Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O único culpable da situación precaria do servizo de limpeza é o BNG de Lores

     A formación que encabeza Jacobo Moreira reúnese con representantes dos traballadores da empresa concesionaria para interesarse pola denuncia que fixeron pública,

    • “O BNG decidiu prorrogar o servizo dende o ano 2011 sabendo que a maquinaria xa estaba obsoleta”, lembran.
    • O PP desvelou en 2016 que o BNG estaba a pagar á empresa concesionaria polo uso duns vehículos que xa son propiedade do Concello. “Unha maquinaria amortizada e que non se renova é normal que deixe de funcionar”.
    • Recoñecen o abandono que está a sufrir o rural pontevedrés.

     

    Pontevedra 31, xullo, 2017.- “O único culpable da situación que están a sufrir os traballadores da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria é o BNG de Lores”, así o denunciou este luns a formación que encabeza Jacobo Moreira tras manter unha reunión con diferentes representantes sindicais e traballadores de Cespa – Ferrovial para interesarse pola denuncia feita pública polo Comité de Empresa a pasada semana.

    Os traballadores amosaron a súa confianza na actual concesionaria e encomiaron todos os esforzos que están a facer para continuar prestando un servizo que foi prorrogado unilateralmente polo Goberno local ata en tres ocasións, a primeira no ano 2011, a segunda no ano 2014 e a última este mesmo ano.

    Neste sentido, o concelleiro popular, César Abal lembrou que “o BNG de Lores encargou no ano 2010 un estudo económico financeiro sobre a prestación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria que lle custou a todos os pontevedreses máis de 53.000 euros”. A través deste estudo quedou claro que soamente se podía aproveitar un colector de carga traseira e un tractor desbrozador dun total de 45 vehículos e maquinaria. “A pesar destes datos, o BNG de Lores decidiu prorrogar este servizo no ano 2011, no 2014 e no 2017”, apuntou Abal.

    Maquinaria obsoleta.

    En marzo do pasado ano 2016, os populares desvelaban que o Goberno de Lores estaba a pagar á empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo polo uso duns vehículos que xa son propiedade do Concello de Pontevedra. “Unha maquinaria amortizada e que non se está a renovar é normal que chegado un tempo xa non funcione”, apuntou Abal, “dende o 2010, o BNG está a ser coñecedor das deficiencias do servizo e, aínda así, permitiu chegar ata esta situación límite, na que á concesionaria lle custa máis atopar recambios para poder seguir empregando a maquinaria obsoleta que alugar a outra empresa un camión para atender o rural”, destacou o edil popular.

    “Se dispuxesen de maquinaria de última xeración, tal e como nos trasladaron na reunión, cos 125 empregados cos que conta a empresa concesionaria na actualidade, o servizo estaría garantido de xeito impecable”, apuntou César Abal, “responsabilizan directamente ao Concello de Pontevedra por non ter feitos os seus deberes a tempo”.

    Rural Abandonado

    Nesta reunión tamén quedou recoñecido que “o servizo que se presta no rural pontevedrés é moi deficiente”, manifestou César Abal, como veñen denunciando os propios veciños. “Recalcáronnos que non existe un plan de reposición de colectores”, engadiu, “o Goberno de Lores debería deixar de agocharse e recoñecer dunha vez por todas o abandono que están a sufrir as nosas parroquias,  algo que se viu acentuado neste mandato”, destacou o concelleiro popular.

    “Só hai un único culpable, o BNG de Lores, que levou ata o límite este contrato a pesares das continuas advertencias que o Grupo Popular de Pontevedra vén manifestando dende hai anos”, sentenciou César Abal.