Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Feijóo asegura para Pontevedra o Hospital Gran Montecelo, unha nova residencia para maiores e un pavillón destinado á ximnasia deportiva

    Fai fincapé na necesidade de avanzar no Plan de transporte metropolitano, así como na mellora da intermodalidade

    • Pon en valor a tramitación dos traballos para a remodelación do edificio da Xunta en Benito Corbal, actuación que se executará na vindeira lexislatura
    • Salienta o inicio das obras do novo edificio xudicial da Parda, compromiso tamén contemplado no programa electoral

     

    Pontevedra, 7 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe en Pontevedra o programa electoral do seu partido, asegurando para esta área novas infraestruturas viarias e deportivas, unha ría que culmine o seu saneamento, un novo edificio xudicial e máis e mellores servizos sociais.

    Como destacou o líder dos populares galegos, “somos un partido comprometido con Galicia e con todas e cada unha das súas cidades, vilas e aldeas”, tal e como se demostrou nos últimos anos tamén en Pontevedra.

    Nesta liña, lembrou que a Administración precisaba modernizar a súa dotación de infraestruturas na cidade, e así se fixo coa remodelación do edificio en Benito Corbal ou o novo edificio xudicial; Pontevedra requiría remodelar as súas infraestruturas sanitarias, e sentáronse as bases para o seu futuro; e Pontevedra precisaba que ENCE fora unha oportunidade e non un obstáculo para o seu desenvolvemento económico e social, e traballouse para que así fora.

    Con respecto a isto, subliñou que o PPdeG conta para a seguinte lexislatura co aval dos feitos, o que debe ser un estímulo e unha responsabilidade para seguir traballando e actuando para que os pontevedreses poidan ter máis oportunidades para vivir mellor.

    MELLORAS NA SANIDADE PÚBLICA, CONCILIACIÓN E BENESTAR

    Segundo lembrou o presidente do PPdeG, en materia sanitaria en Pontevedra levouse a cabo a reforma integral da área cirúrxica do primeiro andar do Hospital Provincial; rematouse a construción do novo centro de saúde da Parda; e sentáronse bases para a obra máis importante que se vai acometer nos vindeiros anos: o “Gran Montecelo”, que contará cunha superficie superior aos 90.000 metros cadrados e cubrirá as  necesidades de Pontevedra e da súa área nas vindeiras décadas.

    Con respecto a isto, Feijóo matizou que tanto o hospital Provincial como a Casa do Mar de Mollabao terán novos usos, que serán determinados durante a redacción do anteproxecto para a ampliación de Montecelo.

    Por outra banda, no eido da conciliación e do benestar, Feijóo puxo en valor as catro novas garderías públicas que desde 2009 se crearon na zona: a da Parda, a do Edificio Administrativo da Xunta, a de Monte Porreiro e a do Campus Universitario en A Xunqueira. Isto incrementou as prazas nun 127%, pasándose de 214 a 487.

    Con respecto a isto, Feijóo destacou que na vindeira lexislatura continuarase implementando o Programa de Apoio á Natalidade, con medidas para acadar a lista de espera cero nas escolas infantís e para afondar na conciliación.

    No que atinxe aos centros para maiores e dependentes, en 2013 inaugurouse o novo centro de día para enfermos con Alzheimer. Neste senso, fixo fincapé en que está previsto aumentar a súa capacidade na vindeira lexislatura.

    Neste eido, tamén fixo fincapé en que se poñerá a disposición dos pontevedreses unha nova residencia de maiores.

    A EDUCACIÓN PÚBLICA

    En canto á educación pública, o presidente do PPdeG constatou que Pontevedra recibiu máis de 3 millóns de euros en investimentos nos centros educativos desde o 2009, que inclúen: o CEIP San Martiño e a ampliación da biblioteca do IES Torrente Ballester, a reforma do CEIP Froebel, a ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza ou a do Centro Integrado de FP A Xunqueira.

    Así mesmo, ao abeiro do Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2020 e dos recursos obtidos a través do fondo de superávit de responsabilidade realízanse investimentos por máis de 3,4 millóns en centros educativos.

    Neste senso, recalcou que na vindeira lexislatura continuarase mellorando as infraestruturas educativas con intervencións en centros como o CEIP de Chancelas en Poio ou no CEIP de Campolongo.

    Ademais, afondarase na habilitación de máis centros educativos como centros plurilingues e tamén na súa incorporación ao programa Abalar para as novas tecnoloxías.

    INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

    Por outra banda, o presidente do PPdeG subliñou que Pontevedra, como sede do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, é o lugar axeitado para a instalación de infraestruturas deportivas que requiren dun deseño específico para a práctica de determinados deportes.

    Por iso, Pontevedra vai contar cun pavillón destinado á ximnasia deportiva, cuxa xestión estea asociada ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

    APOSTA POLAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS E A MOBILIDADE

    No eido das infraestruturas viarias e da mobilidade, Feijóo lembrou que se apostou pola mellora de vías de comunicación como o vial O Pino-Bora, a Ponte das Correntes, o acondicionamento da estrada PO-255 Ponte Caldelas-Forzáns e PO-241 Caritel – A Lama, o remate da variante de Marín e Nudo de Celulosas ou o enlace de Curro.

    Con respecto a isto, subliñou que o programa do PPdeG aposta pola execución da variante de Alba e por continuar co acondicionamento de estradas autonómicas como a PO-234, a PO-230 ou a PO-241.

    Así mesmo, destacou a implementación na vindeira lexislatura do Plan sendas na comarca, segundo o cal se crearán treitos integrados, sostibles e seguros para itinerarios a pé ou en bicicleta.

    Por outra banda, Feijóo fixo fincapé na necesidade de avanzar no Plan de transporte metropolitano para a área de Pontevedra, así como na mellora da intermodalidade. Como engadiu, o compromiso do PPdeG é mellroar a conexión entre as terminais ferroviaria e de autobuses e levar a cabo unha reforma integral desta última.

    AVANCES NO ACCESO Á VIVENDA E NO SOLO EMPRESARIAL

    Así mesmo, Feijóo fixo fincapé tamén nos avances no acceso á vivenda e destacou a construción de 132 vivendas protexidas de promoción pública en Valdecorvos.

    Ademais, no ámbito da promoción do solo empresarial, destacou a posta en marcha do polígono da Reigosa en Pontecaldelas. Neste eido, recalcou que se seguirá facilitando a atracción de investimentos empresariais a través das bonificacións para a adquisición de solo neste polígono, a través de bonificacións para a adquisición de parcelas ou de dereitos de superficie.

    A MODERNIZACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS DA ADMINISTRACIÓN

    Por outra banda, Feijóo puxo en valor a tramitación dos traballos para a remodelación do edificio da Xunta en Benito Corbal, actuación que se executará na vindeira lexislatura.

    Así mesmo, puxo en valor o inicio das obras do novo edificio xudicial da Parda, compromiso tamén contemplado no programa electoral.

    MELLORAS NO SANEAMENTO DA RÍA

    No relativo ao saneamento da ría de Pontevedra, Feijóo fixo fincapé en que se dará un impulso definitivo para completalo con tres actuacións: a construción dun emisario submarino, a construción da EDAR de Poio e a mellora do saneamento no sistema coa nova EDAR de Praceres.