Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Feijóo avanza a construción de 1.600 vivendas protexidas, a mellora das infraestruturas educativas e a apertura dunha nova residencia de maiores como medidas clave en Vigo

     Subliña que xa teñen comprometidos os fondos para a estación intermodal da cidade, cuxo proxecto está moi avanzado

    • Pon en valor que Vigo terá a Cidade da Xustiza que merece no inmoble do antigo Hospital Xeral, sendo así a maior infraestrutura xudicial da historia da Autonomía
    • Asegura que continuarán as intervencións nas infraestruturas no Hospital Meixoeiro e no Álvaro Cunqueiro, estando previsto para este último o desenvolvemento de novas unidades
    • Salienta que, grazas á lealdade dos populares con Vigo, foi posible a ampliación de PSA-Citroën para adaptarse á fabricación dos novos modelos, e volveu haber actividade e carga de traballo nos estaleiros vigueses

     

    Vigo, 7 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá en Vigo as propostas do seu programa electoral para a cidade.

    Co estímulo e a responsabilidade de seguir traballando para que os vigueses poidan vivir mellor e con máis oportunidades, o dirixente salientou as principais medidas dos populares para eles, entre as que destacan novas infraestruturas que permitan unha mellor mobilidade, a rehabilitación e dinamización urbana para facer unha cidade máis habitable, unha Cidade da Xustiza que suporá a posta en valor dun edificio emblemático da cidade, a facilidade de acceso á vivenda, ademais dunha mellor educación, máis prazas e servizos sociais e unha mellor asistencia sanitaria.  

    VIVIR MELLOR EN VIGO

    En primeiro lugar e no eido das infraestruturas, Feijóo destacou a construción da Autovía do Morrazo e o Plan de Sendas nas comarcas de Vigo e do Morrazo, ademais de continuar coa humanización de treitos urbanos de estradas autonómicas na área metropolitana e o compromiso de acometer actuacións de mellora da calidade urbana e de demandar ao Goberno a conversión en vía urbana do ramal da AP-9 entre García Barbón e Avda. Bos Aires.

    Ademais, tamén subliñou a construción da estación intermodal de Vigo para a que xa teñen comprometidos os fondos e o proxecto construtivo coa redacción moi avanzada.

    Xa para contribuír á mellora urbanística de Vigo, continuarase coa rehabilitación do Casco Vello e impulsarase a creación dun albergue de peregrinos.

    Tamén no que respecta ás propostas relacionadas coa política de vivenda e solo empresarial afrontarase a urbanización e ampliación do Polígono de Navia, coa que se dotará á cidade de máis solo para a construción de 1.600 vivendas protexidas.

    Así mesmo, unha vez declarado o Camiño Portugués pola Costa, este incluirase na Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago. Deste xeito, desde A Guarda pasando por Oia, Baiona, Nigrán e Vigo poderán beneficiarse das axudas de rehabilitación do Programa Vivendas no Camiño.

    No que atinxe ao solo empresarial, Feijóo indicou que se seguirá impulsando a Plataforma loxística Salvaterra - As Neves co  obxectivo de que en 2017 se empecen a implantar as primeiras empresas neste espazo, grazas á comercialización dos primeiros 100.000 m2 a prezos competitivos. Nesta liña, tamén agarda converter definitivamente nun gran foco de actividade económica e empresarial do sur de Vigo para a implantación de actividades de investigación, desenvolvemento e validación de sistemas e compoñentes vinculados á industria automobilística.                     

    No tocante as propostas relacionadas coa educación, o presidente avanzou que os populares afondarán na habilitación de máis centros educativos como centros plurilingües e tamén na súa incorporación ao programa Abalar para as novas tecnoloxías

    Ademais, continuarase mellorando as infraestruturas con múltiples intervencións entre as que destacan o novo IES de Soutomaior, a ampliación do IES de Teis, ou a ampliación do CEIP A. Rodríguez Castelao en Navia.

    Do mesmo xeito, os populares tamén asumen o compromiso de estudar a construción dun novo IES en Navia ademais de seguir  apoiando ao Campus do Mar como Campus de Excelencia universitaria.

    Igualmente, o dirixente tamén anunciou que se mellorarán as  infraestruturas deportivas e se acometerá a mellora integral da pista de Atletismo de Balaídos.

    Xa no tocante as infraestruturas xudiciais, Feijóo puxo en valor que  Vigo terá a Cidade da Xustiza que merece no inmoble do antigo Hospital Xeral, sendo así a maior infraestrutura xudicial da historia da Autonomía e permitindo concentrar nun único edificio toda a actividade xudicial de Vigo.

    Ademais, comprometeuse a traballar no procura de novos usos para os actuais edificios xudiciais da rúa Lalín, co fin de manter a actividade e o dinamismo nesa zona.

