Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Rueda márcase o reto de conseguir unha afluencia masiva na Praza de Pontevedra

    • “O PPdeG preséntase con máis unidade e fortaleza que nunca. Amosará músculo e capacidade de mobilización”.
    • Tellado recorda que simpatizantes e afiliados “son a forza do PPdeG” e presentou un vídeo promocional

     

    Pontevedra, 2 de setembro de 2016.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, avanzou esta mañá que se agarda unha afluencia masiva ao mitin da Praza de Touros de Pontevedra o próximo sábado 10 de setembro. Rueda marcou o reto de conseguir un terceiro fito histórico na historia do PPdeG como nos anos 2009 e 2012. “Non é nada fácil nun momento no que hai tantas cousas relacionadas cos partidos e coa súa capacidade de mobilización que están en crise. Estamos vendo liortas e discusións que desfán a unidade das outras formacións. O PPdeG preséntase con máis unidade e fortaleza que nunca. Amosará músculo, ilusión e capacidade de mobilización”.

    O presidente provincial recordou que este mitin é un emblema para o partido e o que supuxo no ano 2009, cando a consecución da primeira maioría absoluta por parte de Alberto Núñez Feijóo parecía lonxana. “É un símbolo, un talismán. Tivo unha grande importancia nesa victoria de 2009 cando todo parecía moi complicado, tanto a maioría absoluta como a capacidade de mobilización. O de 2016 non deixa de ser un reto, moito máis nestes tempos, e esperamos que avance a terceira vitoria do Partido Popular”.

    Rueda, que cifrou a asistencia prevista en máis de 10.000 persoas, tamén quixo destacar o peso da provincia de Pontevedra dentro do PPdeG. Despois dos habituais inicios de curso, que anteriormente se celebraban en Soutomaior e que agora o fan en Cotobade, “este mitin vén ser unha mostra máis; esa presenza e ese protagonismo póñense de novo de manifesto”.

    Pola súa parte, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, incidiu no mitin como “unha clara demostración de forza dun partido que aspira a seguir sendo un referente para os galegos. O obxectivo é encher”. Tellado fixo un chamamento aos simpatizantes e afiliados, “que son a forza do PPdeG”.

    O tamén coordinador de campaña do partido quixo agradecer a asistencia ao mitin do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e aludiu á declaración de persoa non grata que o Concello de Pontevedra aprobou a principios de ano. “Para nós sempre é unha persoa grata. Somos o partido do Si, un partido inclusivo e no que cabe todo o mundo. Estamos moi orgullosos do noso presidente”.

    Tellado presentou, ademais, “para quentar motores” un vídeo promocional que o partido difundirá a través das redes sociais. Nel proxéctanse imaxes dos mitins dos anos 2009 e 2012 e alúdese á cita do próximo sábado coa frase ‘Non hai dúas sen tres’. O vídeo promocional xa circula polas redes sociais e o seguirá facendo ata a próxima fin de semana baixo o hashtag #RetoPrazaPontevedra