Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Nidia Arévalo: “queremos un plan concellos real, concreto, no que non se dubide e non se diga unha cousa hoxe e outra mañá”

    O PP defenderá o modelo proposto por alcaldes da provincia no próximo pleno da Deputación

    • “Parece que lle dá igual o que lle digan a metade dos alcaldes da provincia, pero lle recordamos que son trinta alcaldes que gañaron as eleccións”, sinala.
    • Critica que “os primeiros que non teñen claro que inclúe o plan é o propio goberno, que leva un ano confundindo a alcaldes, concelleiros, veciños e colectivos”.

    Pontevedra, 06 de setembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular defenderá no próximo pleno da Deputación de Pontevedra o modelo de distribución dos fondos provinciais proposto por alcaldes da provincia. A voceira dos populares, Nidia Arévalo, critica que máis de un mes despois de que os alcaldes presentaran a súa proposta por rexistro, aínda non recibiron ningunha resposta nin opinión da presidenta ao respecto.

    Nidia Arévalo, que estivo acompañada polas deputadas e alcaldesas de Moraña e de Forcarei, Luisa Piñeiro e Belén Cachafeiro, insistiu en que “o PP non propón un modelo de reparto, o que propón é unha comisión na que estean representados os concellos de toda a provincia para que sexan eles os que decidan”.

    A voceira explicou que “queremos un plan concellos real, concreto, no que non se dubide. Un plan no que non se diga unha cousa hoxe e outra mañá”. Nesta liña, criticou que “os primeiros que non teñen claro o que realmente está incluído no Plan Concellos son eles mesmos. Levan un ano confundindo aos alcaldes, aos concelleiros, aos veciños e aos colectivos”. Como exemplos, referiuse aos colectivos culturais, sociais e veciñais, e criticou que desde o goberno bipartito digan que son os concellos quen teñen que asumir estas axudas, mentres que nos propios concellos non atopan forma legal para facelo atendendo ás bases que redactaron na institución provincial.

    Polo tanto, o obxectivo da moción dos populares será coñecer a opinión da presidenta e do resto do goberno. “Queremos saber cal é a súa postura. A presidenta só se pronunciou e criticou a visita do presidente provincial á Deputación xunto cos alcaldes, pero non dixo nada do fondo da cuestión”, indicou.

    Por esta razón, a voceira popular lamentou que “parece que lle dá igual o que lle digan a metade dos alcaldes da provincia, pero lle recordamos que son trinta alcaldes que gañaron as eleccións, porque no PP quen non gaña eleccións non goberna, e estes alcaldes estanlle dicindo á presidenta, séntese con nós porque temos unha proposta que consideramos merece a pena”.

    Nidia Arévalo salientou que o que piden en definitiva é diálogo e que conten coa voz do pobo, que son os alcaldes da provincia. Ademais, sinalou que “a  maioría dos alcaldes e alcaldesas temos experiencia e coñecemento de primeira man, algo que non ten este goberno, do que son as necesidades da provincia”.

    O MODELOS DOS ALCALDES

    Os alcaldes do PP presentaron a finais de xullo na Deputación de Pontevedra o modelo que consideran máis xusto para distribuír os recursos económicos da institución provincial, e que pasa por crear unha comisión para decidir por maioría as liñas xerais de reparto dos recursos económicos e a cantidade que a institución provincial destina aos concellos. A súa proposta pasa porque a presidenta convoque a todos os alcaldes a unha asemblea baixo o criterio de un concello un voto, para nomear a comisión que decida por maioría tanto a cantidade como a distribución dos recursos económicos.

    PROXECTOS PARADOS

    As deputadas populares tamén criticaron que todos os proxectos que a Deputación tiña con concellos da provincia están todos ou anulados ou paralizados, e que non houbo nin un proxecto novo nestes catorce meses.

    Como exemplo, a deputada e alcaldesa de Moraña Luisa Piñeiro, referiuse ao proxecto da variante de Rebón. Estaba xa en marcha antes de que este goberno tomara posesión, e cando chegaron paralizaron a obra. A deputada sinalou que xa lle comunicaron que non van a continuar coa obra, e criticou que un ano e dous meses despois de gobernar aínda non saiban que solución van a ofrecer. “Saben que esa obra non se pode facer, porque era unha obra que quedou en marcha do anterior goberno. Este é o único motivo que teñen. Eles din que non era legal, pero o certo é que non hai ningún informe que acredite esta afirmación”.