesmo pediu a retirada do anteproxecto da Lei de Acuicultura “do PP”, e dixo que non se entendería se Luciano Sobral preferise defender a doutrina do BNG antes ca os intereses dos veciños e os colectivos de Poio: «Ninguén comprendería que rexeitase defender ós veciños ou que non quixera loitar para conseguir fondos para mellorar o Concello».

    O voceiro popular recordou que «se está a falar de 3 millóns de euros ó ano: Con independencia das nosas ideas  políticas, eu respecto o alcalde como máxima representación do noso concello e en definitiva de todos os veciños, e espero que poña os intereses do pobo sempre por riba dos intereses do bloque».

    Moldes explicou que non sería a primeira vez que o alcalde delega en concelleiros de outro grupo a representación do Concello en asuntos de especial interese, pero en calquera caso o PP “non ten ganas nin necesidade de protagonismo: que escoite ós colectivos –que serían os principais prexudicados de non participar no reparto destes fondos- e tome a decisión máis beneficiosa para o desenvolvemento de Poio”.

    O voceiro do PP insistiu en que o Concello ten que confirmar “se recibiu ou non a invitación á comisión de seguimento”, ainda que polas declaracións do alcalde e as últimas informacións en prensa “parece que teñen claro que o Concello de Poio está invitado a participar”.

    Moldes quixo puntualizar unhas recentes declaracións de Sobral nas que dicía que os colectivos “podían decidir individualmente se solicitar estas axudas ou non”, segundo o rexedor poiense. Moldes explicou que “o alcalde non entendeu como funciona este plan”, e indicou que “os que están invitados á mesa encargada de asignar os fondos son os concellos”.

    Moldes explicou que será nesa mesa que se presentarán os proxectos que opten ós fondos do plan, e “se decidirá qué proxectos recibirán o financiamento”, polo que o alcalde non pode parapetarse detrás das asociacións ou dos veciños: “O que ten que estar é o Concello”.

    O popular apuntou que “os colectivos o que queren é que se lles informe e se lles escoite”. Esa foi a principal conclusión da reunión cos colectivos do luns 18 na Comunidade de Montes, á que asistiron representantes de máis de 100 asociacións de Poio: confrarías, clubs deportivos, asociacións culturais, de veciños...”O interese por ter máis información sobre este programa e por poder dar a súa opinión é máis evidente”.

    Moldes explicou que na reunión os colectivos presentaron varias ideas e propostas, “como que os clubes que non queiran participar na mesa non poidan ser logo beneficiarios deste plan, ou que tipo de proxectos poderán presentarse, o posible reparto”... pero incidiu en que a principal demanda das asociacións foi “que se lles escoite, que o Concello non as abandone”.

    Por ese motivo o PP presentou senllas solicitudes no Concello, para que se escoite ás asociacións: Moldes solicitou a convocatoria extraordinaria do Consello Municipal de Deportes –no que están representadas todas as entidades deportivas, institucións educativas, escolas deportivas do Concello, ademais da Xunta, o Concello e os distintos partidos, e tamén remitiu un escrito pedindo ó alcalde que convoque a unha reunión sobre este asunto a todas as asociacións de Poio non representadas en dito Consello: “Sexa cal sexa a decisión final, o que é indiscutible é que esta non pode tomarse unilateralmente polo alcalde, polo que lle pedimos que atenda os escritos presentados o antes posible e convoque xa ós colectivos de Poio”.