Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP sinala que é unha boa nova que o bipartito da Deputación rompa o acordo de goberno e recoñeza o éxito das escolas deportivas

    • Ángel Moldes lamenta que non fose por iniciativa do goberno, senón como resposta á demanda e ás presións de pais e dos alumnos.
    • Recordan que en xaneiro PSOE e BNG votaron no pleno en contra da súa continuidade.
    • “Este cambio de decisión dá a razón ao PP, que sempre defendeu o éxito incuestionable deste proxecto”, apunta.

     

    Pontevedra, 04 de setembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular amosa a súa satisfacción porque o goberno bipartito da Deputación de Pontevedra recapacite, rompa o acordo de goberno e dea marcha atrás no seu propósito de eliminar as escolas deportivas provinciais. Recorda o voceiro dos populares, Ángel Moldes, que o PP sempre defendeu a súa continuidade, porque era un proxecto que funcionaba e que potenciaba o deporte base en toda a provincia, mentres que PSOE e BNG apostaron desde un principio, e tal e como se incluíu no seu pacto de goberno, por suprimilas.

    “É unha boa nova para toda a provincia, para os máis de 10 mil nenos e nenas que participaron nas escolas deportivas que deixou en marcha o Partido Popular o pasado curso”, destaca o voceiro popular. Nesta liña, sinala que o anuncio da continuidade das escolas deportivas debería terse producido hai xa moito tempo e pola propia iniciativa do goberno bipartito, non como resposta á demanda e ás presións dos pais e dos propios usuarios.

    Recorda Ángel Moldes que ademais de contemplar a eliminación das escolas deportivas no pacto de goberno, no orzamento provincial deste ano non se contempla ningunha partida económica para as escolas deportivas, e ademais, tanto socialistas como nacionalistas votaron no mes de xaneiro en contra dunha moción do PP que pedía a súa continuidade.

    “Este cambio de decisión dá a razón ao PP, que sempre defendeu o éxito incuestionable deste proxecto, por iso parécenos razoable que Carmela Silva debe recoñecer o seu erro, porque o que está claro é que funcionaban”, apunta o voceiro. Ademais, defende que o que funciona, independentemente do goberno que proveña, non se debería cambiar. “Por iso confiamos en que despois de un ano, por fin a presidenta cese co seu empeño case enfermizo de eliminar todo o que estivese relacionado coa xestión do PP”.

    Ángel Moldes explica que o PP deixou en marcha 276 escolas deportivas en funcionamento en toda a provincia, nas que participaban preto de 10 mil nenos de entre 5 e 15 anos, e que tiñan como obxectivo levar a promoción do deporte a todos os rincóns da provincia, especialmente aos concellos pequenos e con menor poboación.

    “É unha barbaridade e un descoñecemento total que a presidenta diga que había concellos que descoñecían da súa existencia, porque precisamente eran eles quen as solicitaban”, critica.