Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Os datos económicos de Luciano Sobral son mentira: A débeda por habitante de Poio triplica a media provincial

    • Os datos oficiais desmenten ó alcalde: A débeda por habitante de Poio (389,01 €) é moi superior á media da provincia (119,37 €) e das poucas que aumentou en 2017.
    • A información do Ministerio de Facenda tamén aclara que o ratio de endebedamento de Poio (59%) é catro veces superior á media da provincia de Pontevedra (17%).
    • «Poio ten máis débeda total (non por habitante) que concellos da Estrada, Marín, Nigrán, Porriño, Ponteareas e Tui xuntos. Poio ten o triplo de débeda que Vigo».
    • «Todos os datos oficiais din que Poio está moito peor que a media e sen investimentos en 22 anos que xustifiquen esta situación», explican os populares. «Non sabemos de onde saca os datos o alcalde, pero evidentemente que son mentira».

     

    Poio, 12 de xullo de 2017. O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, desmentiu hoxe as declaracións de Luciano Sobral sobre a débeda de Poio: «Non sabemos de onde saca os datos o alcalde, pero sabemos que son mentira». Para Moldes, é «moi grave» que un alcalde intente enganar os veciños sobre a situación económica do concello, pero ademais, cando se afirma o contrario que os datos oficiais «é ridículo».

    Tras a publicación a pasada semana dos datos económicos dos concellos por parte do Ministerio de Facenda, o PP denunciou que o endebedamento de Poio era o máis alto da comarca de Pontevedra e o único que crecera entre 2016 e 2017. Para Moldes, o alto nivel de débeda do concello e a inexistencia de investimentos que o xustificasen nas últimas décadas «deixaban en evidencia a traxectoria de Luciano Sobral».

    Nos últimos días o PP deu a coñecer a débeda pública de Poio, de 6.574.599 €, o que o converte no concello con máis débeda por habitante (389 €) da comarca de Pontevedra e explicou que, ademais, era o único desta comarca (que comprende Pontevedra, Poio, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Vilaboa) cuxa débeda crecera durante 2017, o que deixaba en evidencia os “presupostos da mentira” do Bipartito, segundo os populares, que preguntaban «Que fixo o concello de Poio para deber máis que hai un ano?» e apuntaban que «os gobernos de Luciano Sobral non fixeran ningún investimento de calado nestes 22 anos que xustificasen este nivel de débeda», xa que as grandes obras de Poio estaban feitas antes da chegada de Sobral ó poder, foron a cargo de outras administracións ou, como no caso do Parque da Memoria ou a finca de Ánkar, fixéronse con fondos estatais do plan E, resaltando que «mentres outros concellos tiñan débeda porque se empeñaron para realizar investimentos, facer infraestructuras ou dar servizos, Poio só ten unha débeda enorme e nada que a xustifique».

    MENTIRAS DE LUCIANO SOBRAL

    Tras a publicación destas informacións, o alcalde Luciano Sobral intentou defenderse destas acusacións, «o malo é que o fixo mentíndolle aos medios e aos veciños», explicou Moldes.

    Así, Sobral dixo que Poio “estaba por debaixo da media” e que Poio “estaba na media da táboa” no que se refire á débeda, algo «rotundamente falso». Moldes apuntou aos datos publicados polo Ministerio de Facenda, que non deixan lugar á dúbida: «A débeda por habitante de Poio é máis do triplo da media provincial».

    «Cada veciño de Poio debería 389 €, mentres que a media da provincia é de 119 €», explicou Moldes: «Como pode dicir sobral que estamos por debaixo da media se triplicamos a media?»

    «Ademais, mentres a débeda media da provincia pasou de 150,01 € por habitante a menos de 120 € (unha reducción do 20%), a débeda de Poio subiu neste último ano: Como é posible? E, sobre todo, por que minte Sobral aos veciños?», preguntou Moldes, que continuou debullando os datos oficiais publicados polo Ministerio: «Temos a débeda por habitante máis alta da comarca e unha das máis altas da provincia, pero ademais temos un dos maiores ratios de endebedamento» 

    Así, e segundo os datos oficiais, o ratio de endebedamento de Poio –as débedas entre os ingresos orzamentarios- é de 59,23%: «un dos máis altos da provincia, o máis alto da nosa zona e case 4 veces superior á media da provincia, que é do 17,14%».

    «Ademais», reprochou Moldes, «Sobral quixo manipular a información comparando a Poio con Barro ou con Cerdedo-Cotobade, pero esqueceu que Poio ten máis débeda total que Lalín, Redondela, Moaña ou Ponteareas, todas elas con moita máis poboación. Poio tén máis débeda total (non por habitante) que os concellos da Estrada, Marín, Nigrán, Porriño, Ponteareas e Tui xuntos. Poio ten o triplo de débeda máis débeda que Vigo!»

    «Por que mente o alcalde cando a realidade é tan doada de demostrar?», preguntou Moldes, que recalcou que «o realmente grave é que a enorme débeda de Poio non ten xustificación. Mentres outros concellos pediron créditos para facer infraestructuras e prestar servizos, para facer auditorios, piscinas, polideportivos, parques de bombeiros... durante 22 anos os gobernos de Sobral foron para irregularidades e políticas de pouco pan para hoxe e moita fame para mañá».

    «O que é vergoñento e intolerable é mentirlle aos veciños sobre uns datos oficiais que están á vista de todos para intentar tapar a mala xestión», rematou Moldes, que lamentou a opacidade e o ocultismo do Concello, ao que advertiu que «as mentiras, e máis as deste goberno, sempre teñen as patas moi curtas.» 

    Grafico comparativa provincia