    Xa no eido social, outra das propostas do programa dos populares galegos é poñer a disposición dos vigueses unha nova residencia de maiores, ademais de seguir co Programa de Apoio á Natalidade cunha nova escola infantil

    E no eido da sanidade, continuaranse con novas intervencións nas infraestruturas no Hospital Meixoeiro e no Álvaro Cunqueiro, estando previsto para este último o desenvolvemento de novas unidades como a Psicoxeriatría, Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, Pluripatolóxicos e a recentemente iniciada atención aos lesionados medulares.

    Por outra banda, durante a súa intervención, o presidente tamén falou do compromiso de impulsar a ampliación das instalacións de IFEVI, garantindo así o futuro de Conxemar, financiando a ampliación e só precisando a cesión dos terreos.

    Feijóo non esqueceu falar da Lei da Área Metropolitana de Vigo, engadindo que os populares non queren que a Área vaia dando pasos e asumindo competencias para encherse de contido. Por iso, comprometeuse a iniciar as negociacións para a cesión á Área das competencias autonómicas de Emerxencias e Protección Civil.

    EN VIGO FALAN OS FEITOS

    Segundo indicou Feijóo, o resumo que os populares galegos poden facer do acadado é o mellor aval para seguir facendo por Vigo e pola súa comarca.

    Nese senso, lembrou todo o logrado no que respecta ás melloras sanitarias, destacando a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, a maior infraestrutura hospitalaria feita nunca en Galicia e que é hoxe un dos mellores hospitais de España.

    Ademais, tal e como recordou, esta actuación complementouse con outras en materia de infraestruturas como as reformas no Meixoeiro, o centro de saúde de San Paio de Navia , a reforma do de Lavadores así como, este ano, se remataron os novos centros de saúde de Oia e Panxón e Tui.

    En materia de conciliación, o presidente salientou que dende 2009, investiuse na mellora das escolas infantís da cidade cunha nova Escola Infantil de Valadares con 102 novas prazas ou coa reforma do edificio da “Gota de Leche” coa posta en marcha de 102 prazas.

    No que se refire a centros de día para maiores e dependentes, púxose en marcha o centro de día de Valadares con 80 prazas e o de Coia con 70, ademais de investir 7,2 millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar para Dependencia co obxectivo de ter lista de espera cero. Así mesmo, en xuño incrementáronse en 5.000 as horas mensuais do SAF, o que supón 60.000 horas anuais máis.

    O número un do PPdeG recordou que Vigo recibiu máis de 13 millóns de euros en investimentos nos centros educativos desde o 2009, que inclúen o novo CEIP Virxe do Rocío, a reforma integral do CEIP Vicente Risco, as reformas en varios centros de Secundaria ou as do CEE Saladino Cortizo. Igualmente, a través do fondo de superávit de responsabilidade  realízanse investimentos por máis de 1,7 millóns de euros en centros de primaria e secundaria.

    No tocante ás infraestruturas, o presidente sinalou que xa están iniciadas as obras de desdobramento do Corredor do Morrazo ademais de que, dende 2009 investíronse 21 millóns de euros na mellora e urbanización das estradas autonómicas.

    De igual modo, subliñou que traballaron pola estación intermodal de Vigo que hoxe é máis adiantada de todas as previstas en Galicia

    Ademais, sinalou que contamos cun Plan de Transporte Metropolitano desde abril de 2015, ao que finalmente se incorporou o Concello de Vigo un ano despois, e que vai supoñer un investimento de 1,9 millóns de euros en 2016, sen esquecer que a idea tamén é financiar con ata 350.000 a liña de autobuses ao aeroporto.

    Noutra liña, o dirixente salientou que en Vigo garantiuse o desenvolvemento urbanístico e que, en tempo récord, modificaron a Lei do Solo para que non se paralizaran investimentos clave para a cidade, un claro exemplo da nosa actuación leal con Vigo, antepoñendo sempre o interese dos veciños desta cidade.

    En canto aos sectores estratéxicos, a xestión dos populares permitiu a ampliación de PSA-Citroën para adaptarse á fabricación dos novos modelos, o que supón que se garante unha dinamización do sector do automóbil no contorno dos 3.000 millóns de euros e a garantía de actividade sostida, como mínimo, ata 2028.

    No naval, Feijóo puxo en valor que se volveu a ver actividade nos estaleiros vigueses, tendo en todos actualmente traballo e novos proxectos.

    E outro exemplo desa lealdade que salientou o presidente é o desbloqueo da situación logo de vinte anos de negociacións e a aprobación da Lei da Área Metropolitana de Vigo, que vai supoñer un antes e un despois na xestión dos servizos públicos por parte dos concellos e da colaboración entre as administracións.