Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP de Poio denuncia o «Pleno da Vergonza» convocado polo Bipartito e chama a un «Pleno dos Veciños» sobre o IBI, o martes pola tarde, no que «votará o Pobo»

     En Rolda de Prensa ás Portas do Concello

    • Critican que o Bipartito convocase o Pleno extraordinario sobre o IBI o martes ás 9:30h da mañá, «agochándose dos veciños» pese a que o PP pediu que fose a unha hora que facilitase a asistencia dos afectados.
    • «Mentres a forza maioritaria de Poio, o PP, fai unha oposición construtiva, plantea solucións e reúnese cos veciños, o goberno se esconde e lles pecha a porta».
    • O Bipartito queda totalmente desacreditado: «Despois de acusar ao PP de desinformar e alarmar, cando teñen a oportunidade de dar explicacións, fan o pleno ás agachadas».
    • Xa que o Bipartito «non quere que os veciños participen», a marcha convocada para o martes ás 20:30h rematará nun «Pleno Aberto ós Veciños: ó rematar a marcha, o pobo votará a rebaixa do IBI e as bonificacións».

     

    Poio, 4 de agosto de 2017. Nunha Rolda de Prensa convocada de forma urxente ás portas do concello, o PP de Poio denunciou esta mañá o que cualificou de «Pleno da Vergonza» sobre a Regularización Catastral solicitado hai unha semana polos populares e convocado formalmente polo goberno Bipartito o martes 8, ás 9:30 h da mañá, nunha actitude que a oposición tildou de «covarde e ruin».

    O voceiro Ángel Moldes, que compareceu acompañado dos edís Rocío Cochón e Manuel Domínguez, recordou que o PP solicitou que o Pleno se celebrase «nun horario no que os afectados puidesen asistir» e describiu con indignación como ó recibir a convocatoria os conservadores atopáronse con que pola contra, «por primeira vez na historia», un pleno extraordinario de contido político vaise facer ás 9 da mañá».

    «Cando solicitamos a convocatoria pedimos, con toda a boa vontade, que se fixese a unha hora que fomentase a participación dos veciños. Entendimos que era positivo que os veciños asistisen ó debate das propostas», explicou Moldes, para quen o Bipartito queda totalmente desacreditado, xa que «despois de acusar ao PP de desinformar e alarmar», cando teñen a oportunidade de dar explicacións, fan o pleno «ás agachadas e fuxindo dos veciños».

    O voceiro popular recriminou especialmente a hora escollida para a sesión extraordinaria, ás 9:30 da mañá, e recordou que «os Plenos de Poio celébranse pola tarde. Os únicos plenos que se celebran en Poio de mañá son os dos sorteos de mesas electorais e outros sen contido político», o que demostra que o Bipartito quere actuar outra vez de costas ós veciños e ás agachadas.

    Para Moldes, o contraste entre a actitude do PP e a do Bipartito de BNG e PSOE non pode ser máis clarificadora: «Nós actuamos de boa fe e con total transparencia, facemos asembleas abertas en San Xoán e San Salvador, pedimos a apertura da oficina do ORAL, informamos ós afectados, facemos propostas construtivas... e atopámonos cun Bipartito que non quere enfrontarse ós veciños».

    «A día de hoxe o Bipartito non fixo nin unha soa reunión. Apenas fixo unha rolda de prensa, forzado pola presión, para non explicar nada máis que “o PP minte», ironizou Moldes: «Non nos cadran as contas. Resulta que o PP “desinforma” e “minte” cando nós somos os únicos que imos de frente, facemos asembleas, falamos cos veciños e BNG e PSOE son os que se agochan, facendo un pleno por primeira vez ás 9 da mañá». 

