Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP presenta un programa “realista e para gobernar” centrado en “seguir transformando Vigo e Galicia” ata o ano 2020

    • A portavoz popular, Elena Muñoz, subliña que os candidatos vigueses -Teresa Egerique, Ignacio López-Chaves, Marián García, Javier Dorado e Marta Fernández Tapias- configuran un “equipo con xuventude e experiencia que coñece as necesidades reais da cidade”
    • Egerique destaca que o documento é froito dun “traballo de moitos meses”, no que participou a cidadanía, relevantes membros do partido e asociacións, entidades e colectivos
    • Aposta por “consolidar a Galicia que queremos, próspera e solvente”, capaz de “manter a senda do crecemento”, converter 50.000 empregos temporais en indefinidos e seguir destinando o 80% do orzamento a gasto social
    • Avanza que o presidente Feijóo visitará Vigo o mércores para detallar medidas concretas do programa na cidade

     

    Vigo, 5 de setembro de 2016.- A voceira popular, Elena Muñoz, acompañada polos candidatos vigueses ás eleccións autonómicas -Teresa Egerique, Ignacio López-Chaves, Marián García, Javier Dorado y Marta Fernández-Tapias- presentaron hoxe o programa de Alberto Núñez Feijóo para as eleccións autonómicas do 25 de setembro. Un programa, explican, “realista e para gobernar” centrado en “seguir transformando Vigo e Galicia” ata o ano 2020.

    Neste sentido, Muñoz subliñou que “o de Feijóo é o único programa, de todos os que concorren aos próximos comicios, con “garantías de cumprimento”, xa que o resto só poderían cumprir a parte correspondente aos departamentos que se lles asignasen.

    Muñoz Fonteriz destacou que se trata dun documento con “1.400 medidas pensadas por e para os galegos” e que comprenden o emprego, a sanidade, a educación e todos aqueles ámbitos centrados en “potenciar o benestar social”. “Mentres que outros se perden en disputas internas, nos queremos que en Galicia si se avance, si se cree emprego e si se viva con mellor calidade”, incidiu

    Neste sentido, a portavoz popular subliñou a capacidade dos cinco candidatos vigueses, que conforman “un equipo que vai defender Vigo e pelexar polos intereses de Vigo; un equipo con xuventude e con experiencia, que coñece as necesidades dos vigueses e defenderá os intereses da cidade no Parlamento”. 

    PEGADOS Á RÚA

    A número tres por Pontevedra, Teresa Egerique, subliñou que o programa é froito do traballo de moitos meses, participando na súa elaboración a cidadanía, asociacións, entidades e  colectivos, e membros do partido. Así, sinalou, Javier Dorado coordinou as achegas de Xuventude, Marián García as de asuntos sociais, López-Chavez as relativas á administración e ela mesma as relacionados coa cultura. “Levamos tempo traballando pegados á rúa, preto da xente, en contacto coas persoas, na procura de impulsar unha Galicia próspera e de futuro”, afondou.

    Neste marco, apostou por “consolidar a senda xa iniciada do crecemento” na procura de converter 50.000 empregos temporais en indefinidos, seguir reducindo o paro xuvenil e o de longa duración, e seguir destinando o 80% do orzamento a gasto social.

    “O noso obxectivo estes días é explicar e achegar este programa ás persoas. Un programa que da continuidade ao traballo xa feito estes anos, cun Plan Estratéxico da economía, con plans sectoriais en ámbitos tan importantes como a innovación, coa Estratexia de Especialización Intelixente; a sanidade, coa Estratexia SERGAS 2020; a industria, coa Axenda de Competitividade Industrial; ou o rural, co Programa de Desenvolvemento Rural”, resaltou Egerique.

    Sobre esta base, proseguiu, “agora toca o seguinte reto”: “Consolidar a Galicia próspera e solvente que avalan os datos de crecemento económico e do emprego e unhas contas públicas saneadas”.

    FEIJÓO EN VIGO

    Para acadar esta meta, Egerique subliñou que seguirán a traballar “preto da xente, como levamos facendo todo este tempo”. Así, lembrou, o propio presidente Feijóo leva meses escoitando á cidadanía a pé de rúa, e o próximo mércores virá pola mañá a Vigo para anunciar as medidas máis concretas do programa na cidade.

    “Imos estar na rúa, explicando o significado deste programa e a súa importancia para a nosa terra, e máis ante a alternativa que temos enfronte”, destacou, concluíndo: “Este programa non nos pertence a nós. Pertence aos galegos, que apoiarán ao Partido Popular para que se poida seguir a desenvolver unha Galicia próspera; porque en Galicia hai posibilidades de ter un goberno estable”.