Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP cualifica de “estafa” as axudas de Deputación a incendios

    • Explican que “nin un só euro novo aporta a Deputación aos concellos afectados polos incendios”.
    • Segundo os populares, o anuncio de Carmela Silva a “bombo e platillo” das supostas axudas fíxose tralas presións recibidas por diferentes frontes, incluso dos alcaldes da súa cor política.

     

    Pontevedra, 2 de novembro de 2017.- Os voceiros do PP na Deputación, Ángel Moldes e Elena Muñoz, cualifican de “estafa” as supostas axudas que a Deputación pon a disposición dos concellos afectados polos incendios. “Trátase dunha estafa porque non se aporta nin un só euro novo para os concellos afectados, o que tratan de vender é unha operación de maquillaxe no que os concellos, se queren, poden destinar a incendios os cartos que xa lle correspondían no Plan Concellos”.

    Moldes considera que o que está facendo o Bipartito así é meter en problemas aos alcaldes. “Os cartos dos plans concellos correspóndenlle por lei, non lle regalan nada, e agora o que fan é dicirlle que poden destinalos para paliar as consecuencias dos incendios cando en moitos casos xa estaban destinados para servizos básicos ou outros investimentos”.  

    “Minten ata cando din que se cambiaron as bases do plan concellos para poder facer este cambio, porque xa estaba recollido nas bases, desde un primeiro momento que no caso de urxencia se poderían destinar con outra finalidade”, explicou.

    Segundo os populares, o anuncio a “bombo e platillo” por parte de Carmela Silva o pasado martes, fíxose logo de estar presionados polo Partido Popular en Deputación, polos veciños, sindicatos e polos propios alcaldes, incluídos os da súa cor política.

    Moldes subliñou que “desde o Partido Popular dixemos desde o primeiro día que a Deputación acabaría recuando e ao final terían que arrimar o ombreiro como todas as administracións e axudar como é a súa obriga, o que non nos esperábamos é esta tomadura de pelo e esta falta de respecto a todos, sen solucionar nin aportar nada novo”.  

    Moldes pregunta “por que a presidenta da Deputación non falou das súas competencias? Podería falar de mellorar o consorcio, de cubrir os gastos dos GES, pero preferiron intentar engañar cunha posta en escena, conseguir grandes titulares pero sen ningún contido real. 

    Na mesma altura se pronunciou a deputada Elena Muñoz, que considera preocupante que a Deputación de Pontevedra non saiba estar á altura momento e unha vez máis improvise unhas supostas axudas tralas presións recibidas desde diferentes frontes.

    “É lamentable que se siga xogando cos concellos, lamentable que se queira engañar e estafar dicindo que hai cartos que realmente non existen, lamentable que se queira finxir o que non se fai e impropio dun goberno responsable que, desgraciadamente, na Deputación de Pontevedra non temos”, apuntou Muñoz.

    “Sería unha broma de mal gusto que a Xunta de Galicia dixese que os fondos de cooperación local os destina a incendios e eso é o que fai a Deputación destinar o Plan concellos a incendios”. 

    Elena Muñoz pediu a Carmela Silva e ao resto do goberno provincial que “comecen a ser serios, rigorosos e que deixen de intentar enganar a todos os pontevedreses”.