    «Pedimos ó equipo de goberno que reflexione, que aínda está a tempo, e faga un pleno a unha hora que poidan ir os veciños. Pedímoslles boa fe, e non nocturnidade e alevosía», indicou Moldes, que recordou que o PP foi quen solicitou este pleno e propuxo as iniciativas que se votarán nel: «A baixada do tipo do IBI que compense o que o Concello vai ingresar a maiores pola regularización catastral, a Bonificación das construcións no rural e que se estuden outras posibles bonificación».

    «Nós queriamos que fose un debate onde se falase das nosas propostas construtivas, que benefician a todos os veciños e non só ós afectados pola revisión catastral, cunha baixada que será boa para todos», indicou Moldes:  «Queríamos que a xente de Poio poidese participar no debate, pero é evidente que BNG e PSOE non queren que os veciños participen».

    «Este é o pleno da vergonza. É a sesión plenaria máis bochornosa da historia democrática de Poio, cun goberno que fuxe dos veciños», explicou Moldes: «O pleno é a máxima expresión democrática, é onde representamos a TODOS os veciños. Non entendemos o que lle pasou ó alcalde pola cabeza. Non sabemos se despois de 22 anos xa queren facer absolutamente o que lles dea a gana con total prepotencia, pero cando non queren que os veciños coñezan o pleno, é que algo agochan».

    Moldes explicou que o Bipartito non quere que se descubran as súas falsidades e a súa actitude mesquiña durante 4 anos. «Sen ir máis lonxe, na rolda de prensa dixeron moitas mentiras e seguiron ocultando información. O Bipartito mentiu e esqueceu mencionar que será a administración que máis ingrese coa regularización catastral. Tampouco dixeron que todo isto podía evitarse e aforrar cartos e disgustos ós veciños se o concello actuase con transparencia e dilixencia como fixeron outros, que lle evitaron pagar atrasos e taxas ós seus cidadáns».

    Para Moldes, ademais, todas as comparecencias de BNG e PSOE dos últimos días sobre este tema, incluida a lamentable rolda de prensa, quedan «totalmente desacreditadas» con esta decisión: «Dicían que o PP mentía, desinformaba e alarmaba ós veciños, pero cando teñen a oportunidade de dar explicacións, fan o pleno ás agachadas».

    «Confírmase que mentiron e ocultaron información durante catro anos e minten e ocultan información agora», explicou Moldes: «Se realmente cresen no que din, por que se escapan dos veciños?»

    Moldes relacionou a actitude degradante do Bipartito desde o inicio da regularización coa covardía de convocar un pleno «para que non vaian os veciños», contrastando a actitude de oposición e Bipartito: «O PP, a forza maioritaria de Poio, fai unha oposición construtiva, con solucións ós problemas, e un equipo de goberno que non quere debatir a proposta. Hai un partido na oposición que fai reunións cos veciños e un goberno que se esconde. Un partido na oposición que pide un pleno que poidan ir os veciños e un goberno que lles pecha a porta». 

    MARCHA EN APOIO Á BAIXADA DO IBI E PLENO ABERTO ÓS VECIÑOS A PARTIR DAS 20:30H

    Moldes recordou que malia que o Bipartito puxo o pleno ás 9:30h da mañá, o mesmo martes ás 20:30h hai unha manifestación convocada para pedir a baixada do IBI e a aplicación de bonificacións: «A nosa proposta é beneficiosa para todos os veciños, afectados e non afectados, e convocouse unha marcha veciñal en apoio a estas medidas que o goberno coñecía cando determinou a data e hora o pleno». Por ese motivo, explicou Moldes, «ante a negativa de BNG e PSOE de facer un pleno para todos os veciños, a marcha convertirase nun auténtico pleno aberto ós veciños. Ó rematar a marcha, leranse as nosas propostas e a xente votará se están a favor ou en contra».

    «Velaquí a diferencia: Un PP que vai facer un pleno aberto ós veciños para que voten e un Bipartito que se esconde dos veciños ás 9 da mañá e ao que só lle falta pechar as portas para que non entre ninguén».