Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP reclama a Silva que asuma as súas competencias e aporte diñeiro para a comarcalización

    • Ángel Moldes considera que “ o problema de Carmela Silva é que non escoita aos alcaldes, de aí que non os entenda nin saiba o que piden, que é a comarcalización do parque”.  

     

    Pontevedra, 5 de novembro de 2017.- O voceiro do PP de Pontevedra, Ángel Moldes, insta á presidenta da Deputación, Carmela Silva, a que asuma as súas competencias e aporte diñeiro para a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra e que “non sexa fume o que di como fixo coas axudas aos concellos afectados polo lume”.

    Moldes recórdalle que non se lle pide nada extraordinario, pois cabe recordar que as competencias en concellos de menos de 20.000 habitantes corresponden á administración provincial, que a presidenta da Deputación é á vez a presidenta do Consorcio de Bombeiros, e que son os alcaldes da zona os primeiros interesados na comarcalización do parque de Pontevedra. “Pero como Carmela Silva non escoita aos alcaldes non os entende nin sabe o que piden”.

    O voceiro popular pídelle ademais que deixe de dar bandazos e de improvisar, “pedimos seriedade dunha vez por todas e que aclare cal é o proxecto de emerxencias que ten para os concellos da comarca de Pontevedra, porque poñer un subparque en Pontevedra, como desvelaron os bombeiros que era a intención da Deputación, non ten ningún sentido”.

    “Alegrámonos polo menos de que Carmela Silva rectificara e recoñecera que si falou de comarcalización na reunión do pasado luns pero preocúpanos que faga con este tema o que fai con todos: falar moito pero non solucionar nada. Porque cabe recordarlle que aínda non amosou os informes sobre xestión directa dos parques que supostamente tiña”.

    Os populares consideran que para solucionar o problema de emerxencias na comarca falta ter un proxecto e unha planificación clara, cun compromiso firme por parte da Deputación de Pontevedra e unha aportación económica como lle corresponde, que aínda non explicaron. 

    “Temos claro cal é a postura do alcalde de Pontevedra e dos demais alcaldes da comarca, sabemos cal é a postura tamén da Xunta, pero o que non acaba de quedar clara é a postura da Deputación de Pontevedra, que coma sempre di unha cousa por diante, e fai a contraria por detrás”.