Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O Partido Popular esixe a Carmela Silva que aclare xa a súa postura sobre o viveiro de empresas de Lalín

    • Ángel Moldes acúsaa de “cambiar o seu discurso segundo máis lle conveña para xustificar en cada momento a súa mensaxe política”.
    • Recorda que cando se inaugurou, Silva destacou que había tanta demanda que estaban pensando xa nunha ampliación; a mediados de setembro, dixo que o viveiro non era necesario e agora, quince días despois, volve a Lalín para presumir del.
    • “É esta a versión definitiva? Recoñece por fin que o proxecto era necesario e vai atender ás demandas que lle fan os empresarios?”.

     

    Lalín, 03 de outubro de 2017.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, pide á presidenta da Deputación de Pontevedra que aclare, de unha vez por todas, cal é a súa opinión e postura con respecto ao viveiro de empresas de Lalín.

    “Con que versión nos quedamos”, pregunta o popular, que recorda que en abril, cando se abriu o viveiro, Carmela Silva declarou ante os medios que o viveiro era un éxito, que se quedara pequeno, e que os prezos altos que denunciara o PP non eran tales e se demostraba con que había máis demanda que oferta. Naquel momento, asegurou que xa estaban pensando “nunha ampliación próxima por unha mala planificación”. Pero meses despois, Silva desprázase ata Lalín (a mediados de setembro) e “contra todo pronóstico, cambia de opinión rotundamente e di que o viveiro de Lalín non era necesario e que foi un erro construílo”. E só quince días despois, engade Moldes, regresa á cidade para mudar de novo a súa opinión e volver a presumir del. É máis, presenta un plan no que, segundo as súas palabras, xa estaban traballando cando dixo que o viveiro non era necesario. “Cal destas versións damos por boa? É esta a definitiva? Recoñece por fin que o proxecto era necesario e vai atender ás demandas que lle fan os empresarios?”.

    Para o PP, este é un exemplo claro da dobre cara de Carmela Silva. “Asómbranos a capacidade que ten para mentir en público, para dicir hoxe unha cousa e mañá a contraria sen poñerse colorada. Pero, por sorte, as persoas temos memoria e, ademais, tamén están as hemerotecas para corroboralo”, sinala o voceiro.

    Nesta liña, acúsaa de ser “unha presidenta que cambia o discurso segundo lle conveña, para xustificar en cada momento a mensaxe política que máis lle interese”. Pero o certo, continúa Moldes, “é que se verdadeiramente non cree nun proxecto, todos estes anuncios van quedar niso, en anuncios de cara á galería, porque non vai a apostar por iniciativas interesantes para sacalo adiante”. Como exemplo, di que este luns visitou Lalín obrigada. “Foi ao despacho do alcalde a presentar un plan para el, porque ás empresas non lles ofreceu nada. Ten algún problema para ir ao viveiro? Porque desde que foi a inauguración, non volveu por alí”.

    “Día tras día nos demostran que este é un Bipartito baleiro, sen iniciativas e sen proxectos”, critica Moldes. Nesta liña, recorda que “Lalín perde co Goberno de Carmela Silva, que é incapaz de presentar nin unha soa iniciativa ou proxecto novo para Lalín neste tempo, pero é que ademais, nin sequera aposta polo centro de referencia que foi no seu día a Finca de Mouriscade. En lugar diso, prefire, como fai sempre, botar balóns fóra”.