Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Os alcaldes e voceiros do PP reclaman a Deputación unha liña de axudas específica para os concellos afectados polo lume

     Consideran unha “tomadura de pelo” o anuncio feito polo Bipartito

    • Pedirán ademais a través dunha moción a reposición das axudas a colectivos veciñais e que a Deputación asuma o custo dos GES.
    • Lamentan que o Bipartito non se atrevera a reunirse cos alcaldes dos concellos afectados para explicar de onde saen os 90 millóns anunciados e dos que aínda non tiveron noticia. 

                                                                   

    Pontevedra, 7 de novembro de 2017.- Os alcaldes e voceiros do Partido Popular, reclaman a Deputación un compromiso serio cos concellos afectados polos incendios e non “unha tomadura de pelo” como a que o Bipartito fixo ata o de agora.

    Nunha reunión na sede provincial, á que acudiron alcaldes e voceiros de todos os concellos afectados polos lumes desta provincia así como os deputados provinciais do Partido Popular, acordaron presentar unha moción, tanto en Deputación coma nos Concellos, para reclamar unha liña de axudas específica que non comprometan os fondos do Plan Concellos que lles corresponde por lei; que se recupere unha liña de axudas dirixida a colectivos veciñais e que, como fan outras administracións provinciais, a Deputación  de Pontevedra asuma  o gasto do GES nos concellos. “Hai que recordarlle unha vez máis á presidenta da Deputación que a competencia en emerxencias nos concellos de menos de 20.000 habitantes lle corresponde a Deputación segundo di a lei aprobada polo Bipartito”, explicou Ángel Moldes.

    O voceiro do PP na Deputación e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela  que fixo de portavoz dos demais alcaldes, explicaron que non entendían ademais que a Deputación non se reunira aínda cos rexidores locais dos concellos afectados. “O único que fixo o goberno da Deputación foi un anuncio para quedar ben, nin se atreveron a reunirse cos alcaldes e explicarlle de onde saen os 90 millóns dos que falan”, sinalou Moldes.

    Cubela lamentou que nun momento no que todas as administracións deberían estar traballando para axudar aos concellos sexa precisamente a Deputación, a administración que se supón máis cercana aos concellos, a que estea restando.

    “Pedimos unha liña de axudas específicas que nos afecte ao Plan Concellos e cuxos proxectos están en marcha porque os hai que presentar nos 3 primeiros meses do ano”, explicou.

    “Demóstrase ademais que o Bipartito se equivocou retirando o Plan de Acción Comunitaria, pedimos no seu momento que non o eliminaran porque axudaba aos colectivos veciñais, e hoxe vemos que se fai máis necesario ca nunca, pois aínda hai veciños de moitos concellos do rural con traídas particulares que non puideron restablecer o servizo de auga potable”.

    Jorge Cubela subliñou que “esta non é a opinión do Partido Popular, é a opinión de todos os alcaldes e voceiros da provincia, independentemente da nosa cor política, que temos que soportar como a Deputación nos abandona cunha catástrofe destas características”.

    Explicou ademais que “mentres a Xunta de Galicia estableceu axudas específicas en menos de 2 semanas e mantivo reunións informativas con todos os alcaldes afectados, a Deputación intentou tomarnos o pelo ao recomendarnos tirar do Plan Concellos cando é algo que nos corresponde por lei co que os concellos investimos en estradas, saneamento ou outros servizos municipais”.

    “Os concellos precisamos da Deputación e pedímoslle que se sumen a axudar xa, pois os nosos veciños e os nosos servizos non poden seguir afectados por máis tempo”, sinalou o alcalde.