Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Jacobo Moreira continúa coa #RutaSocialPontevedra en Amizade

    O presidente local do PP en Pontevedra quixo coñecer os traballos nos que está inmerso actualmente este colectivo e escoitar as súas demandas,

    • A normativa municipal de accesibilidade, a elaboración da nova Ordenanza de Veladores ou o programa de bonotaxi foron algúns dos asuntos tratados durante o encontro.

     

    Pontevedra 21, xullo, 2017.- O presidente local do Partido Popular en Pontevedra e portavoz municipal, Jacobo Moreira, reuniuse co presidente da Asociación de persoas con discapacidade da comarca (Amizade), Paulo Fontán, dentro da rolda de contactos que vén mantendo nas últimas semanas con distintos colectivos sociais do noso municipio.

    Durante o encontro, trataron asuntos como a normativa municipal de accesibilidade ou a elaboración da nova Ordenanza de Veladores e Terrazas, na que a asociación debe xogar un papel importante, pois nela non se deben esquecer os dereitos das persoas con mobilidade reducida. Os populares lograron, a través dunha moción que foi aprobada no Pleno do pasado mes de xaneiro, arrancar o compromiso do Goberno de Lores para a elaboración dunha nova normativa, pois a que se vén utilizando ata estes momentos quedou obsoleta. “Solicitamos ao BNG de Lores que tratase este asunto coa máxima celeridade para que, unha vez iniciada a tempada estival, a nova Ordenanza estivese vixente, pero lamentablemente teremos que esperar para poder contar cunha regulación axeitada á Pontevedra do século XXI”, destacou Jacobo Moreira.

    A través da #RutaSocialPontevedra, os populares márcanse como obxectivo coñecer con detalle os traballos que están a desenvolver nestes intres estas asociacións sociais, así como escoitar as súas demandas e tratar de axudarlles en todo o que sexa posible. Como exemplo, durante a reunión trataron temas como a necesidade de ampliar o número de semáforos con sinalización acústica e a adaptación dos existentes, ou as dificultades de accesibilidade que presentan algunhas rúas da cidade.

    Ademais, o portavoz dos populares quixo interesarse tamén pola situación do transporte para persoas con mobilidade reducida. “Mantemos a mesma postura que vimos defendendo dende hai moitos anos e que así o reflectimos no noso programa electoral, sería conveniente que o Concello de Pontevedra puxese en marcha un programa de bonotaxis co fin de facilitarlles este servizo aos cidadáns con graves problemas de mobilidade e que carecen de recursos económicos”, destacou o portavoz popular.

    A #RutaSocialPontevedra non tomará vacacións de verán polo que nas vindeiras semanas Jacobo Moreira continuará reuníndose cos distintos colectivos sociais co fin de seguir dándolles voz e escoitando as súas inquedanzas.