Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP aposta pola ampliación do IFEVI co obxectivo de facer de Vigo “centro de referencia internacional” do sector pesqueiro

    A conselleira Rosa Quintana, acompañada polos candidatos vigueses e a voceira popular Elena Muñoz, mantiveron un encontro de traballo con representantes de Conxemar

    • Quintana sinala que o Goberno galego confía en que o recinto feiral poida estar listo para Conxemar 2017
    • Subliña que a Xunta leva tempo traballando nas “memorias e xustificacións necesarias” para acurtar os prazos o máximo unha vez que se entregue o proxecto que, como informou a directiva, estará listo esta semana 
    • “Traballamos para contar cun recinto feiral do tamaño e a dimensión que a pesca de Vigo e de Galicia merecen para ser imaxe ante todo o mundo”, resalta

     

    Vigo, 12 de setembro de 2016.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polos candidatos vigueses ás próximas eleccións e pola voceira municipal, Elena Muñoz, mantiveron hoxe un encontro de traballo coa xunta directiva de Conxemar, encabezada polo seu presidente José Luis Freire. Unha reunión na que avaliaron a situación do sector e apostaron por seguir a traballar, desde a unidade de acción, para facer de Vigo “centro de referencia internacional” da industria pesqueira.

    Neste sentido, Quintana adiantou que o Goberno galego leva tempo traballando nas “memorias e xustificacións necesarias” da ampliación do IFEVI, co obxectivo de “acurtar os prazos ao máximo posible” unha vez que se entregue o proxecto. Un proxecto que, como lle informou a directiva de Conxemar, estará listo esta semana.

    Deste xeito, a conselleira amosou o seu convencemento de que o Instituto Feiral de Vigo estea listo para acoller a edición de Conxemar do ano 2017. “Traballamos para contar cun recinto feiral do tamaño e a dimensión que a pesca de Vigo e de Galicia merecen para ser imaxe ante todo o mundo”, incidiu.

    Quintana sinalou que, unha vez presentado o proxecto, o ritmo dos traballos virá marcado “pola velocidade coa que se poñan a disposición da Xunta” os terreos.

    O obxectivo, proseguiu Quintana, é que Conxemar sexa máis competitiva cada dia, facendo da feira unha “fiestra de oportunidades para dar a coñecer Vigo no mundo”. Unha feira que, segundo explicou, configúrase como “o punto de arranque” para incrementar o espazo do recinto feiral, de cara a que outras feiras tamén se poidan consolidar facendo de Vigo  un “centro de referencia feiral”.

    Un sector pesqueiro máis competitivo

    Por outra banda, a conselleira salientou que a Xunta de Galicia segue a traballar na procura dun sector pesqueiro máis competitivo a nivel internacional. “En Galicia queremos competir en igualdade de oportunidades”, apuntou.

    Neste contexto, Quintana salientou a importancia da Estratexia Blue Growth, no marco da cal se está a desenvolver un instituto para asesorar ao sector pesqueiro en materia de internacionalización. “E un dos primeiros traballos é o de analizar, desde o punto de vista da competencia, como están outros países tendo melloras respecto de nós”, concluíu.