Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP propón elaborar un Plan de Revitalización do Mercado de Estribela

     O edificio atópase nun entorno privilexiado, no centro neurálxico da parroquia

    • “Antes de derribar o mercado, hai que traballar pola súa recuperación e dinamismo”. Esixen un concurso público para a adxudicación dos postos.
    • Reforma Urbana. Os proxectos deben incluír a implantación de carris bici así se acordou no Pleno de xaneiro de 2016.
    • Soterramento L.A.T. Monteporreiro. Jacobo Moreira celebra esta importante noticia para os veciños da zona.

     

    Pontevedra 16, marzo, 2017.- Os populares propoñen a elaboración dun Plan de Revitalización do Mercado de Estribela parello á reforma da planta superior do edificio no que se atopa o centro social. Así o anunciaron este xoves en rolda de prensa tras coñecer o proxecto presentado polo Goberno local.

    “O carácter mariñeiro define a Estribela. O seu mercado é o eixe transmisor da súa esencia e da súa historia por iso cremos que calquera reforma que se leve a cabo no edificio municipal debe ir acompañado dun proxecto que permita recuperar esa esencia”, manifestou a concelleira popular, Aurora Cañizares, “queremos que o mercado se abra á praza, e que sexa o protagonista do entorno realzando a historia da parroquia”, engadiu.

    Os populares non entenden como o Goberno do BNG dá ás costas ás peticións veciñais acadadas dentro do Consello Parroquial e “prefire derribar o actual Mercado antes que traballar pola súa recuperación e dinamismo”. “O edificio atópase nun entorno privilexiado, no centro neurálxico da parroquia e calquera reforma que o Goberno local leve a cabo debe pasar por potenciar este Mercado, máxime cando nos consta que hai moitos usuarios interesados en poder instalarse alí”, puntualizou Aurora Cañizares. Por este motivo, “esiximos unha convocatoria de concurso público para a adxudicación de postos do mesmo xeito que se fixo no Mercado de Abastos de Pontevedra e no sito na rúa Fran Juan de Navarrete”, sinalou a edil popular. “Unha interesante oportunidade de xerar emprego ofrecendo condicións atractivas aos emprendedores”, sentenciou.

    Reformas Urbanas

    Por outra banda, o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, tamén fixo hoxe referencia aos proxectos de reforma urbana anunciados polo BNG e lembra que dende xaneiro do pasado ano 2016 existe un acordo plenario no que se esixe que as futuras reformas nas rúas de Pontevedra inclúan a implantación de carris bici. “O Goberno de Lores ten agora a oportunidade de empezar a crear unha malla de carris bici que permita conectar a cidade”, manifestou en declaracións aos medios. “Xa que os veciños da zona de A Parda non contan con transporte urbano, o BNG de Lores debe ofrecerlles outras alternativas”, destacou.

    Ademais, o edil popular lembrou que no mesmo pleno de xaneiro do pasado ano acordouse a modificación do Regulamento de Circulación para incluír a bici como transporte, “pero un ano despois seguimos sen ter noticias”, apuntou.

    Soterramento Liña Alta Tensión Monteporreiro

    Jacobo Moreira celebrou hoxe o anuncio do soterramento da Liña de Alta Tensión de Monteporreiro. “Unha gran noticia para os veciños”, manifestou, “mentres o BNG de Lores anuncia unha e outra vez as mesmas obras, outras administracións preocúpanse por resolver os problemas que de verdade afectan aos veciños de Pontevedra”, sentenciou.