Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Alcaldes do PP presentan na Deputación un novo modelo para decidir entre todos os concellos a distribución dos recursos

    Presentaron un escrito por rexistro asinado por todos os alcaldes populares da provincia

    • Defenden que ante as dúbidas amosadas pola presidenta da institución provincial, son os alcaldes quen mellor coñecen as necesidades dos veciños e das veciñas.
    • Plantexan que a presidenta convoque a todos os alcaldes a unha asemblea antes do 15 de setembro
    • Cada concello da provincia estaría representado por un voto.

    Pontevedra, 2 de agosto de 2016.- Os alcaldes do Partido Popular presentaron na Deputación de Pontevedra o modelo que consideran máis xusto para distribuír os recursos económicos da institución provincial, e que pasa por crear unha comisión para decidir por maioría as liñas xerais de reparto dos recursos económicos e a cantidade que a institución provincial destina aos concellos.

    A súa proposta pasa porque a presidenta convoque a todos os alcaldes a unha asemblea no Pazo Provincial antes do 15 de setembro, baixo o criterio de un concello un voto, para nomear a comisión que decida por maioría tanto a cantidade como a distribución dos recursos económicos.

    Os alcaldes populares sinalan que saben da importancia da Deputación e queren que sexa útil, polo que na súa proposta busca un modelo máis distributivo, pero sobre todo máis solidario. Nesta liña, recordan que a razón de ser das Deputacións é servir de apoio aos pequenos e medianos concellos e diminuír as desigualdades de oportunidades entre o urbano e o rural.

    No escrito, presentado por rexistro e asinado por todos os alcaldes populares na provincia, explican que ante as dúbidas amosadas nas últimas semanas pola presidenta e o seu grupo de goberno sobre como xestionar os recursos económicos da Deputación de Pontevedra, son os alcaldes quen mellor coñecen as necesidades dos veciños e das veciñas de cada municipio, pero tamén as posibilidades reais e a trascendencia que a institución provincial ten para ofrecer solucións. 

    Por iso consideran que neste novo modelo os alcaldes xogan un papel fundamental, xa que serán os concellos os que van decidir e pactar como se distribúen os recursos económicos na provincia. Critican que non é tolerable que dos 150 millóns de orzamento que ten a Deputación, aos pequenos e medianos concellos só cheguen 40. Ademais de quedarse moitos millóns no camiño, critican que tamén se perderon moitos dos servizos que se prestaban aos veciños, e que a día de hoxe a Deputación non está ao lado do deporte base, das asociacións culturais, dos colectivos veciñais, das entidades sociais…

    Están convencidos de que os alcaldes doutras formacións políticas tamén apoiarán este novo modelo, porque non é en beneficio dos partidos políticos, senón a favor dos veciños e dos servizos que se lle prestan. Por iso piden que a presidenta se deixe de mensaxes triunfalistas e insisten en que o plan proposto polo bipartito  non convence nin aos alcaldes do Partido Popular como tampouco a rexedores doutras formacións. Consideran que foi precipitado e improvisado, polo que agora é momento de que todas as partes, Deputación e concellos, traballen de xeito conxunto.

    Nesta liña, os alcaldes populares convidan á presidenta a que se de verdade ten unha vontade dialogante como presume os reúna a todos e se sente cos alcaldes da provincia para decidir en igualdade de condicións o reparto dos recursos económicos.