Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Lores segue a engordar con cartos públicos a rede clientelar do BNG

    Os populares desvelan novas facturas ao responsable comarcal do BNG en O Salnés, dentro dunha rede perfectamente tramada polo Alcalde,

    • Dende o ano 2015, Manuel Domínguez recibiu máis de 60.000 euros procedentes das arcas municipais a través de contratos menores por conceptos tan dispares como a compostaxe, clases de hulla – hop e agora tamén por actividades divulgativas na Feira Franca.
    • A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre, a revista Sermos Galiza e outros membros da formación nacionalista tamén recibiron cartos do Concello de Pontevedra.

     

    Pontevedra 8, novembro, 2017.- Dende o ano 2015, o responsable comarcal do BNG en O Salnés, Manuel Domínguez Rey, recibiu máis de 60.000 euros do Concello de Pontevedra a través de contratos menores asinados polo Goberno de Lores. Denuncia que fai pública este mércores a formación que encabeza Jacobo Moreira tras ter acceso a varias facturas emitidas nestes dous últimos anos de mandato e “pagadas cos cartos de todos os pontevedreses”.

    “Resulta curioso comprobar as distintas disciplinas que é capaz de dominar o sr. Domínguez Rey”, ironizou o portavoz popular, “tras comprobar que ditos contratos menores fan referencia a cousas tan dispares e variopintas como a compostaxe, clases de hulla – hop, obradoiros de calacús, e agora tamén se incorporan ás súas destrezas actividades divulgativas na Feira Franca”, apuntou Jacobo Moreira.

    Hai máis dun ano que os populares solicitaron explicacións ao Alcalde de Pontevedra, “buscábamos respostas ante este caso de caciquismo”, puntualizou o edil popular, “pero tan só recibimos evasivas por parte do Goberno de Lores”.

    “18 anos no goberno derivan en vicios como este: unha rede clientelar perfectamente tramada polo Alcalde de Pontevedra”, sinalou Jacobo Moreira, “cos cartos de todos os nosos veciños, Lores continúa premiando a membros do BNG e persoas afíns aos seu partido. Continúa confundindo o Concello de Pontevedra coa sede do BNG”.

    Así, os populares lembran que dende o Concello de Pontevedra, o Goberno de Lores pagou á organización xuvenil do BNG Galiza Nova, dúas facturas por valor de 600 euros cada unha; á Fundación Galiza Sempre, capitaneada por membros do BNG, recibiu tamén cartos de todos os veciños de Pontevedra, neste caso 5.000 euros; a revista Sermos Galiza, da que fora xerente a concelleira nacionalista Anabel Gulias e cuxa cúpula está formada por membros do BNG, recibe anualmente preto de 18.400 euros entre subscricións e publicidade; e o pasado mes de agosto desvelábamos o contrato de 70.000 euros asinado en 2012 polo Goberno de Lores con Xaquín Moreda, membro do BNG e do que consta unha irregularidade na contratación.

    “Todos estes anos no goberno xeraron un caldo de cultivo para o caciquismo e o nepotismo cos que Lores está a pagar favores aos compañeiros do seu partido”, lamentou Jacobo Moreira, quen insiste en que “os veciños de Pontevedra teñen dereito a coñecer en que e como inviste o Alcalde os cartos de todos”.