Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • PSOE e BNG votan en contra de seguir financiando o Centro de Discapacitados de Valga

     Hoxe no pleno da Deputación de Pontevedra, no que impediron aos afectados acceder á sala

    •  “Este é un claro exemplo dos recortes da nova Deputación de Pontevedra en servizos sociais en toda a provincia”, denunciou o voceiro popular Ángel Moldes.
    •  “Non estamos falando nin de unha festa nin de folclore, estamos falando de persoas que necesitan unha atención especial, e que debería sentirse un pouco máis”, esixiu o alcalde de Valga antes do pleno.

     

    Pontevedra, 29 de xullo de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular lamenta que o goberno bipartito non aproveitase hoxe a oportunidade de dar marcha atrás e garantir a supervivencia do Centro de Día e Ocupacional para Persoas con Discapacidade de Valga (Codi). PSOE e BNG votaron en contra da moción na que os deputados do PP pedían que a Deputación renovase o apoio económico que o Concello de Valga viña recibindo desde o ano 2012 e que permitía a contratación de oito profesionais asistenciais e atender a unha trintena de usuarios de Caldas, Catoira, Pontecesures e Valga.

    O voceiro popular Ángel Moldes criticou “a irresponsabilidade” de Carmela Silva, que eliminou o 100% das axudas que recibía o Codi da institución provincial “sen ningunha explicación e sen interesarse se estaba ou non garantida a continuidade deste centro”. Así, explicou que o Concello de Valga está facendo fronte a todos os gastos do centro, así como das nóminas do persoal desde o mes de xaneiro, “unha situación extrema que non pode asegurar a supervivencia do servizo”.

    “A Deputación é competente para renovar o financiamento dos profesionais que demanda o Concello de Valga, o que fai falta é vontade política”, comentou Ángel Moldes, que puxo de exemplo á Deputación da Coruña, presidida tamén polo PSOE, que continúa na actualidade financiando algúns programas de servizos sociais comunitarios específicos, como é o caso do Codi de Valga.

    RECORTES EN TODA A PROVINCIA

    “Este é un claro exemplo dos recortes da nova Deputación en servizos sociais en toda a provincia, dixeron que estarían ao lado dos concellos e dos colectivos máis vulnerables, pero era todo mentira. A presidenta está priorizando os seus intereses políticos aos da provincia, polo que lle pedimos que reflexione e poña ás persoas por riba do resto”, denunciou o voceiro popular, que recordou que ademais de deixar ao Codi sen financiación, tamén eliminou a axuda para un técnico dos servizos sociais municipais básicos, polo que o servizo municipal de Valga queda reducido a un auxiliar e un técnico, en lugar de dous como viña sendo atendido ata o de agora.

    Nesta liña, Moldes recordou que a Deputación de Pontevedra tamén retirou este ano o apoio a máis de 40 entidades sociais de toda a provincia e ás persoas que reciben o seu apoio, como o caso das Samaritanas da Guarda, Esperanza Salnés, Xuntos Down, Proxecto Home, Cogami, Red Madre, entre outros.

    Ademais, criticou que, de novo, “ante as carencias do goberno bipartito provincial, Carmela Silva intenta desviar a atención a outras administracións”. E incidiu en que “a realidade é que a Deputación baixo o goberno do Partido Popular estaba axudando ao Codi de Valga e ese apoio eliminouse con vostedes”.

    OS AFECTADOS, FÓRA DO PLENO

    No inicio do pleno estaba previsto que interviñese a presidenta da Asociación de Discapacitados de Valga, co obxectivo de explicar a situación do centro, pero finalmente rexeitou comparecer en solidaridade co resto de familiares dos usuarios que acudiron ata a Deputación para escoitar o debate e aos que lle impediron o acceso á sala onde se ía celebrar o pleno provincial.

    O alcalde de Valga, Jose María Bello Maneiro, criticou que “é incrible que se limiten os asentos a persoas que non están afectadas e que os prexudicados teñamos que quedar fóra. Non ten sentido que teñan preferencia alcaldes e concelleiros socialistas da provincia antes que os propios afectados”.

    O rexedor municipal dixo que Carmela Silva está moi enterada da situación do Codi, xa que dispón de informes municipais que explican cal é a situación do centro. “Non estamos falando nin de unha festa nin de folclore, estamos falando de persoas que necesitan unha atención especial, e que debería sentirse un pouco máis”, esixiu.

    Sobre este aspecto tamén se pronunciou Ángel Moldes, que dixo que “non é bo que sexa case as catro da tarde e teñamos a xente, xente maior, fóra da sala esperando sen deixarlles entrar. É moi pouco respectuoso que se lles deixara a eles fóra e sen embargo estiveran as cadeiras ocupadas por concelleiros socialistas”.