Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP de Poio denuncia “cansazo e falta de ideas” evidentes tras 21 anos de gobernos do BNG

     

    • Os populares poñen como exemplo que as últimas presentacións de iniciativas por parte do goberno local “foron todas ideas calcadas de outros concellos e partidos” ou trátanse de “proxectos que xa levan anos facéndose”.
    • O PP critica que os mesmos concelleiros, ao longo do ano, “presentan tres ou catro veces a mesma iniciativa”, como no caso dos programas deportivos ou a aplicación para comunicar incidencias.
    • Segundo o PP, esta necesidade de “vender fume” é indicativa de que “o proxecto do BNG para Poio, despois de máis de dúas décadas, está completamente esgotado”.

     

    Poio, 23 de maio de 2016.- A voceira do PP en Campelo e responsable local de Cultura e Asuntos Sociais, Natividad Torres, denunciou hoxe que “o proxecto do BNG para Poio, despois de máis de dúas décadas, está completamente esgotado”.

    Estas declaracións prodúcense despois de que nos últimos días distintos responsables do goberno local presentaran varias iniciativas que, segundo a edil popular, caen dentro de dúas categorías: “Ou son calcadas doutros concellos e partidos, ou ben levan anos facéndose e o BNG de cada vez as presenta como unha novidade”.

    Para Torres, esta actitude dos nacionalistas é unha mostra de “cansazo e falta de ideas” despois de 21 anos no poder municipal: “É un goberno queimado e sen proxecto, e iso nótase en que son incapaces de presentar algo que soe minimamente a novo”.

    A edil popular puxo varios exemplos de presentacións do goberno local que, na súa opinión, encádranse nesta actitude de “vender fume” por parte do goberno local: “Un caso sangrante é que a semana pasada anunciaron ‘a bombo e platillo’ unha teórica aplicación para notificar incidencias que xa presentaran en setembro de hai dous anos”.

    Segundo Torres, “facer toda esa posta en escena para presentar un programa que, en teoría, leva funcionando desde 2014 é facer un ridículo espantoso”, pero a concelleira popular apuntou outras instancias en que o Concello “repite e recicla presentacións”, como o “Poio móvese, ou as Olimpíadas escolares que ven de presentar a concelleira de Deportes”.

    “Presentar as ‘Olimpiadas escolares’ como unha idea nova ou unha cousa que se vai empezar a facer hoxe e tratar de ‘venderlle a moto’ aos pais e aos rapaces e rapazas”, explicou Torres, que precisou que as olimpíadas “xa se fixeron hai 15 anos, e con moitos máis participantes”. Torres precisou que “as Olimpíadas non son unha idea mala –aínda que pódense facer moito mellor-, pero vendelas como algo novidoso ou como unha idea orixinal deste goberno non está ben”.

    O mesmo sucede con iniciativas como o “Poio móvese” e outras que, segundo a popular, “presentan cada ano tres ou catro veces cambiándolle o logotipo e ás veces nin iso”. Torres lamentou outra técnica utilizada polo goberno local, que “se apropia do traballo dos demais”, e puxo como exemplo as distintas iniciativas dos veciños “que o goberno municipal presenta como súas, como “festas, eventos deportivos... que organizan e traballan os veciños e despois ven unha concelleira a facer a foto e colgar as medallas”.

    A edil popular recordou que en varias ocasións os concelleiros e concelleiras nacionalistas presentaron tamén como propios proxectos do Partido Popular, “como as sendas que só aparecían no programa do PP”, e lamentou que “postos a imitarnos, é unha mágoa que non copien as promesas de facer a depuradora, ou as beirarrúas en Campelo e na PO-308”.

    Torres concluíu apuntando que “a falta de ideas, o cansazo e a necesidade de vender fume son indicativos dun goberno que rematou o seu ciclo”.

    “Poio necesita renovación e ideas novas, non un grupo de persoas con tan pouco novo que ofrecer que ou copian a outros ou se copian a si mesmos”, rematou a popular: “Os veciños xa están cansos das mesmas caras coas mesmas ideas durante 21 anos”.