Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Ángel Moldes interésase polo proxecto para a PO-308 que se aprobou no último consello da Xunta

    • Ángel Moldes interésase polo proxecto para a PO-308 que se aprobou no último consello da Xunta
    • O voceiro do PP destaca que “é un proxecto ambicioso” e confía en que “permita reducir de unha vez por todas o número de accidentes neste tramo e eliminar os atropelos con vítimas mortais”.

     

    Poio, 28 de outubro de 2017. O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, mantivo unha reunión co delegado da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, para interesarse polo contido do proxecto que se aprobou no último Consello da Xunta para eliminar a perigosidade na PO-308.

    O voceiro popular comprobou que o proxecto inclúe unha actuación integral, con rotondas, mellora da sinalización e eliminación de obstáculos, entre o cruce da baixada ao peirao de Covelo ata o límite con Sanxenxo, un tramo considerado pola Xunta como tramo de concentración de accidentes, no que nos últimos anos houbo que lamentar vítimas mortais por atropelos. Pero, o máis importante, sinala, é que xa conta con unha partida orzamentaria xa aprobada.

    Así, a actuación inclúe a mellora de máis do 90% de todas as interseccións que hai neste tramo, mellorando tanto a entrada e saída dos cruces como a visibilidade, pero tamén habilitando zoas para poder facer cambios de sentido seguros.

    O proxecto inclúe dúas rotondas completas, unha no cruce de Samieira e outra en Raxó, fronte ao cruce de Rabo de Porco. Neste segundo caso, esta actuación soluciona unha demanda histórica dos veciños e colectivos de Raxó, xa que se consigue dar saída ao núcleo desta parroquia máis próximo á praia. Tamén en Raxó se mellorará a baixada ao Porto. 

    No que respecta á baixada ao peirao de Covelo, o proxecto inclúe unha semiglorieta e ampliación da entrada. Na entrada á Praia do Laño, tamén se contempla unha semiglorieta que facilita tanto o cambio de dirección como de sentido, e outra semiglorieta tamén se inclúe na intersección no cruce próximo á gasolineira, onde ademais se ampliará a entrada.

    A execución desta obra será inmediata, e de feito o delegado comprometeuse co voceiro do PP a que executarán este proxecto e a senda ciclista peonil entre Covelo e o límite de Sanxenxo de forma conxunta, de forma que se garanta ao mesmo tempo a seguridade de peóns, ciclistas e condutores.

    Desde o Partido Popular de Poio, Ángel Moldes considera que “é un proxecto ambicioso, que dá resposta a unha demanda histórica dos veciños. Apoiamos os dous proxectos, e confiamos en que con estas dúas actuacións se poidan eliminar de unha vez por todas neste tramo os atropelos con vítimas mortais e se reduza o número de accidentes”.