Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Para o PP Carmela Silva é unha marioneta política do alcalde, que atende ao que el manda e non aos intereses da cidade

    • “Reclamamos que teña proxectos concretos para Vigo e que apoie aos colectivos”, defende Elena Muñoz.
    • Denuncian que o edificio da Deputación en Vigo converteuse nun mero rexistro, baleiro de contido.
    • Nidia Arévalo lamenta que a presidenta exportase “as malas formas, a ditadura e a falta de talante dos socialistas vigueses ao resto da provincia”.

     

    Vigo, 21 de xullo de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular criticou esta mañá que a Deputación deixase de ter un proxecto para Vigo e de ser un apoio fundamental para o tecido asociativo da cidade, e lamentaron que Carmela Silva sexa “unha marioneta política do alcalde, que atende ao que el manda e non aos intereses da cidade”.

    Así o denunciaron esta mañá a voceira do grupo, Nidia Arévalo, e a deputada Elena Muñoz, que lamentan que nestes doce meses a institución provincial deixara de estar ao lado dos colectivos culturais, deportivos, sociais e veciñais da cidade, para centrarse unicamente naqueles temas que o alcalde de Vigo “deixa e ordena”.

    “Antes a Deputación tiña un proxecto para Vigo, un apoio para todo o tecido asociativo da cidade, e hoxe todos estes colectivos están desasistidos”, recordou Elena Muñoz. A deputada viguesa considera que “a Deputación converteuse nunha comparsa sen voz nin voto do alcalde e do que el quere facer, e a presidenta é unha marioneta do alcalde, que só fai o que el lle permite e autoriza”.

    Nesta liña, recorda que a Deputación só suma diñeiro ás aportacións que xa fai o Concello de Vigo, referíndose ás axudas para os voos en Peinador, a grada en marcador ou o acondicionamento da sede do Auditorio do Mar, proxecto que xa foi criticado polo Partido Popular xa que supón facer un investimento de 800.000 euros nun edificio municipal, para que despois o Concello de Vigo abone un aluguer á empresa adxudicataria. Por iso, insistiron en que neste primeiro ano de goberno, a Deputación de Pontevedra converteuse na caixa B do Concello de Vigo, desatendendo as necesidades da cidade para centrarse exclusivamente nos intereses políticos do partido.

    Os populares consideran que este non é o camiño máis acertado nin o que máis lle convén a Vigo. “Nós seguimos reclamando que a Deputación sexa o que ten que ser nesta cidade, que faga proxectos concretos, que apoie a todas as asociacións, e que non fagan como neste último ano, no que non contentaron a ninguén”, sinalou Elena Muñoz.

    Pola súa parte, Nidia Arévalo comparou a xestión do bipartito co que está pasando no edificio que a Deputación ten en Vigo, que se converteu nun mero rexistro, baleiro de contido. “Os veciños de toda a área metropolitana usábamos esta sede como rexistro, pero tamén para reunións, como lugar onde expoñer e escoitar as peticións dos colectivos… Aquí había un importante fluxo de persoas do mundo da cultura e do deporte. E hoxe non hai nin persoas nin quen as atenda. E esta é a imaxe da nova Deputación, coas portas pechadas e os deputados falando na rúa”, criticou. Ademais, explicou que a Deputación prohibiu aos deputados populares facer as declaracións na sala de prensa da sede de Vigo, dicíndolles que se foran a Pontevedra.

    A voceira do grupo popular lamentou, ademais, que a presidenta da Deputación exportase ao resto da provincia “as malas formas, a ditadura e a falta de talante dos socialistas vigueses”. Así, dixo que “os plenos pasaron de ser un lugar de debate a un lugar para a crispación, cunha presidenta acomplexada que non permite falar e debater, e nos que a falta de respecto é a que preside a Deputación todos os meses”.