Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Jacobo Moreira: “Lores debe centrarse na Pontevedra dos pontevedreses, non na Pontevedra do BNG”

     O portavoz popular fai balance dos deberes pendentes, “Lores afronta esta nova etapa cunha confrontación veciñal similar á que vivimos durante o mandato 2003 - 2007”, 

    • Os populares lembran todos os compromisos do BNG que aínda non se cumpriron: Médico Ballina, Mollabao, campos de fútbol...
    • “O BNG de Lores non é capaz de licitar os grandes contratos, pero si prosperan as contratacións a dedo aos seus amigos”, denuncian.

     

    Pontevedra 7, setembro, 2017.- Finalizado o período festivo en Pontevedra, retómase a actividade política municipal, por este motivo o portavoz popular, Jacobo Moreira, fixo hoxe balance dos deberes pendentes asegurando que “Lores afronta esta nova etapa cunha confrontación veciñal similar á que vivimos durante o mandato 2003 – 2007, e que levou ao BNG a perder 3 concelleiros”.

    “Lores debe, antes de nada, poñer orde no seu Goberno, saír á rúa, escoitar aos veciños e centrarase na Pontevedra dos pontevedreses, non na Pontevedra do BNG”, salientou este xoves o edil popular, “os cambios realizados no Goberno de Lores o pasado mes de abril, non serviron para  nada, pois se Bará o estaba a facer mal, Demetrio Gómez, está a superalo”, lamentou Jacobo Moreira, quen lembrou que dende a chegada deste último á área de Mobilidade e Obras,  “non fai máis que botar atrás proxectos, provocar enfrontamentos entre veciños e rebentar Consellos Parroquiais”.

    Así, o portavoz dos populares lembrou todos os compromisos incumpridos ata este momento polo Goberno de Lores como as actuacións en Médico Ballina, A Seca ou na rúa 12 de Novembro, “os veciños destas zonas levan máis de 18 meses esperando polos proxectos que se anunciaron”, apuntou. “Dos dous campos de fútbol prometidos, non hai un executado; o río dos Gafos segue sen estar saneado, e iso que agora esta en mans do BNG a súa execución; a Ronda Leste, nada, a nova Ordenanza de Veladores, nada; da reforma en Mollabao ou en Pontesampaio, non se coñece ningún orzamento previsto; e das obras en O Burgo, O Gorgullón, Virxe do Camiño e Cruz Vermella tan só temos tres presentacións aos medios de comunicación”, enumerou o edil popular.

    Pola contra, “Lores segue sen atender aos veciños de Lepanto e no rural continúan sen contar cos servizos básicos, iso si, teñen lombos instalados de xeito indiscriminado ao longo das parroquias”.

    CONTRATACIÓNS

    Jacobo Moreira lembrou tamén os contratos que continúan pendentes, como o da Auga, “fixeron o prego e esqueceron aos traballadores, agora teñen que modificalo e comezar de novo coa exposición pública. Este é o Goberno que di preocuparse polos traballadores...”. “Co contrato do Lixo, haberá que esperar para saber se o BNG de Lores é capaz de facer os deberes en tempo e forma, pero mentres tanto os pontevedreses continuarán pagando polo aluguer duns vehículos que son propiedade do Concello. Vehículos obsoletos dos que xa se queixaron os propios traballadores da concesionaria”. En canto ás Piscinas de Campolongo, “outro cabalo de batalla do BNG de Lores” está xa na novena prórroga irregular “e tampouco teñen moito feito, pois presentaron como novidade o anteproxecto que deixara feito o Psoe cando estaba no Goberno”.

    “O BNG de Lores non é capaz de licitar contratos, nin tan sequera o do servizo de bar da Xunqueira”, lamentou Jacobo Moreria, “pero o que si prosperan son os contratos a dedo aos amigos”, engadiu, “cartos para Galiza Nova, Fundación Galiza Sempre, Sermos Galiza...contratos ao responsable comarcal do BNG en O Salnés ou a Xaquín Moreda, outro membro do BNG”.

    COMPOSTAXE.

    “Levamos máis dun ano escoitando o anuncio da compra dos composteiros comunitarios en Campolongo e Monteporreiro, o que podería dar a pensar que están xa en funcionamento, pero a realidade é que o contrato leva 6 meses paralizado”, destacou Jacobo Moreira, “Carme da Silva debería recoñecer o seu erro en lugar de intentar desviar a atención”.

    VIAXE A MÉXICO.

    Por último, o portavoz popular celebrou que “por fin o Alcalde do paro descubrise que a promoción económica é o seu traballo. Así se llo levamos esixindo dende hai anos, alegrámonos de que tanta insistencia teña os seus froitos”. Lamentou que das 20 empresas que anunciaron tan só foran 9, “agora se entende que non nos quixesen dicir os seus nomes”.

    Con todo, os populares esperarán á recepción do informe que prometeu Anabel Gulías sobre o retorno desta viaxe para os veciños de Pontevedra para realizar unha valoración máis profunda. “Levamos moito tempo dicíndolle ao Alcalde que os seus viaxes tiñan que ter proveito para algo máis que Lores fixese turismo, e cremos que por fin entendeu a nosa mensaxe”, sentenciou Jacobo Moreira.