Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP denuncia que a Deputación retirou as axudas ao Comedor Social de Cangas

    • Os deputados populares visitaron o centro, que funciona coa colaboración de persoas voluntarias e que atende a usuarios de toda a comarca.
    • “É desalentador comprobar por toda a provincia como entidades altruístas, que desenvolven unha labor fundamental no eido social, están quedando desamparadas e sen axuda provincial”, critica Nidia Arévalo.
    • Ángel Moldes sinala que “este é un claro exemplo dos recortes da nova Deputación en servizos sociais, dixeron que estarían ao lado dos concellos e dos colectivos máis vulnerables, pero era todo mentira”.

     

    Cangas, 30 de agosto de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular denuncia que o goberno bipartito da Deputación de Pontevedra retirou a axuda económica que anualmente recibía o Comedor Social de Cangas, e que supoñía un importante apoio para a labor desinteresada que diariamente ofrecen os voluntarios do centro e que permite atender a usuarios de toda a comarca do Morrazo.

    Os voceiros populares Nidia Arévalo e Ángel Moldes, acompañados polo deputado Jose Enrique Sotelo, visitaron o centro, no que comprobaron o “traballo encomiable” que realiza esta asociación. Ademais de atender directamente a preto de 80 persoas no comedor, os voluntarios tamén reparten menús preparados aos fogares, principalmente en casos nos que hai menores ou nos que as persoas teñen problemas de mobilidade.  

    “É inxustificable esta falta de apoio. Resulta desalentador comprobar por toda a provincia como entidades altruístas, que desenvolven unha labor fundamental no eido social, están quedando desamparadas e sen axuda por parte da Deputación provincial”, critica a voceira Nidia Arévalo. Deste xeito, recorda que ata o de agora, o Comedor Social de Cangas recibía da Deputación de Pontevedra unha axuda económica de 6.000 euros anuais, ademais da contratación de un traballador social e de un cociñeiro a través do plan de emprego provincial.

    RECORTES DA NOVA DEPUTACIÓN

    Segundo explicou Ángel Moldes “esta axuda hoxe é inexistente, a Deputación eliminou toda a colaboración económica con este comedor”. Nesta liña, insistiu en que “este é un claro exemplo dos recortes da nova Deputación en servizos sociais en toda a provincia, dixeron que estarían ao lado dos concellos e dos colectivos máis vulnerables, pero era todo mentira. A presidenta está priorizando os seus intereses políticos aos da provincia, polo que lle pedimos que reflexione e poña ás persoas por riba do resto”.

    O voceiro popular amosou a súa preocupación pola falta de interese e de coñecemento que ten o goberno provincial sobre o funcionamento destas entidades, e do que pode suceder cos seus usuarios que, segundo recordou, son persoas con recursos limitados e especialmente vulnerables. O deputado recordou que a Xunta de Galicia continúa prestando axuda económica a este comedor, pero entende que resulta indispensable a implicación de todas as administracións.

    “Presumían de portas e de ventás abertas, e o que están facendo é pechar a Deputación de Pontevedra da peor maneira posible, aos colectivos e entidades sociais desta provincia”, denuncia Moldes. Nesta liña, di que mentres no anterior goberno atopaban un firme compromiso, hoxe o que atopan é un goberno bipartito pouco sensibilizado con entidades que están desenvolvendo unha labor moi importante nos diferentes concellos da provincia.

    Os deputados do PP recordan que este non é o único caso no que unha entidade social deixa de recibir apoio económico da Deputación, e recordan que xa denunciaron outros casos como Esperanza Salnés en Cambados, as Samaritanas da Guarda, Xuntos Down ou o Centro de Discapacitados de Valga, entre outros.