Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP advirte que os retrasos no Depotermal impedirá dar resposta a toda a demanda e disfrutar do plan antes de outubro

     

    •  “Perderon a metade do ano en pensar como facelo diferente ao PP para finalmente manter o plan pero con diferente nome”, critica Nidia Arévalo.
    • “Os prexudicados son as persoas maiores que aínda non puideron disfrutar das súas estadías e as que van quedar fóra do programa, pero tamén o propio sector hostaleiro”.

     

    Pontevedra, 22 de maio de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular denuncia que hai un retraso importante na posta en marcha de todos os programas de servizos sociais, e chama especialmente a atención sobre o plan Depotermal, que aglutina os que anteriormente se coñecían como Saúde e Benestar e Coidarte. Advirten os deputados populares que os retrasos na adxudicación do programa provocarán que as persoas maiores non poidan acudir aos balnearios ata o mes de outubro, e polo tanto será complicado dar resposta a toda a demanda en tres únicos meses.

    “Perderon a metade do ano en pensar como facelo diferente ao PP, en definir os programas e darlle voltas para que non se pareza aos que había, para finalmente mantelos pero cambiándolle o nome”, critica a voceira dos populares Nidia Arévalo. Di que o problema é que “os prexudicados, unha vez máis, é a cidadanía da provincia, as persoas maiores que aínda non puideron disfrutar das súas estadías nos balnearios e as que van quedar fóra do programa, pero tamén para o propio sector hostaleiro, que ata o de agora tivo un importante revulsivo e apoio durante os meses de tempada baixa con esta actividade”.

    Explican desde o PP que nas convocatorias anteriores, a estas alturas a metade dos maiores que se beneficiaban destes programas xa estaban gozando das súas estadías nos balnearios da provincia. O programa comezaba en febreiro, suspendíase durante a tempada alta e retomábase en outubro, polo que este ano haberá a metade de meses para atender a todas as solicitudes. “Este ano reduciron as prazas ofertadas en 1.200, pero é que ademais non van ser capaces de cubrir en tres meses o resto de solicitudes”, sinala a popular.

    Recorda que este programa xa se levou á xunta de goberno en febreiro, pero  non se adxudicou ata este venres. Isto significa que a partir de luns os concellos terán 20 días para adherirse ao programa, e a partir de aí abrirase o prazo de inscrición durante un mes. “Polo tanto, poñémonos en mediados de xullo, pero como é tempada alta, as primeiras estadías non se organizarán ata outubro”, explica.

    “Temos medio ano perdido, e está por ver cantos maiores van quedar fóra do programa. Polo momento xa son seguro 1.200 persoas, pero estamos convencidos de que esta cifra vai verse incrementada”, critica. A popular advirte que vai pasar exactamente o mesmo, ou incluso peor, co programa En ruta coa Depo, o que anteriormente se chamaba Coñece a túa provincia, porque a día de hoxe aínda non hai prevista nin unha data para a adxudicación.

    “Están máis preocupados en buscar as diferencias que en xestionar. E como xa advertimos en numerosas ocasións, nesta casa van moito máis rápido os funcionarios que o Goberno, e temos o exemplo claro neste programa”, conclúe.