Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP solicita un pleno extraordinario para aprobar unha rebaixa do IBI e bonificacións para mitigar os efectos da regularización catastral

    • «Seguindo o que os afectados votaron unanimemente en asemblea» solicitan unha sesión extraordinaria do pleno municipal na que se votará «unha proposta sinxela, flexible, construtiva e respaldada polos veciños».
    • Modificaríase a ordenanza fiscal do IBI para mitigar o impacto da regularización catastral sobre as familias «compensando os ingresos adicionais que tería a maiores o concello»
    • TRANSPARENCIA: O PP, «satisfeito» de que o Bipartito entregase a documentación pendente, «grazas a que cumprimos a nosa palabra de non ir ó pleno. Demóstrase que a falta de transparencia é unha decisión política»

     

    Poio, 28 de xullo de 2017. O presidente local do PP, Ángel Moldes, presentou esta mañá no rexistro municipal a solicitude do pleno extraordinario votada na asemblea veciñal celebrada o pasado domingo en San Xoán: «Esta decisión foi respaldada unanimemente por aquela asemblea veciñal e nós, en base ó cumprimento dese compromiso adquirido cos veciños, fixemos hoxe mesmo a solicitude do pleno extraordinario».

    O escrito, asinado por todos os concelleiros do grupo municipal, insta ó alcalde a convocar unha sesión extraordinaria do pleno municipal, algo que debe facer nun prazo de 15 días hábiles, e recolle a orde do día desa sesión.

    Neste caso, o pleno votará 3 propostas: A rebaixa do tipo de gravame do IBI urbano de acordo coa información financeira que debe achegar o concelleiro de Facenda; a aplicación dunha Bonificación fiscal de ata o 95% no IBI rural de inmobles ou construcións adicadas a fins agrícolas ou gandeiros; e por último a posibilidade de engadir novas bonificacións potestativas como as baseadas nos ingresos dos contribuintes, novas construcións, familias numerosas... Todos estes acordos implicarán modificar a ordenanza fiscal do IBI local, que data de 2011.

    Moldes explicou os distintos puntos que se someterán a votación: No primeiro punto, «solicitamos que ós veciños se lles baixe o tipo impositivo da IBI urbana en base ao incremento de ingresos que tería o concello». Moldes recordou que hai un mínimo de tipo de gravame de IBI (0,40) mentres que Poio ten un gravame establecido do 0,47 polo que, segundo Moldes, «entendemos que hai marxe».

    O voceiro popular recordou que nestes momentos hai case 3.000 afectados que recibiron máis de 5.000 cartas, polo que o incremento dos recibos por IBI afectará a unha gran parte das familias de Poio, e apuntou «non facemos populismo nin demagoxia. Para nós o máis doado sería pedir que se baixase ó mínimo. O que pedimos neste caso é que o Concelleiro de Facenda aporte os datos de canto se vai ingresar e facer unha rebaixa do tipo acorde con esta información para que quede equilibrado». A información sobre o efecto da regularización solicitouse xa a semana pasada por escrito, e o concelleiro de Facenda deberá facilitala, como moi tarde, no pleno.

    No segundo punto, explicou Moldes, pídese «a bonificación de galpóns, invernadeiros, bodegas, explotacións agrícolas ata o 95%, porque entendemos que non é un beneficio para os veciños, senón construcións que lles dan un servizo», e recordou que «non é nada novo que pida o PP de Poio, senón que se aplica en moitos outros concellos».

    Por último, nun 3º apartado, déixase aberta a posibilidade de que o pleno inclúa outras posibles bonificacións: «Aquí en Poio non se aplica ningunha bonificación potestativa, cando noutros concellos aplícanse bonificacións no IBI para familias dependendo da súa situación socioeconómica, das características da vivenda»....

    Moldes concluiu recalcando a importancia desta proposta e o respaldo veciñal con que se presenta: «Vimos aquí a cumprir o compromiso que adquirimos cos veciños, vimos cunha labor construtiva. Non vimos criticar, senón a dar unha solución a un problema con milleiros de afectados no noso concello, e facémolo cunha solución para que ninguén perda».

    «Por un lado, os veciños non terán que pagar máis do que pagaban ata agora e por outro, o concello non vai deixar de ingresar o que viña integrando ata o día de hoxe», resumiu Moldes: «É unha proposta construtiva, en positivo e esperamos que o resto dos grupos a escoiten e a aproben. Non estarán respaldando ó PP, senón os veciños e a unha proposta aprobada por todos en asemblea. Agora poden demostrar con feitos que queren o interese dos veciños».

    TRANSPARENCIA. ENTREGA DE DOCUMENTACIÓN

    Despois de presentar a solicitude de pleno, Moldes recolleu o listado de documentos do rexistro de entrada que o PP viña reclamando desde hai meses e que o concello negábase a dar pese ós informes favorables dos servizos técnicos.

    A negativa do concello a facilitar esta e outras informacións, provocou que o PP, despois de advertilo cun mes de antelación, se ausentase do pleno de xullo e se concentrase ás portas do concello esixindo “TRANSPARENCIA XA”, un xesto que Moldes considerou clave para que o alcalde «finalmente entregase unha documentación necesaria e a que tiñamos dereito». Para Moldes, que o Bipartito entregase esta información «grazas a que cumprimos a nosa palabra de non ir ó pleno» demostrou que a falta de transparencia do Bipartito «é unha decisión política».