Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Comite Executivo

    Pontevedra aporta case a terceira parte dos compromisarios que participarán no congreso do PP de Galicia

    • Alfonso Rueda presidiu esta tarde o comité de dirección provincial
    • Agardamos que nesa selección se vexa esa especial intención de traballar máis que nunca para acadar unha maioría de abondo para que o PP volva a gobernar.
    • Sobre os socialistas, o presidente provincial anímaos a que presenten xa un candidato, “porque por agora só coñecemos descartes”.

    Pontevedra, 04 de abril de 2016.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, presidiu esta tarde a reunión semanal do comité de dirección, que hoxe se centrou en organizar o que hai que facer na provincia respecto á convocatoria do XVI Congreso do PP de Galicia, que se vai celebrar o 7 e 8 de maio en Ourense.

    Rueda incidiu en que “Pontevedra vai ser, das catro provincias ,a que máis compromisarios teña. Dos 1.700 que hai en toda Galicia, máis de 500 corresponden a esta provincia”. Explicou que o reparto fíxase segundo os criterios de afiliación e a porcentaxe de votos obtidos nas pasadas eleccións autonómicas, polo que case a terceira parte son desta provincia.

    Nesta liña, o líder dos populares dixo que “faremos unha distribución por municipios”, que se aprobará no comité executivo que se celebre esta mesma semana. Deles agarda “que vaian representando aos máis de 35.000 afiliados que hai na provincia, e sendo conscientes da importante transcendencia que vai ter este congreso, no que por terceira vez o PP opta á vitoria”.

    “Agardamos que nesa selección de homes e de mulleres que vaian como compromisarios se vexa esa especial intención de traballar máis que nunca para acadar unha maioría dabondo para que o Partido Popular volva a gobernar”, salientou.

    Sobre Núñez Feijoo, Rueda dixo que “o sentir xeral do sábado foi de alegría e mesmo de agradecemento, porque tendo outras opcións optou por Galicia”. Neste sentido, incidiu en que “fronte ao que moitos dicían, de que Feijoo non tiña interese en presentarse, o certo é que somos o primeiro partido que ten candidato”.

    SEN CANDIDATO SOCIALISTA

    Alfonso Rueda convidou ao PSOE a “que presente xa un candidato ou candidata”. Di que “por agora só coñecemos descartes de persoas que din que vaian outras, que alonxen deles ese cáliz de presentarse contra Feijoo”. Recorda que o último é o da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

    Sobre a presidenta da institución provincial, Rueda criticou que “a semana pasada deu outra mostra de condescendencia, de trato despreciativo e mesmo de soberbia”. O presidente referiuse a que “cada vez que se lle critica, Carmela Silva ten a escusa de acusar de machismo a calquera home que diga calquera cousa dela”, por iso dixo que “como persoa, pareceume unha mostra de condescendencia da mala e de trato inxusto”. E engadiu que “é bastante impropio de unha representante política que ten un cargo como o dela. Pero xa vamos coñecendo dela cada vez máis”