Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP dá voz aos colectivos e alcaldes da provincia para denunciar o “desgoberno da Deputación”

    • “Palabrería, desinformación, mentiras, falta de proxectos e paralización da provincia” así resume Nidia Arévalo os dous anos de Goberno Bipartito.
    • O alcalde de Meis sinalou que os amantes da liberdade o que queren é que os alcaldes esteamos calados, pero se as cousas foran ben nin os alcaldes nin menos os colectivos estaríamos hoxe aquí”.

     

    Pontevedra, 20 de xullo de 2017.- “Palabrería, desinformación, mentiras, falta de proxectos e paralización da provincia”, así resumiu a deputada e voceira do Partido Popular en Deputación, Nidia Arévalo, os dous anos de Goberno Bipartito nun acto no que os populares lle quixeron dar voz e protagonismo aos colectivos sociais, veciñais, culturais e deportivos da provincia para que eles mesmos expresaran o seu malestar coa “nova Deputación”. 

    O lema menos equidade e menos servizos serviu para que cada un dos representantes destes colectivos e os alcaldes deran a súa visión do que o PP considera “dous anos de desgoberno” nun acto celebrado nos Xardíns de Vicenti, pois segundo os populares “este goberno é un experto en facer todo o contrario do que di e as portas non só non se abriron, como dicían,  pecháronse para todos para os colectivos, para os traballadores, os veciños e ata para o alcaldes que agora teñen que entregar o DNI se queren presenciar un pleno”.

    Nidia Arévalo apuntou que “tanto critican a libre disposición do anterior goberno, que se facía regulada segundo os proxectos presentados, e agora teñen libre disposición de despacho, falan de máis servizos e máis equidade e reparten 20 millóns menos para os concellos e énchense a boca falando de labor social cando a realidade é que lle quitaron 2 millóns de euros aos colectivos sociais”.

    Neste sentido se expresou unha veciña de Vigo, que explicou que viña non en representación de ningún colectivo por medo ás consecuencias que para a súa asociación poida haber por parte do Goberno Bipartito senón como nai dunha persoa con discapacidade á que non lle dá a gana de que “a discapacidade teña cor política porque as necesidades son as mesmas que antes”.

    O deputado Ángel Moldes deulle paso aos colectivos veciñais, “a xente do rural non ten auga potable nin saneamento en moitos casos pero agora empezan a poñerlle lombos”. Falou Elogio Sartier, voceiro de “O Rural existe” e presidente da Asociación de veciños Mourente-Moldes que criticou que a Deputación non lles deixase intervir no pleno nin nunca os recibirá a pesar de facer máis de 7 solicitudes. “É vergonzoso o que fan, o rural existe e temos dereitos, non só para pagar, tamén para que escoiten as nosas esixencias”.

    Participou tamén Hipólito Cabezas, director da Escola de Gaitas da Deputación de Pontevedra durante 11 anos, quen explicou que a Deputación nin recibiu nunca nin lle deu máis axudas a unha Escola que contaba con 685 alumnos en toda a provincia.

    En canto á economía e emprego, Ángel Moldes lamentou que o Goberno Provincial se empeñe en cerrar empresas como Ence ou Elnosa. “Non defendemos ás empresas porque se non poden estar aquí iranse para outro lado, defendemos aos traballadores e xa que non crean emprego polo menos que non o destrúan”.

    Interviu tamén unha representación do club de fútbol de Caldas de Reis que solicitan que a Deputación se faga cargo do cambio de tapete dos campos de fútbol de herba sintéctica con máis de 10 anos, e trataron tamén a censura aos grupos da oposición, o peche do parque do maquinaria ou a paralización de proxectos. “Hai máis técnicos que nunca en Contratación pero están parados porque non só non fan novos investimentos, senón que paralizaron as obras que puxera en marcha o anterior goberno”, explicou Nidia Arévalo.

    A alcaldesa e deputada, Luisa Piñeiro, explicou que no caso de Moraña non foi unha paralización, senón directamente unha anulación de unha obra que xa estaba empezada. “A pesar de estar pagadas as expropiacións e unha parte da obra xa executada as máquinas pararon o mesmo día que o Bipartito tomou posesión, unha casualidade moi chamativa”. 

    O alcalde de Meis, José Luis Pérez, falou tamén das consecuencias que traen para os seus veciños esta nova maneira de facer política a pesar, dixo, “de saber que os que hoxe estamos aquí imos ter represalias, porque os amantes da liberdade o que queren é que os alcaldes esteamos calados, pero se as cousas foran ben nin os alcaldes nin menos os colectivos estaríamos hoxe aquí”.

    Na mesma  liña se expresou o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, que dixo que ante estar calados ou defender aos veciños, os alcaldes sempre van elixir aos veciños. Antes tiñamos unha Deputación entregada aos pequenos concellos e agora parece a embaixada dun país estranxeiro, á que non visitan nin alcaldes nin veciños nin asociacións da provincia de Pontevedra”.

    Os voceiros do PP, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, despedíronse dicindo que “non trouxemos  tarta nin velas senón que trouxemos colectivos e alcaldes, fartos de calar a boca e que o único que queren é unha Deputación que solucione e non tanta palabrería”.

    “Por riba de que fan menos gastan un 80% máis en asesores, cando antes había 9 agora hai 17, e non son capaces de gastar nin o 50% do orzamento da Deputación en investimentos cando é o que esperamos todos”.

    “Este Goberno Bipartito é como un neno con zapatos grandes pero desde o PP non imos a calar e imos seguir denunciando a parálise á que teñen sometida esta provincia”, concluíu a voceira popular, Nidia Arévalo.