Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP esixe unha rebaixa de impostos avalada polos cartos que Lores ano tras ano deixa sen gastar

     Presentan unha moción que se debaterá mañá na Comisión de Economía, 

    • “Non é lóxico que os pontevedreses padezan unha elevada carga impositiva mentres o BNG mantén os cartos sen gastar gardados no Banco”.
    • “Nos últimos anos xa comezou unha rebaixa da carga impositiva tanto na administración central como autonómica, é o momento de que os pontevedreses perciban esa redución tamén nos tributos municipais”.

     

    Pontevedra 21, setembro, 2017.- Ante a remisión ao Pleno da Corporación da Conta Xeral do exercicio 2016, a formación que encabeza Jacobo Moreira esixe ao Goberno de Lores unha proposta para rebaixar os impostos aos veciños de Pontevedra que sexa efectiva a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2018.

    A Conta Xeral do exercicio 2016 deixa claro que o superávit do Concello de Pontevedra supera o millón de euros ano tras ano polo que os populares séntense reforzados na súa tese de unha rebaixa xeneralizada de impostos de polo menos 1 millón de euros, tal e como solicitaron nas reunións para a aprobación do último orzamento municipal. En concreto os cartos que o Goberno de Lores deixou sen gastar o último ano alcanzou os  5.686.534,48 euros.

    “Nos últimos anos vimos presentando unha serie de propostas que permitisen reducir a presión fiscal que padecen os pontevedreses”. Neste sentido os populares lembran a petición para a rebaixa da viñeta, a redución do IBI, a bonificación no ICIO do 50% para obras que favorecesen os accesos para persoas con mobilidade reducida; e no imposto polo servizo de abastecemento de auga (a máis cara de Galicia) a equiparación a uso doméstico do consumo mínimo en comercios, entre outras medidas.

    “A presión fiscal en Pontevedra dobra case a media dos concellos de Galicia. Non é lóxico que os pontevedreses estean a sufrir unha elevada carga impositiva para que despois o Goberno do BNG manteña os cartos gardados no Banco”, destacou este xoves o concelleiro popular, Rafael Domínguez. En datos, o superávit no 2013 superou o millón de euros; no 2014 alcanzou case os 5 millóns de euros e no 2015, o BNG de Lores deixou sen gastar case 2 millóns de euros.

    Durante a ronda de contactos para a elaboración do Orzamento Municipal deste 2017, “quixemos poñerllo fácil ao BNG e pedimos unha rebaixa dun millón de euros anuais a razón das cifras de superávit rexistradas dende 2013”, lembra, “unha proposta realista á que o BNG de Lores se negou e que agora volvemos a poñer enriba da mesa”, sinalou Domínguez.

    A través dunha moción que se debaterá mañá na Comisión de Economía e Facenda, os populares solicitan ao Goberno local que elabore unha proposta para levar a cabo unha rebaixa de impostos aos veciños de Pontevedra. “Nos últimos anos xa comezou unha rebaixa da carga impositiva tanto na administración central como autonómica, polo que entendemos que é o momento de que os pontevedreses perciban esa redución tamén nos tributos municipais” , sentenciou.

    “Máis anuncios, máis propaganda, pero na realidade nada de nada”.

    Para a formación que encabeza Jacobo Moreira, o anuncio levado a cabo onte polo Goberno do BNG non é máis cunha “xustificación da parálise que está a sufrir”. “Fronte ás críticas veciñais presentan unha batería de proxectos que na maioría dos casos tiñan que estar xa executados”.