Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP resalta que “a aposta da Xunta polo Camiño Portugués e por Vigo” se reforzará cun albergue para peregrinos no Casco Vello

     A número 3,Teresa Egerique, acompañada polo resto de candidatos vigueses, percorreron hoxe un tramo desta ruta

    • O candidato Ignacio López-Chaves lembra “o compromiso do presidente Feijóo” coa potenciación deste Camiño desde o 2009, reforzado coa súa oficialización este ano
    • Subliña que a ruta, que suma preto de 20 quilómetros en Vigo, equipárase ao resto de Camiños de Santiago e impulsa a promoción turística de Vigo

    Vigo, 11 de setembro de 2016.- A número 3 da lista por Pontevedra, a viguesa Teresa Egerique, acompañada polo resto de membros da candidatura da cidade –Ignacio López-Chaves, Marián García, Javier Dorado e Marta Fernández Tapias- percorreron na mañá de hoxe un tramo do Camiño Portugués da Costa.

    Con este traxecto, que iniciaron na igrexa románica de Coruxo, buscaban poñer en valor “a aposta desta Xunta de Galicia polo Camiño Portugués e por Vigo”. Un compromiso que, segundo lembraron, se reforzará, se o PP gaña as próximas eleccións, coa construción dun albergue de peregrinos no Casco Vello da Cidade.

    “Con este traxecto queremos salientar a aposta da Xunta de Galicia do Partido Popular por esta ruta”, destacou López-Chaves, quen sinalou que dito compromiso deu este ano un novo paso coa súa oficialización a través da inclusión do Camiño Portugués dentro da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

    Esta ruta discorre pola costa, desde A Guarda a Redondela, onde se conecta co Camiño Portugués do Interior. En total, suma preto de 20 quilómetros en Vigo e a súa potenciación supón, como explica Egerique, “impulsar a promoción turística de Vigo”.

    Non en van, so no mes de agosto, case 10.000 peregrinos percorreron o Camiño Portugués no seu andar cara a Compostela, o que supuxo preto do 20% do total de camiñantes chegados ese mes ata Santiago.

    “O crecemento que amosa este Camiño fainos conscientes da necesidade de seguir a potencialo. E por este motivo, o presidente Feijóo anunciou a construción dun albergue de peregrinos no Casco Vello de Vigo para a próxima lexislatura. Un lugar de descanso dos peregrinos deste Camiño que temos grazas ao apoio da Xunta”, explica Egerique.

    Neste marco, López-Chaves salientou que, grazas a ese esforzo do goberno autonómico, o Camiño Portugués da Costa atópase hoxe en día ao mesmo nivel que o resto de camiños de Santiago.

    Un feito que ten importantes consecuencias positivas para Vigo e para a súa área metropolitana. Así, por exemplo, en localidades como Baiona ou Nigrán están a incrementarse as cifras turísticas desde o recoñecemento oficial do Camiño no mes de abril.

    Así mesmo, e como sinalou López-Chaves, dita oficialización ofrece aos municipios importantes posibilidades, como o de contar con axudas para acometer o desenvolvemento de Áreas de Rehabilitación Integradas nos seus cascos históricos.