Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP lamenta que o BNG de Lores trate con tanta frivolidade o contrato do SAF

    O portavoz dos populares cualificou a xestión do Goberno local como “unha auténtica chapuza”,

    • Tras certificarse que existían informes técnicos en contra, Jacobo Moreira anuncia que vixiará con lupa todos os pasos que de o Goberno do BNG.
    •  “O Goberno de Lores xogou coas necesidades de 160 familias pontevedresas”.

     

    Pontevedra 27, outubro, 2017.- Os populares consideran “moi grave” todo o acontecido arredor do Servizo de Axuda no Fogar nos últimos días, e lamentan que “o Goberno de Lores trate con tanta frivolidade un contrato tan delicado como é a axuda á dependencia que está a cubrir as necesidades de 160 familias pontevedresas”. Así o denunciou este venres o portavoz popular, Jacobo Moreira, ao remate da Comisión de Economía, coa que a súa formación pedía que se aclarase todo o que estaba a pasar coa prestación deste servizo.

    “Pasou o que nos temiamos: o BNG de Lores fixo unha auténtica chapuza”, manifestou o edil popular tras certificar que había informes técnicos en contra, “non damos crédito, isto é un auténtico desastre”, engadiu.

    O BNG de Lores sabía dende o ano 2011 que o contrato do SAF tiña data de caducidade, “e dende xaneiro deste 2017 eran coñecedores de que a empresa adxudicataria non ía seguir prestando o servizo porque se llo comunicaron por escrito, polo que non se pode falar de extorsión”, apuntou Jacobo Moreira en declaracións aos medios, “tiveron tempo de abondo para licitar un novo contrato”, pero “esperaron a licitalo cinco días antes do remate da prórroga. Así non se pode traballar”, destacou.

    Incluso o servizo de Contratación certificou que, seis días despois de licitalo, aínda non se fixeran os anuncios, “é lamentable a actitude do Goberno, pois non estamos a falar da licitación dun servizo de cafetería nun pavillón de deportes, é algo moito máis serio”, sinalou o portavoz dos populares quen lembrou que “nunha semana o Servizo de Axuda no Fogar pasou por tres empresas diferentes.

    “Non podemos permitir que 160 familias de Pontevedra volvan pasar polo desconcerto de saber se o seu familiar dependente será atendido ao día seguinte ou non”, destacou Jacobo Moreira, “preocúpannos os usuarios. Os dependentes e as súas familias”. Por iso, os populares anuncian que “vixiarán con lupa os seguintes pasos” porque “moito nos tememos que o BNG de Lores non vai ser capaz de ter adxudicado en 6 meses un novo contrato”, pois “aos feitos me remito”, apostilou o edil popular tras lembrar que o contrato das Piscinas de Campolongo, o do Lixo, ou o da Auga están no mesmo camiño, “que pase con estes contratos é grave de por si porque son contratos cuantiosos, pero que este a pasar con un contrato tan delicado como o SAF, non o imos permitir”.

    Por último, Jacobo Moreira lamentou “o desinterese do sr. Lores co que respecta a este asunto” pois “un Alcalde non debería irse de viaxe privada sen ter solucionado un contrato tan importante como a axuda a dependencia”. “Está é a importancia que ten os Servizos Sociais para o Goberno do BNG”, sentenciou.