Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • PP e confrarías solicitan a instalación de pantaláns no porto de Campelo

    • Os patróns maiores de Raxó e Pontevedra piden a Portos de Galicia que, aproveitando a dragaxe do peirao, se axilicen os trámites para a instalación de pantaláns.
    • O presidente de Portos amosa un compromiso total e presentará distintas alternativas para que as propias confrarías escollan a máis conveniente.
    • Ángel Moldes agradece a ambas confrarías antepoñer os intereses do sector aos particulares de cada asociación e as felicita por traballar conxuntamente por toda a xente do mar.

     

    Poio, 22 de setembro de 2017. Os patróns maiores das confrarías de pescadores de San Telmo (Pontevedra) e Raxó reuníronse onte, acompañados do voceiro do PP de Poio, co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para solicitarlle ao organismo autonómico a dotación de pantaláns no porto de Campelo.

    Os directivos das confrarías trasladaron a Durán o interese en que, aproveitando a inminente dragaxe do entorno deste peirao, se axilicen os trámites para instalar pantaláns de modo que os usuarios do porto de Campelo poidan ter, en palabras dos patróns “uns servizos modernos e da maior calidade”.

    Tanto o patrón maior de Raxó, Iago Tomé, como o de San Telmo, César Rodríguez, entenden que é unha obra fundamental para aumentar a atender as demandas dos usuarios do porto e a lonxa de Campelo.

    O responsable de Portos confirmou que nas próximas semanas dará inicio a dragaxe do fondo da contorna deste peirao e invitou ás confrarías a trasladarlle un listado das embarcacións que utilizan actualmente o porto, e as medidas de cada unha delas, de cara a analizar as mellores opcións para esta actuación e propoñer varias alternativas das que as propias confrarías elixirían a que considerasen máis conveniente.

    Tanto os representantes dos pescadores e mariscadores como o ente autonómico coincidiron en que a falta de espazo no peirao é unha preocupación, xa que despois da instalacións de pantaláns podería quedar moi reducido de forma que podería haber problemas para acomodar todas as embarcacións que atracan actualmente no peirao.

    En calquera caso, Durán amosou un compromiso total neste proxecto polo que respecta a Portos de Galicia, e confirmou que o proxecto podería estar listo nun breve prazo de tempo se a actuación non é de gran complexidade técnica,  polo que convidou ás confrarías a apostar por unha solución que non precise involucrar a outras administracións.

    Ao remate da reunión, o presidente local do PP, Ángel Moldes, agradeceu o compromiso da entidade autonómica co sector do mar de Poio e quixo poñer en valor os esforzos de ambas confrarías por antepoñer os intereses de todos os mariñeiros de Poio e, particularmente, os usuarios do porto de Campelo, por riba dos intereses particulares de cada unha das confrarías, e felicitou aos dous patróns polo seu traballo constante pola xente do mar de Poio.