Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP pide ao Bipartito da Deputación que non deixe nun mero titular as gañas de cambiar de actitudes e o demostre con feitos

    • Ángel Moldes recorda que hai alcaldes que seguen esperando a ser recibidos e que presentaron unha petición formal na Deputación que non se está cumprindo.
    • Destaca que o Plan de Emerxencias amosa a división do Bipartito, “hai dúas versións e dous proxectos diferentes.
    • Sobre o compost, “sorprende que sendo un dos proxectos estrela non haxa unha estratexia clara e planificada”.

     

    Pontevedra, 21 de agosto de 2017.- O grupo provincial do Partido Popular pide ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, que esas gañas de cambiar actitudes e de dialogar non as deixe nun mero titular de prensa e o demostre con feitos. “Está moi claro o que teñen que facer, se de verdade teñen gañas de cambiar actitudes e de dialogar que comecen por recibir a todos os alcaldes que asinaron unha petición formal para reunirse con eles e que a día de hoxe non están cumprindo”, sinala o voceiro do grupo, Ángel Moldes.

    O popular recorda que “agora cambiaron as tornas, xa non vale con botar as culpas aos demais”. Por iso, pide que “fagan autocrítica, porque os que teñen que liderar o diálogo son eles, que son os que están gobernando. Non poden culpar de todo aos demais, deben asumir as súas responsabilidades”. 

    O problema, engade Moldes, é que “tanto PSOE como BNG pensaron que o PP ao pasar por primeira vez á oposición na Deputación non saberían adaptarse”, polo que todas as críticas de Mosquera son consecuencia de que “o grupo traballa, fiscaliza e molesta”. Así, entende que “o preocupante sería que falara ben de nós, porque entón seríamos unha oposición que estariamos na Deputación de paso, sen cuestionar ao Goberno e sen defender os intereses dos concellos desta provincia”.

    Ademais, o voceiro do grupo provincial engade que do almorzo que Mosquera mantivo hai uns días cos medios, tamén lle preocupa “esa opinión tan diferente que amosan as dúas partes do Bipartito sobre o Plan de Emerxencias, un plan que vén a demostrar a división do goberno”.  Así, critica que “mentres o PSOE fala da comarcalización do parque, parece que o BNG non o ten tan claro. Hai dúas versións e dous proxectos diferentes para o plan de emerxencias”. 

    Por último, Ángel Moldes tamén se refire ao compost, “porque sendo un dos proxectos estrela do Bipartito e dos que máis investimento está recibindo, o que nos sorprende é que non haxa unha estratexia clara e planificada”. Deste xeito, opina que o Bipartito provincial utilice expresións como “a ver que se fai” non lles pode transmitir ningunha tranquilidade cando unha parte moi importante dos orzamentos se están destinando a este plan. “Preocúpanos o plantexamento que se lle está dando e sobre todo a improvisación”, conclúe.