Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP DE PONTE CALDELAS ACUSA A ANDRÉS DÍAZ DE DEIXADEZ E CAPRICHO POR OBRIGAR AO CONCELLO A DEVOLVER UNHA AXUDA DE MÁIS DE 18.000 EUROS

    • O alcalde non quixo xustificar a subvención pola actividade do Centro de Información á Muller durante 2016 e agora ten que reintegrarlla á Xunta.
    • Os 18.000 euros súmanse a outros 9.000 que o Concello deixou de ingresar por pechar o CIM, co cal Andrés Díaz fixo perder 27.000 euros á Administración Local

     

    Ponte Caldelas, 11 de agosto de 2016.- A portavoz do Partido Popular en Ponte Caldelas, Inés Sánchez, criticou hoxe a deixadez do alcalde da localidade ao obrigar ao Concello a devolver unha subvención de máis de 18.000 euros. A medida é a consecuencia de que Andrés Díaz prescindira unilateralmente, sen diálogo con ningunha das partes implicadas, do Centro de Información á Muller (CIM) que funcionaba en Ponte Caldelas desde hai máis dunha década.

    A notificación chegou hai máis dunha semana ao Concello. Andrés Díaz abocou á Administración Municipal a devolver 18.033 euros

    Sánchez recalcou que a perda deses 18.000 euros débese “á deixadez e ao capricho do alcalde por non aceptar que meteu a pata desde o principio, como así quedou refrendado na sentenza que condena ao Concello tralo despido das traballadoras do CIM decretada por Andrés Díaz”.

    A Xunta de Galicia concedera unha subvención ao Concello de Ponte Caldelas polo funcionamento do CIM, unha subvención que ascendía a 27.000 dos 30.000 euros que custaba o servizo, pero Andrés Díaz non só non a xustificou, senón que presentou un informe no que indicaba a imposibilidade xustificar as horas de traballo e a atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Iso foi o que lle fixo perder a axuda.

    18.000 deses 27.000 euros xa foran ingresados como anticipo de 2016 e agora o Concello debe devolvelos. Os outros 9.000 non chegarán nunca a ingresarse xa que Andrés Díaz pechou o CIM en decembro, un caso único en Galicia que afortunadamente non se deu en ningún outro lugar, e a Xunta non abonou xa a segunda parte do pago. “Os veciños de Ponte Caldelas deben saber que o seu alcalde está renunciando a 30.000 euros por deixadez e capricho. Iso si que é boa xestión”, ironizou Inés Sánchez.

    “Trátase dun problema de capricho, pero tamén de deixadez, porque o propio alcalde nin sequera se dignou a contestar ás chamadas da secretaria xeral da Igualdade, que, segundo nos consta, tratou de poñerse en contacto co rexedor no mes de xullo e, ante a imposibilidade de falar con el, deixou recado de que lle devolvera a chamada. Iso nunca se produciu e o único que fixo foi mandarlle unha carta”, sinalou a portavoz popular.

    “Agora Andrés Díaz ten unha nova ocorrencia (outra máis) e anuncia un Centro de Atención á Muller. Dixo que o Concello 'terá pleno control para a súa organización e xestión'. As palabras utilizadas polo alcalde (Pleno control) dan unha idea do que lle importa a atención as mulleres. O que realmente lle preocupa é non deixalo en mans das persoas que saben, dos técnicos, e controlalo el. Para Díaz non é un servizo fundamental para a igualdade, é un órgano que controlar non se sabe ben con que coñecementos e con que intencións”.

    Xa pasou algo similar cando despediu ás dúas traballadoras que viñan prestando o servizo durante anos, un servizo que era unha referencia na comarca de Pontevedra na loita polos dereitos da muller. O alcalde suprimiuno e cambiouno por un gabinete xenérico ofertado por unha persoa un día á semana, unha persoa que non era experta en temas de muller. Iso era o que lle importaba a igualdade a Andrés Díaz.

    “Cando todo o mundo se lle botou enriba, incluída a xente de En Marea, Díaz asegurou que ese gabinete xenérico ía levarse por unha experta en temas de muller. É, como sempre, a súa fantasía, a súa realidade paralela. Igual que agora se atreve a dicir que o Centro de Atención á Muller vai ser pioneiro en Galicia. Pioneiro, si, porque ningún outro concello se atreveu a dar pasos atrás en cuestións de igualdade e pechar un CIM como fixo este alcalde, e pioneiro porque, para incredulidade de todo o mundo, renuncia ás subvencións que outorga a Xunta de Galicia e que permiten a sustentabilidade do servizo. Serían, alomenos, 27.000 euros, cartos de todos os veciños de Ponte Caldelas e que parece que ao alcalde lle sobran”.

    “Non agardamos que Andrés Díaz recapacite, pero esperamos que si o fagan os seus superiores e os seus compañeiros de goberno, cómplices desta situación vergoñenta que debe rematar canto antes”, finalizou a portavoz popular.